Víctor Lago Román

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Víctor Lago Román
Placa ao xeneral Víctor Lago Román. Cuartel das Forzas Pesadas, Burgos.
Nome completoVíctor Lago Román
Nacemento13 de agosto de 1919, O Carballiño, Galicia Galicia
Defunción4 de novembro de 1982, Madrid
FidelidadeEspaña Bando sublevado
España España franquista
España España
Rama Infantaría do Exército de Terra de España
División Azul
RangoXeneral de División
UnidadeDivisión Acoirazada Brunete
Batallas/GuerrasGuerra civil española
Segunda guerra mundial
Distincións Medalla da Campaña (1936-1939)
Medalla da Campaña de Rusia
Gran Cruz ao Mérito Militar con distintivo branco
Cruz de Guerra
Cabaleiro gran cruz da Orde de San Hermenexildo

Víctor Lago Román, nado no Carballiño o 13 de agosto de 1919 e finado en Madrid o 4 de novembro de 1982, foi un militar galego, que foi xefe da División Acoirazada Brunete. Morreu asasinado nun atentado de ETA.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Carreira militar durante a guerra e o franquismo[editar | editar a fonte]

Ingresou no Exército o 18 de xullo de 1936 como voluntario. O seu primeiro destino coas tropas do xeneral Franco foi en defensa do Alto del León en Madrid. Máis tarde incorporouse á V Bandeira da Lexión, onde alcanzou os graos de tenente e capitán. En 1940 ingresou na primeira promoción de Transformación, da Academia Xeral de Zaragoza. Ingresou na División Azul e fixo toda a campaña ata 1944. Mandou despois o primeiro tabor do Corpo de Tiradores de Ifni. Participou nas campañas de Ifni e Sáhara. Despois mandou a VII Bandeira do Terzo Sahariano Don Juan de Austria, III da Lexión. Tamén comandou o rexemento Wad Ras.[2]

Carreira militar na democracia[editar | editar a fonte]

O 30 de setembro de 1981 foi nomeado gobernador militar de Madrid e subinspector de tropas e servizos da Primeira Rexión Militar. Ocupando este cargo, o 28 de outubro de 1981, presidiu os consellos de guerra celebrados contra o coronel Álvaro Graíño e o capitán Juan Milan del Bosch y Portolés.[3] As sentenzas dos consellos foron reunidas polo goberno e anuladas polo entón capitán xeneral de Madrid, o tenente xeneral Guillermo Quintana Lacaci, celebrándose uns novos consellos de guerra o 26 de xaneiro de 1982, presididos xa polo novo gobernador militar de Madrid, o xeneral Salvador Portillo Togores. O xeneral Víctor Lago Román foi nomeado xefe da División Acoirazada Brunete número 1. O 23 de setembro de 1981 substituíu no cargo ao xeneral Carbonell, que pasou á situación B ao cumprir a idade regulamentaria. O xeneral Lago Román foi o que ocupou accidentalmente a Capitanía xeneral de Madrid durante o curto período de tempo entre o paso do tenente xeneral Guillermo Quintana Lacaci á situación B e o nomeamento de Ricardo Arozamena Girón como capitán xeneral de Madrid.

Atentado e morte[editar | editar a fonte]

O xeneral Lago Román morreu ametrallado por dous terroristas que usaron unha motocicleta, pouco despois das 8:30 da mañá do 4 de novembro de 1982, na avenida do Arco da Victoria na Cidade Universitaria de Madrid.[4]

Ese día saíu da súa casa, unha vivenda militar situada na rúa Santa Engracia, ás 8.15 horas, vestido de uniforme. Como de costume, non levaba escolta. Subiu ao seu coche oficial, un Seat 131 con matrícula do exército español, número 5.714-1. Ao volante atopábase Juan Carlos Villalba, o soldado condutor. O xeneral instalouse no asento traseiro. O coche dirixiuse cara á Cidade Universitaria. Ás 8:35 unha moto Guzzi ocupada por dúas persoas achegouse desde a dereita, estabilizando a marcha cando se colocou á altura do coche. Un dos motoristas, o acompañante, disparou dous ou tres refachos de metralleta contra o coche. O soldado xirou á esquerda e baixou a cabeza. Uns vinte proxectís perforaron a chapa e pulverizaron os cristais. O xeneral inclinouse sobre o asento no medio dunha gran mancha de sangue. O coche detívose, mentres que a moto fuxiu. Tanto o xeneral como o condutor foron levados ao hospital, estando xa morto o primeiro deles.

O atentado tivo un grande impacto político, non só polo prestixio do xeneral asasinado, senón polo momento escollido, xusto unha semana despois de que o PSOE gañase as eleccións do 28 de outubro e cando Felipe González, presidente electo, non tomara posesión oficial do cargo.[5]

Funerais e enterro[editar | editar a fonte]

No Palacio de Buenavista, sede do exército, tivo lugar a misa corpore insepulto e a entrega de máximas honras militares, como xeneral con mando en praza, aos restos mortais de Víctor Lago Román, que foi decorado postumamente coa Gran Cruz ao Mérito Militar con distintivo branco.[6] Foi enterrado en Pontedeume, de onde era natural a súa muller.[7]

Xuízos e condenados polo atentado[editar | editar a fonte]

Os membros de ETA Henri Parot "Unai" e Juan Lorenzo Lasa Mitxelena "Txikierdi", foron condenados pola Audiencia Nacional o 1 de agosto de 2006 a 50 anos de prisión pola súa participación no atentado cometido polo chamado comando Argala ou itinerante. Parot xa fora condenado a 4.797 anos de prisión por 26 asasinatos. Txikierdi fora condenado a máis de 300 anos de prisión por varios delitos e encarcerado en Francia desde xaneiro de 1985 e en España desde abril de 1992.[8]

Notas[editar | editar a fonte]