Věra Čáslavská
Věra Čáslavská, nada en Praga o 3 de maio de 1942 e finada na mesma cidade o 30 de agosto de 2016, foi unha ximnasta artística chechoslovaca e unha autoridade deportiva da República Checa. Gañou un total de 22 títulos internacionais entre 1959 e 1968, incluíndo 7 ouros olímpicos, 4 títulos mundiais e 11 europeos. Čáslavská é a ximnasta checa con máis condecoracións da historia e é unha das tres ximnastas mulleres, xunto coa soviética Larissa Latynina e a estadounidense Simone Biles, que gañou dous ouros olímpicos no concurso completo. É tamén a única ximnasta, home ou muller, que logrou un ouro olímpico en cada modalidade de xeito individual. Ademáis, foi a primeira ximnasta que conseguiu un 10 nunha competición importante despois de 1952, ano en que se estandarizou o sistema de puntuación na ximnasia e se puxo o límite no 10. Ostentou o récord de ser a deportista feminina con máis ouros individuais (7) na historia das Olímpiadas até que foi superada pola nadadora Katie Ledecky en 2024, 56 anos despois.
Alén do seu éxito na ximnasia, Čáslavská foi coñecida polo seu apoio público ao movemento pola democratización de Checoslovaquia e a súa oposición á invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia en 1968. Nas Olimpíadas de 1968 na Cidade de México, levou esta protesta ao punto de mira mundial torcendo a mirada mentres soaba o himno nacional soviético durante as cerimonias de entrega das medallas da barra de equilibrios e de chan. A actitude de Čáslavská foi aplaudida polos seus compatriotas, mais tivo como consecuencia ser declarada persona non grata no novo réxime. Foi forzada a retirarse e durante moitos anos negóuselle o dereito de viaxar, traballar e asistir a acontecementos deportivos.
A situación de Čáslavská mellorou na década de 1980, coa intervención de membros do Comité Olímpico Internacional, e tras a Revolución de Veludo o seu status mellorou de xeito significativo. Durante a década de 1990 desempeñou varios postos de honra, incluído un período como presidenta do Comité Olímpico Checo.
Traxectoria na ximnasia
[editar | editar a fonte]
Nada en Praga, nun inicio dedicouse á patinaxe artística sobre xeo. Čáslavská debutou de xeito internacional en 1958 no Campionato Mundial de Ximnasia Artística, en que gañou a medalla de prata polo seu equipo. O seu primeiro título internacional chegou o ano seguinte no Campionato Feminino Europeo de Ximnasia Artística, en que obtivo o ouro no poldro e a prata na barra de equilibrios. Participou por primeira vez nas Olimpíadas de 1960 en Roma, en que gañou a medalla de prata co equipo checoslovaco e o ano seguinte a de bronce no concurso completo no Campionato Europeo. Loitou polo concurso completo no Mundial de 1962 de Praga, conseguindo a prata por detrás de Larissa Latynina, e logrou o seu primeiro título mundial no poldro. Non competiu no Europeo de París do ano seguinte.
Entre 1964 e 1968 Čáslavská gañou 19 medallas de ouro en competicións internacionais importantes. Neses anos permaneceu invicta nos concursos completos. É a única ximnasta muller que gañou todos os concursos completos olímpicos, mundiais e europeos en dúas Olimpíadas consecutivas. Alcanzou o máximo esplendor nas Olimpíadas de 1964 en Toquio, nas que gañou o ouro no concurso individual, na barra de equilibrio e no poldro, alén doutra medalla de prata por equipos. No Mundial de 1966 Čáslavská defendeu o seu ouro no salto de poldro e converteuse na campioa do concurso completo. Ademais, logrou o ouro por equipos, o que rompeu o monopolio soviético dese metal. Čáslavská dominou os campionatos europeos de 1965 e 1967, nos que logrou os cinco títulos individuais, ademais de dous deces en 1967.[1] É a única ximnasta que conseguiu os cinco ouros individuais en dous campionatos europeos.
Antes das Olimpíadas de 1968 na Cidade de México, Čáslavská perdeu o local en que adestraba debido á invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia en 1968. Así, tivo que utilizar sacos de pataca como pesos e troncos como barras de equilibrio para adestrar nos bosques da cordilleira de Hrubý Jeseník, ao norte de Moravia. En 1968 volveu dominar as Olimpíadas e conseguiu medallas nos seis eventos. Revalidou o concurso completo e logrou o ouro en chan, barras desiguais e poldro, e a prata na barra de equilibrio e por equipos. Obtivo o concurso completo coa puntuación máis alta lograda até entón. A súa vitoria por 1,4 puntos foi a maior marxe de vitoria nunhas Olimpíadas, mundiais ou campionatos europeos femininos nun concurso completo en 48 anos, até ser superada en 2016. Até as Olimpíadas de 2024 en París, ela e Larissa Latynina son as únicas ximnastas que gañaron a medalla de ouro no concurso individual en Olimpíadas consecutivas. É tamén unha das dúas únicas ximnastas mulleres que revalidaron a medalla de ouro no poldro. O seu uso do Jarabe tapatío (música tradicional mexicana) para o seu exercicio de chan e o seu casamento na cidade déronlle gran popularidade entre a sociedade mexicana.
Protesta nas Olimpíadas de 1968
[editar | editar a fonte]Os logros de Čáslavská nas Olimpíadas de 1968 tiveron especial repercusión debido á convulsa situación política de Checoslovaquia. Čáslavská manifestara abertamente a súa oposición ao comunismo de corte soviético e á invasión soviética e asinara o manifesto <i>Dva tisíce slov</i> («As Dúas Mil Palabras») de Ludvik Vaculík na primavera de 1968. Para evitar ser arrestada deixou as instalacións nas que adestraba na cidade de Šumperk coa axuda de Zdeněk Zerzáň, xefe do Servizo de Rescate de Montaña da vila de Jeseník. As semanas que faltaban para as Olimpíadas pasounas agochada nunha cabana de montaña en Vřesová studánka, e até o último momento non se lle concedeu permiso para viaxar á Cidade de México.
Nas Olimpíadas, onde volveu enfrontar a oposición soviética , Čáslavská continuou a expresar sutilmente as súas ideas. Nun principio gañara a medalla de ouro en chan. Porén, tras actualizárense as puntuacións da soviética Larisa Petrik, produciuse curiosamente un empate polo ouro entre ambas ximnastas. Isto sucedeu inmediatamente despois doutra controvertida decisión que lle custou a Čáslavská o ouro na barra de equilibrio, ouro que acabou levando a súa rival soviética Natalia Kuchinskaia. Claramente desanimada e incomodada pola política da puntuación en favor da URSS, protestou durante ambas cerimonias de medalla torcendo a mirada mentres soaba o himno nacional soviético.[2][3]
Anos posteriores
[editar | editar a fonte]O pobo checo valorou a ousadía de Čáslavská no principal escenario do mundo e en 1968 foi recoñecida como a Deportista checoslovaca do Ano (por cuarta e última vez). Polo contrario, a súa federación non estaba satisfeita en absoluto debido ao apoio continuo de Čáslavská ao movemento de democratización de Checoslovaquia. Durante as purgas posteriores á invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia en 1968 prohibíuselle viaxar ao estranxeiro e participar en eventos deportivos tanto dentro como fóra do país. Čáslavská viuse forzada a retirarse e foi considerada persoa non grata durante moitos anos no seu país.
As autoridades checoslovacas negáronse a publicar a autobiografía de Čáslavská e insistiron en que sería fortemente censurada cando se publicase no Xapón. Permitíuselle saír do país para traballar como adestradora en México, mais só cando o goberno mexicano ameazou con frear as exportacións de petróleo a Checoslovaquia, segundo se informou. Tras regresar de México a comezos da década de 1980 compartiu unha oficina co atleta Emil Zátopek. Quen outrora foran estrelas do deporte traballaban realizando funcións administrativas insignificantes, marxinados polo seu propio país. A finais da década, por presión de Juan Antonio Samaranch, entón presidente do Comité Olímpico Internacional —quen lle outorgou a Orde Olímpica—, as autoridades checoslovacas permitíronlle a Čáslavská traballar como adestradora e xuíz no seu país.
Despois de que a Revolución de Veludo en novembro de 1989 puxese fin ao goberno comunista de Checoslovaquia, o status de Čáslavská mellorou de xeito considerábel. Converteuse en asesora en deportes e asuntos sociais do presidente Václav Havel e foi nomeada Presidenta de Honra da Asociación Checo-xaponesa. Anos despois, tras deixar a oficina do Presidente, foi elixida Presidenta do Comité Olímpico checo. En 1995 foi nomeada para converterse en socia do Comité Olímpico Internacional.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Čáslavská reciviu numerosos galardóns polas súas contribucións á ximnasia. Ademáis da Orde Olímpica, en 1989 a UNESCO outorgoulle o premio Pierre de Coubertin ao Xogo Limpo e salientou a súa «dignidade exemplar» na ceremonia de entrega. En 1995 foi condecorada coa Medalla ao Mérito da República Checa. Foi incluída no Salón Mundial da Fama do Deporte Feminino en 1991 e no Salón Mundial da Fama da Ximnasia in 1998. En 2010 foi condecorada coa Orde do Sol Nacente de terceira clase. O emperador do Xapón agasallouna cunha catana do século XVII [4] e cun quimono cerimonial.
En 2014 recibiu, xunto coa xornalista Iva Drápalová, o premio Hanno R. Ellenbogen que outorga anualmente a Prague Society for International Cooperation e a Global Panel Foundation, polo seu excepcional valor cívico.
Un dos asteroides do cinto principal interior, (26986) Caslavska, leva o seu nome.
Vida privada e morte
[editar | editar a fonte]
Pouco antes do fin das Olimpíadas de 1968, Čáslavská casou co atleta Josef Odložil, quen lograra a medalla de prata en 1500 m nas Olimpíadas de 1964 en Toquio. A cerimonia, que tivo lugar na Catedral de Cidade do México, atraeu a miles de persoas. Tiveron unha filla, Radka, e un fillo, Martin. Divorciáronse en 1987. En 1993 o seu fillo e o seu ex-marido víronse implicados nunha liorta na que Martin presuntamente golpeou a Josef. Este caeu ao chan e levou un golpe na cabeza que o deixou en coma, finando 35 días despois.
Čáslavská caeu nunha depresión severa. O seu carácter tornou apático e raramente era vista en público.[2] Chegou a recibir tratamento nun hospital psiquiátrico, onde mesmo recibiu terapia electroconvulsiva antes de ser trasladada a un asilo. Čáslavská logrou superar a súa depresión despois duns 15 anos e retomou a súa vida no deporte como adestradora de ximnasia. Tras moitos anos de illamento en que só a vían as súas amizades máis próximas e a súa familia, semellaba estar a recuperar as ganas de vivir. Calificaba de «milagrosa» a súa nova enerxía até o punto de facer gozar ao público mexicano. Foi convidada a un evento de ximnasia en Acapulco, no que demostrou de xeito espontáneo que aos 70 anos aínda era quen de facer o spagat.
En 2015 foille diagnosticado un cancro de páncreas. No verán de 2016 a súa saúde deteriorouse de xeito significativo, polo que o 30 de agosto ingresou nun hospital en Praga, onde morreu con 74 anos.[5]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Ano | Evento | Equipo | CC | P | BA | BE | S |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1957 | Campionato Xuvenil da República | ![]() |
|||||
1958 | Campionato Nacional | ![]() |
|||||
Mundial | ![]() |
8 | |||||
1959 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
Campionato de Europa | 8 | ![]() |
![]() | ||||
1960 | Campionato Nacional | ![]() |
|||||
Espartaquiada | ![]() |
![]() |
![]() | ||||
Olimpíadas | ![]() |
8 | 6 | ||||
1961 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
|||
CS vs RDA | ![]() |
4 | ![]() |
![]() | |||
Campionato de Europa | ![]() |
6 | 5 | 6 | ![]() | ||
1962 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
CS vs RDA vs UKR | ![]() |
![]() |
|||||
Internacional de Tbilisi | ![]() |
||||||
Mundial | ![]() |
![]() |
![]() |
5 | 5 | ![]() | |
1963 | JP vs. CS | ![]() |
![]() |
||||
1964 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
CS vs RDA | ![]() |
![]() |
|||||
Olimpíadas | ![]() |
![]() |
![]() |
5 | ![]() |
6 | |
USA vs CS | ![]() |
![]() |
|||||
1965 | Espartaquiada | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
Campionato de Europa | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | ||
1966 | Campionato Nacional | ![]() |
|||||
HUN vs CS vs GBR | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | ||
RFA vs CS | ![]() |
![]() |
|||||
Mundial | ![]() |
![]() |
![]() |
4 | ![]() |
![]() | |
1967 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
Campionato de Europa | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | ||
1968 | Campionato Nacional | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() | |
Olimpíadas | ![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tatlow, Peter (1980). Gymnastics: All the Beauty and Skills (en castelán). Book Sales. p. 143. ISBN 9780711100046.
- ↑ 2,0 2,1 Reynolds, Tom (20 de outubro de 2018). "Vera Caslavska and the forgotten story of her 1968 Olympics protest". BBC (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2024.
- ↑ Pierce, Charles P. (21 de agosto de 2023). "Olga Kharlan’s Stand Had History Behind It". Defector (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2024.
- ↑ Hašek, Martin (4 de novembro de 2011). "Legendární gymnastka Věra Čáslavská: Můj meč hlavy nestínal". iSport (en checo). Consultado o 4 de xaneiro de 2025.
- ↑ Lopatka, Jan; Hovet, Jason (31 de agosto de 2016). "Czech gymnast Caslavska, Olympic great and anti-Soviet icon, dies at 74". Reuters (en inglés) (Praga). Consultado o 10 de xaneiro de 2025.
- Medallistas olímpicos de prata por Checoslovaquia
- Medallistas olímpicos de ouro por Checoslovaquia
- Medallistas olímpicos en ximnasia
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1964
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1960
- Ximnastas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Ximnastas nos Xogos Olímpicos de 1964
- Ximnastas nos Xogos Olímpicos de 1960
- Finados en 2016
- Nados en 1942