Val dos Templos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zona arqueolóxica de Agrigento
Templo da Concordia, no Val dos Templos
Agrigento en Italia
Agrigento
Agrigento
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísItalia Italia
TipoCultural
CriteriosI, II,III,IV
Inscrición1997 (21ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador831

O Val dos Templos, Valle dei Templi en italiano. inglés: Valley of the Temples; siciliano: Vaddi di li Tempri) é un sitio arqueolóxico en Agrigento (grego antigo Akragas), Sicilia. É un dos exemplos máis destacados de arte e arquitectura da Magna Grecia e é un dos principais atractivos de Sicilia e un monumento nacional de Italia. A área foi incluída na lista da UNESCO do Patrimonio da Humanidade en 1997. Gran parte da escavación e restauración dos templos debeuse aos esforzos do arqueólogo Domenico Antonio Lo Faso Pietrasanta (1783–1863), que era o duque de Serradifalco entre 1809 e 1812. O parque arqueolóxico e paisaxístico do Val dos Templos é o maior sitio arqueolóxico do mundo con 1.300 hectáreas.[1]

O termo "val" é un nome incorrecto, o sitio está situado nunha crista fóra da cidade de Agrigento.

Visión xeral[editar | editar a fonte]

O val inclúe restos de sete templos, todos de estilo dórico. A atribución dos nomes, agás o do "Olympeion", é unha mera tradición establecida nos tempos do Renacemento. Os templos son:

  • Templo da Concordia. Templo da Concordia, cuxo nome provén dunha inscrición en latín situada nas proximidades e que se construíu no século V a.C. Converteuse en igrexa no século VI d.C., agora é un dos mellores conservados do val.
  • Templo de Xuno, Agrigento. Templo de Xuno, tamén construído no século V a.C. Foi queimado no 406 a.C. polos cartaxineses.
  • Templo de Hércules, que foi unha das deidades máis veneradas dos antigos Akragas. É o máis antigo do val: destruído por un terremoto, hoxe só consta de oito columnas.
  • Templo de Zeus Olímpico, construído no 480 a.C. para celebrar a vitoria da cidade-estado sobre Cartago. Caracterízase polo uso de atlantes a grande escala.
  • Templo de Castor e Pollux. A pesar dos seus restos que inclúen só catro columnas, agora é o símbolo da moderna Agrigento.
  • Templo de Vulcano, tamén datado no século V a.C. Crese que foi unha das construcións máis impoñentes do val; agora é, con todo, un dos máis erosionados.
  • Templo de Asclepio, situado lonxe das murallas da antiga cidade, era o obxectivo dos peregrinos que buscaban curas para a enfermidade.

O Val é tamén o fogar da chamada Tumba de Terón, un gran monumento de tufo de forma piramidal, os eruditos pensan que se construíu para conmemorar aos romanos mortos na Segunda Guerra Púnica.

Plano da zona arqueolóxica de Agrigento

1. Templo de Hefesto
2. Kolymbéthra
3. Santuario das divinidades ctónicas e templo dos Dioscuros
4. Olimpieion
5. Tumba de Terón
6. Templo de Asclepio
7. Templo de Hércules
8. Templo da Concordia
9. Templo de Hera
10. Basilicula
11. Santuario de Deméter
12. Templo de Deméter
13. Barrio helenístico e romano
14. Outeiro de San Nicola, museo
15. Ecclesiasterión e oratorio de Falaris
16. Bouleuterión
17. Templo de Atenea
18. Templo de Zeus.

Templo da Concordia (Templo F)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Templo da Concordia, Agrigento.
Estatua de Medusa na parte traseira da á de Ícaro xunto ao Templo da Concordia.
Plano do templo da Concordia.

Debido ao seu bo estado de conservación, o Templo da Concordia está clasificado entre os edificios máis notables da civilización grega existentes na actualidade, xunto co Hefestión (Teseión) de Atenas e o templo de Poseidon en Paestum. É unha das formas de realización máis perfecta da arquitectura dórica. Cabe destacer, que o símbolo da UNESCO alude a esta fachada de 6 columnas do templo.

Recibe o seu nome por unha inscrición en latín atopada preto do templo, que contiña a palabra latina «concordia». Agora considérase que puido consagrarse en realidade aos Dióscuros, por crerse que xa en tempos dos gregos adoraran alí a dúas divindades.

Construíuse nos anos 440 - 430 a.C.. A irregularidade do terreo sobre o que está construído son superadas por unha base (krépis) importante. O seu plano corresponde á forma clásica dos templos de Agrigento: pronao, naos, opistódomo e perístilo.

Ten unha perístase de 6 x 13 columnas construídas sobre un soto de 39,44 x 16,91 m., cada columna dórica ten vinte sucos e un lixeiro éntase, e está coroada por un arquitrabe con tríglifos e métopas, tamén se conserva perfectamente o tímpano. A cella, precedida por un pronao accédese por un só paso, tamén consérvanse os pilonos coas escaleiras que permitian chegar ao tellado e, sobre os muros da cella e nos bloques do entaboamento da perístase, os buracos para sustentar as vigas de madeira do teito. O exterior e o interior do templo estaban cubertos por estuco policromado. O marco superior tiña canles con prótomes similares a leóns, mentres que o tellado estaba cuberto de azulexos de mármore.

O Templo da Concordia é de todos os de Agrigento, o construído de forma máis precisa. O problema dos extremos, consustancial aos templos dóricos (conflito entre a regularidade das métopas e tríglifos por unha banda, e o espazado regular das columnas do outro) resolveuse de forma infrecuente, procedeuse á vez a reducir a distancia entre as dúas últimas columnas e a prolongación da última métopa, para un mellor efecto visual.

As investigacións tamén mostraron que as partes inferiores do templo é adornado con estuco branco, mentres que rizo s, metopas e as partes superiores son pintados en cores brillante. O tellado foi cuberto con tellas mármore.

O ano de 597 foi transformada nunha igrexa cristiá por vontade do bispo Gregorio de Agrigento. Como resultado, está notablemente intacto. Converteu o templo nunha basílica dedicada aos Apóstolos e Pedro e Paulo. Cada unha das paredes da Cella foi entón perforada con doce arcadas, e tapiaron os intercolumnios, para obter unha estrutura cunha nave e dous corredores. A entrada prolongouse no lado occidental, o que significou a supresión da división entre o naos e o opistódomo, destruíuse o altar pagán mentres que a sancristía atopou o seu lugar no antigo pronao. A igrexa utilizouse ata o ano 1748, cando o templo foi restaurado ao seu estado orixinal. As sepulturas visibles dentro e fóra do templo datan da Alta Idade Media.

Templo de Xuno Lacinia (Templo D)[editar | editar a fonte]

Templo de Xuno.
Artigo principal: Templo de Xuno, Agrigento.

O Templo de Hera, coñecido como Templo de Xuno Lacinia (o equivalente romano desta deusa grega). Este templo construíuse sobre un basamento maioritariamente artificial. Data de circa do 450 a.C., medindo 38,15 x 16,90 m. é de estilo dórico, cun períptero de 6 columnas de ancho por 13 de longo, precedidas por un pronao e un opistódomo. Conserva gran parte das columnas orixinais.

O templo de Hera construíuse entre os anos 460 - 450 a.C. É un templo construído sobre un basamento ( krépis ) de catro chanzos, destinado a compensar as desigualdades do terreo. O conflito de ángulos inherentes aos templos dóricos resolveuse dun xeito distinto ao, por exemplo, "Templo da Concordia": os ángulos norte, oeste e sur sufriron unha simple contracción, é dicir, só se reduciu a separación das columnas do extremo, mentres que na fachada (lado leste) non se practicou ningunha contracción lateral, só unha redución do espazo entre as dúas columnas centrais.

O templo foi incendiado no ano 406 a.C. polo exército cartaxinés, e logo os romanos reparárono no século I a.C., Entón substituíron as tellas de mármore polas de terracota. O anástilo comezou a reconstruíuse no século XVIII: na actualidade, 25 das 34 columnas do peristilo atópanse reconstruídas. A columnata do Norte, polo tanto, mantén todos os seus capiteis e o seu arquitrabe, mentres que a Cella esta reducida a elementos de basamento e bases de columnas.

A un lado está o altar de 29,3 m × 10 m, case tan amplo como a cella, pero inclinado respecto a ele. Atopouse unha cisterna detrás do templo, no lado oeste.

Nas proximidades atópase Arcosolia e outras sepulturas da época bizantina, pertencentes á renovación do templo de Concordia a finais do século VI nunha igrexa cristiá.

Para o visitante, é o último da serie, xa que está situado no extremo sueste do planalto. Na práctica non sabemos moi ben a quen se dedicou este templo, a súa atribución a Hera baséase soamente nunha antiga confusión co templo de Hera no Cabo Licinio, preto da cidade calabresa de Crotone. Nestes templos gregos, adoitaban celebrar vodas.

Akragas 406 a. C. n.

Templo de Zeus olímpico (templo B)[editar | editar a fonte]

Os outros templos están moito máis destruídos, sufriron terremotos hai moito tempo e os seus restos foron saqueadas.

Inmediatamente despois da entrada ao parque, ao oeste está o templo de Zeus Olímpico (ou Olimpieion). Este templo Zeus Olímpico é, con diferenza, o máis grande. Trátase dun templo dórico pseudoperíptero cunha dimensión excepcional de 56,30 × 112,60 m. Crese que é o maior templo dórico construído, e o terceiro entre os templos gregos.

Construíuno o tirano Terón no 480 a.C., trala súa vitoria sobre os cartaxineses na Batalla de Hímera, á gloria dos vencedores gregos sobre os bárbaros. A súa identificación como templo de Zeus está baseada no testemuño de Diodoro Sículo, que deixou unha descrición. Ao leste do templo aínda atópase o altar no que se realizaban as hecatombes ou os sacrificios de cen touros.

O basamento (krépis) con cinco chanzos soportaba unha sala hipóstila de inspiración Cartaxinesa, composta de dúas filas de 12 piares cadrados cada unha, de 21 m de altura, con paredes ata aproximadamente a metade da altura. O perístilo tamén estaba composto por piares, 7 de ancho e 14 de longo, dunha altura de 17 m, con medias columnas unidas polas caras, formando masas de pedra de 4 m de diámetro. Estes piares externos estiveron conectados entre eles por divisións, é por iso que falamos dun templo «pseudoperíptero». O perístilo e os corredores cubríronse, mentres que a cella sería probablemente hípetra, é dicir, a ceo aberto. O número de columnas na fachada era impar, cun piar central no canto do acceso habitual á cella, a entrada facíase por dous pórticos situados nos extremos da fachada leste, dando acceso directo ás naves laterais, así como, aparentemente, por unha pequena entrada practicada no medio do lado sur.

Este templo caracterízase pola presenza dos chamados telamóns, estatuas colosais con aspecto humano. Estaban nunha especie de nichos creados na parte superior das divisións situadas entre as columnas exteriores. Estas estatuas tiñan unha altura duns 8 metros e soportaban o peso do tellado. Tiñan trazos cartaxineses e simbolizaban aos bárbaros vencidos e escravizados polos gregos. Engadíronse a unha representación do combate dos deuses do Olimpo contra os xigantes, esculpidos no frontón oriental do templo. En 1825, o pintor e arqueólogo Rafaello Politi reconstruíu un destes xigantes no chan, a partir de elementos dispersos. O xigante visible no sitio web é unha copia, xa que o orixinal está exposto, en posición vertical, no Museo Arqueolóxico de Agrigento.

Aínda que aparentemente este templo usouse, parece que nunca se rematou, a construción abandonouse despois da invasión cartaxinesa do ano 406 a.C. As súas pequenas pedras reutilizáronse amplamente en construcións de séculos posteriores, como os peiraos de Porto Empedocle (século XVIII).

Templo de Hércules (Templo A)[editar | editar a fonte]

Templo de Hércules.
Artigo principal: Templo de Hércules, Agrigento.

Preto da estrada, na parte oriental do parque, e xunto á entrada, xunto á porta IV (porta Aurea) está o Templo de Hércules. Foi dedicado á veneración do heroe deificado Heracles ou Hércules, un dos máis respectados polos habitantes da vella Akragas. A identificación é proporcionada por Cicerón en persoa, cuestor de Sicilia no ano 75 a.C. Nas súas famosas acusacións contra Verres, refírese a unha grande estatua de bronce de Hércules, un templo situado no ágora (ágora inferior, á beira da porta IV), os seus beizos e queixo estaban desgastados, dicíanse, ao ser tocados polos peregrinos, e Verres tiña previsto apoderarse dela.

O templo de Hércules é o máis antigo de todos os situados preto do muro sur, edificándose cara ao ano 500 a.C. en estilo dórico períptero. As súas dimensións son de 25,34 × 67,00 m. Se alza sobre un basamento de tres chanzos. O seu plano é conforme ao da maioría dos templos de Sicilia. O seu perístilo de 6 x 15 columnas, con todo, é máis longo do normal, o que permitiu proporcionar aos extremos un espazo igual ao ancho de dúas columnas, tanto diante do pronao como detrás do opistódomo. Falta o áditon, común nos templos de Sicilia.

Os elementos do arquitrabe mostran sangrías de elevación en U, destinadas a pasar peches de descarga simétricos. Destruído por un terremoto, atopáronse restos do templo espallados por toda a área, como os capiteis cubertos con estuco así como moitos outros elementos do templo. Hoxe só quedan oito columnas visibles no lado sur levantadas en 1924, mentres que o lado norte o estivo a partir do século XIX.

Templo de Hefesto (Templo G)[editar | editar a fonte]

Cinco solucións ao conflito de ángulos nos templos dóricos:
I. Non facer nada e deixar a última columna sobresaia.
II. Alongando a última métopa;
III. Alongar o último tríglifo;
IV. Diminuír o espazo entre as dúas últimas columnas;
V. Engadir un segmento baleiro ao final.

O Templo de Hefesto (Vulcano na mitoloxía romana), tamén oo século V a.C.. (Circa 430 a.C.), crese ue era un dos edificios máis impoñentes do lugar, pero hoxe é un dos máis afectados polo paso do tempo e dos fenómenos naturais. Está situado na parte suroeste da cidade vella, ao outro lado do val, sendo o que queda no bordo occidental do outeiro dos templos. É de estilo dórico períptero de 6 × 13 columnas, e mide 17´06 x 35´19 m.

Está precedido por un anticuado Sacello. É un edificio con cella e pronao (13´25 x 6´50 m.), a decoración arquitectónica reconstruíuse recentemente. O edificio dórico sobreposto a este Sacello esta mal conservado. Alzábase sobre un krepis de catro chanzos. As columnas tiñan unha rudentatura de obvia influencia xónica.

No lado occidental da cidade consévanse os restos das portas VI e VII, a primeira probablemente con porta e contraporta no medio dun pequeno val atravesado por un camiño directo cara a Eraclea, a segunda guarnecida por dúas torres, e no val, dous poderosos baluartes externos, un avanzado sistema de defensa semellante ao existente en Camarina (Sicilia). Máis ao norte atópanse os restos das portas VIII e IX.

Templo de Asclepio (Templo H)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Templo de Asclepio, Agrigento.

O templo de Asclepio (Aesculapius na mitoloxía romana) construíuse ao sur da antiga cidade, lonxe das murallas no centro da chaira de San Gregorio, polo que pode considerarse, en rigor, noutro barrio diferente do val dos Templos, sendo o máis meridional dos edificios. Data da segunda metade do século V a.C., quizais dos seus últimos vinte anos. É de estilo dórico in antis ou pseudoopistodomo. É bastante pequeno, porque as súas dimensións son 10´70 × 21´70 m. Era un lugar de peregrinación dos enfermos que querían curarse.

Tendese a preservar a identificación tradicional como probable a partir da descrición de Polibio (I 18, 2), segundo a cal o templo debía atoparse ante a cidade, a unha distancia dun quilómetro e medio, na parte presuntamente oposta á estrada cara a Eraclea. A distancia non é exacta, aínda que Polibio podería proporcionar unha indicación xenérica, o illamento e a relativa modestia e antigüidade do edificio, sobre todo para o culto de Asclepio, fan que a identificación sexa insegura. No santuario de Asclepio consevabase unha estatua de bronce de Apolo, obra de Mirón, doada por Escipión á cidade e roubada por Verres (Cicerón, Verrinas, II 4, 93). Álzase sobre un "krépis" de tres chanzos. A peculiaridade infrecuente do edificio é o falso opistódomo representado por dúas semi-columnas situadas na parte externa do fondo da cella, que quere imitar unna estrutura anfipróstila. Tamén destacan parte do entaboamento, con grandes cabezas leoninas, friso e "geison" do frontón.

Templo dos Dióscuros (Templo I)[editar | editar a fonte]

Columnas Templo de Castor e Pollux
Artigo principal: Templo dos Dioscuri, Agrigento.

Ao oeste do Olimpieion esténdese ata a porta V un barrio da cidade, con vestixios de casas de habitación, ata a Porta V. Do norte deste templo parte unha vía procesional que rodea as casas para unirse á Porta V e ao templo dos Dióscuros. É un nome atribuído arbitrariamente, fontes antigas dinnos, de feito, que en Akragas honrábase a Cástor e Pólux, pero investigacións recentes tenden máis ben a vincular aos xemelgos ao chamado tradicionalmente «templo da Concordia». Data de mediados do século V a.C. Pertence ao estilo dórico períptero e mide 13,86 × 31,70 m.

O "templo dos Dioscuri" ten unha planta similar ao da Concordia. A esquina sueste reconstruíuse no século XIX polo escultor Valerio Villa Reale e o arquitecto Saverio Cavallari. Esta reconstrución é certamente moi pintoresca, e chegou a ser ata un símbolo e un dos vestixios máis fotografados de Agrigento, pero é rexeitada polos profesionais da historia da arte, hai unha mestura de elementos de diferentes estilos e períodos. Numerosos restos de tambores de columnas estriados que formaban anteriormente un perístilo están dispersos por toda a superficie do templo. Tamén se pode distinguir, no lado leste, restos do altar.

Outros monumentos[editar | editar a fonte]

Santuario das divindades ctónicas e do templo L[editar | editar a fonte]

O templo dos Dióscuros está sobre un témenos que é o máis antigo de todos os lugares de culto coñecidos en Agrigento. Os gregos veneraban alí aos seus deuses antes da construción dos grandes templos, e os sicanos utilizárono como lugar de culto.

Neste témenos, ao sur do templo dos Dióscuros, atopáronse os restos doutro templo períptero (templo L) construído pouco despois co mesmo plano, pero un pouco máis grande. Os dous templos probablemente construíronse sobre anteriores edificios de culto.

Na parte norte do santuario, aínda atópanse os basamentos de lugares de culto da relixión da Antiga Grecia que se remontan á primeira metade do século VI a.C., é dicir, pouco despois da fundación da cidade. Os gregos honraron aos deuses ctónicos, especialmente ás deusas da terra e da fertilidade, Deméter e a súa filla Perséfone, pero tamén Hécate e Hades. Esta zona delimita así o santuario das divindades ctónicas.

No medio destes lugares de culto hai un altar circular e outro rectangular. O altar circular ten unha cavidade no medio que servía para depositar as ofrendas líquidas ou para recoller o sangue dos animais ofrecidos en sacrificios de animais. En torno a estes altares ordeanse os edificios en forma de megaron con pronao, naos e áditon,[2] dous en dirección leste-oeste e outro en dirección norte-sur. Este último está relacionado cun edificio de culto de cella rectangular que ten unha entrada cuxa fachada está constituída por catro piares. Ao norte hai outro edificio de culto con aparencia de labirinto, cun altar cadrado a un lado e un altar circular na última sala.

Necrópole[editar | editar a fonte]

A necrópole primitiva cristiá está próxima ao Templo de Concordia, xa que a área arredor do templo foi posteriormente reutilizada polos primeiros cristiáns como unha catacumba, con tumbas extraídas dos cantís e afloramentos rochosos.

Outeiro de San Nicolás[editar | editar a fonte]

Ao norte con respecto á crista montañosa na que se atopan os templos das deidades ctónicas ata a de Xuno atópase a zona de San Nicolás, barrio helenístico-romano. Alí atópase unha necrópole helenística romana. logo pode verse o Ecclesiasterión e o oratorio de Falaris; xunto ao lugar atópase o Museo Arqueolóxico. Finalmente, un pouco máis ao norte atópase a Buleuterión.

A chamada tumba de Terón é un monumento de rocas volcánicas de notables dimensións en forma de pirámide, que se cre erixíuse en memoria dos caídos na segunda guerra púnica.

Acrópole[editar | editar a fonte]

Os templos máis coñecidos de Agrigento, como o de Zeus, da Concordia ou o de Hera, permanecen na cretería sur da cidade. Xusto no lado oposto da muralla, no extremo noroeste da cidade, atopábase a Acrópole, con dous templos máis, o de Zeus e o de Atenea. Ao leste do "val dos templos" atópase o templo de Deméter. Tamén se deben mencionar outros vestixios, como un sarcófago de mármore.

Mapas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Parco Valle dei Templi". 30 de maio de 2014. 
  2. Dentro do templo grego é a cámara secreta, á que so poden acceder os sacerdotes, definición de Glosario artehistoria

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]