Vagalume (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vagalume
PaísEspaña
Lingualingua galega
Fundación1975
editar datos en Wikidata ]

Vagalume foi unha publicación infantil e xuvenil de periodicidade quincenal, escrita en galego baixo a supervisión do Instituto da Lingua Galega. Foi editada en Santiago de Compostela pola editorial Lumeiro S.A., cidade na cal foi publicado o seu primeiro número en xaneiro de 1975. Despois do suplemento Axóuxere (1974) foi a primeira publicación infantil en galego do tardofranquismo.[1]

Nun primeiro momento, foi dirixida nominalmente por Marta Isabel García Leániz se ben o director real e inspirador do proxecto foi Xosé María Méndez Doménech, quen debido ó seu pasado antifranquista non aparecía como tal, e que para levalo adiante contou coa participación de varios estudantes ligados na súa maioría á Federación Socialista Galega do PSOE, pero no ano 1978 é Xosé Fortes Bouzán o que se encarga desta actividade.

A partir do número 13 (xaneiro 1976), a revista inicia unha nova etapa formal e temática: elabórase en papel satinado, de maior calidade e desaparecen moitas das seccións e historietas, para dar paso ás colaboracións dos escolares galegos de EXB, que adquiren un maior protagonismo na publicación. Co nº 25 a redacción trasladouse a Pontevedra e en xaneiro de 1978, baixo a dirección de Xosé Fortes Bouzán, iníciase unha nova etapa en Vagalume; amplía o seu capital en dous millóns e medio de pesetas mediante accións de mil pesetas, tírase nunha nova imprenta a offset, aumenta o número de páxinas de 20 a 24 páxinas e convértese nunha publicación de periodicidade mensual. Pero a pesar destas melloras citadas a revista desaparece en abril-maio de 1978 co seu último número extra 45/46 adicado ao Día das Letras Galegas.

Dirección[editar | editar a fonte]

Baixo a coordinación nominal da mestra rural e monxa Marta García de Leániz (galega de devoción), diplomada en publicacións infantís pola Escola de Periodismo da Universidade de Barcelona, o 1 de xaneiro de 1975 saía o primeiro número da publicación.

Desde o Nadal de 1977 e até a súa fin a publicación aséntase definitivamente en Pontevedra, tendo á fronte o profesor Xosé Fortes.

Características[editar | editar a fonte]

  • Título Facial: Vagalume.
  • Subtítulo: Publicación infantil e xuvenil.
  • Formato: Caderno.
  • Encadernación: Grampa.
  • Dimensións: 31,3 x 21,6 cm.
  • PVP: 30 pts.
  • Números: 46.
  • Numeracións: 1 a 46.
  • Páxinas: 16-20.
  • Idioma: Orixinal en galego.
  • Carácter: Didáctico.
  • Temática: Infantil, humor.
  • Xénero: Humorístico, costumismo, mitolóxico, deportivo.
  • Finalidade: Poñer nas mans dos educadores material educativo en galego que interesase aos lectores e lles brindase a oportunidade de ler na súa lingua.

Temática[editar | editar a fonte]

Contaba con diferentes seccións: historia, xeografía, ciencias naturais, matemáticas, temática de iniciación literaria, contos, historias educativas, debuxos e historietas.

Autores[editar | editar a fonte]

  • Portada: Miguel Docampo, Xiráldez, Pablo Oitabén, Lázaro (Ricardo)
  • Humor gráfico: Saavedra Pita
  • Debuxos: Madorell, Xirinius, Miguel Docampo, Pepe Ferreiro, Pepe Barro
  • Guións: Joaquim Carbo
  • Historietas: Gonzalo Navaza, Lázaro (Ricardo), Oitabén, Picanyol, Madorell, Xiráldez, Navarro
  • Ilustracións: Picanyol, Siro, Xiráldez, Miguel Docampo
  • Deseño gráfico e maquetación: Miguel Docampo, Siro, Ana Romero Masiá
  • Poesías e Contos: Dora Vázquez, Pura Vázquez, Paz López Facal, Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas, Xoán Babarro, Francisco López Peña, Xosé María Méndez, Ana María Fernández, e varios nenos
  • Seccións educativas: Luis Miguel Fernández (creador do raposo Pillabán), Xosé María Méndez

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "45 anos de «Vagalume» – Brétemas". Consultado o 2023-02-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]