Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 24 de outubro de 2012 ás 08:11 por Xas (conversa | contribucións)

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, nado o 16 de setembro de 1934 en Taboada, é un político galego.

Traxectoria

Conselleiro sen carteira con Xosé Quiroga Suárez na preautonomía, foi un dos redactores do Estatuto dos dezaseis; deputado no Parlamento de Galicia por Alianza Popular e despois polo Partido Popular (1981-1997).

Foi conselleiro de Educación con Xerardo Fernández Albor (1983-1986) canalizando a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria. Durante o seu mandato aprobáronse os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o 19 de outubro de 1985, co que se desbloqueaba a aplicación da Lei de Reforma Universitaria[1]. Cando o vicepresidente da Xunta Xosé Luís Barreiro Rivas presentou a súa dimisión, Vázquez Portomeñe seguiuno pero non na súa marcha de AP. De feito, asume a portavocía deste grupo facendo oposición ao tripartito PSOE-Coalición Galega-Partido Nacionalista Galego, nacido da moción de censura a Albor [2].

Con Manuel Fraga foi conselleiro de Relacións Institucionais e voceiro do goberno (1990-1993), posto dende onde puxo en marcha o primeiro Ano Xacobeo como programa de difusión cultural, turística e institucional de Galicia co gallo do Ano Santo xubilar de 1993. Posteriormente, asumiu o cargo de conselleiro de Cultura (1993-1996) acadando a unanimidade no Parlamento de Galicia para os proxectos normativos que serían aprobados como a Lei 8/1995, do 28 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei 3/1996, do 10 de maio de Protección dos camiños de Santiago. Puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia e impulsou a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de Galicia[3] Finalmente foi conselleiro sen carteira para Asuntos Parlamentarios (1993-1997). Desde 1996 foi senador.

En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.[4]


Predecesor:
Francisco Cacharro Pardo
 
conselleiro de Educación
 
1983-1986
Sucesor:
María Xesús Sáinz
Predecesor:
'
 
conselleiro de Relacións Institucionais
 
1990-1993
Sucesor:
Juan Miguel Diz Guedes
Predecesor:
Daniel Barata Quintas
 
conselleiro de Cultura
 
1993-1996
Sucesor:
Xesús Pérez Varela

Vida persoal

Está casado coa escritora Otilia Seijas, e ten tres fillos.

Notas

  1. A Gran Historia de Galicia, XIV, volume 2. Edicións La Voz de Galicia 2007, pax. 89
  2. Xosé de Cora, Barreiro contra Barreiro, Edicións Xerais, Vigo 1990, pax. 243
  3. Galicia 1997, Xunta de Galicia, 1997, pp 381 e 385. ISBN 84-453-1915-9
  4. La Xunta otorga las medallas de Galicia al Cabildo de la catedral de Santiago y a Vázquez Portomeñe