Usuario:Prevert/avisos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Warning signAxúdanos no mantemento se podes
  • Imaxes
A maior parte das imaxes que cargan os usuarios descoñecidos non cumpren os requisitos da licenza da Wikipedia e en moitos casos conteñen licenzas falsas. Na Galería de imaxes novas pode facerse un seguimento das imaxes que se van cargando no wiki. Algúns indicios de que hai problema cunha imaxe son:
  • que sexa dun tamaño pequeno (miniatura)
  • que careza de información de licenza. Se un usuario carga unha imaxe sen licenza despois de ver as múltiples advertencias que hai no formulario de carga evidentemente hai un problema.
  • que careza de información sobre o autor ou a orixe.
  • que careza de información de Metadatos (EXIF), vese na parte inferior da páxina de descrición da imaxe. Non todas as imaxes sen información de metadatos son ilícitas así e todo é un bo sistema para sabelo. Moitas na información EXIF reflicten que foron retocadas con programas como Photoshop, iso pode querer dicir (a miúdo) que proceden doutras imaxes collidas de Internet logo modificadas.
  • que o usuario se rexistre para cargar as imaxes e logo desapareza (isto pode comprobarse no historial do usuario).
  • que a imaxe sexa un logo, unha portada dun libro, un póster de película, a carátula dun CD,... Eses tipos de imaxes non se permiten na Galipedia.
No caso de detectar algunha imaxe que presente problemas debe marcarse como {{SenOrixe|data}} se falta a información sobre o autor ou a orixe da imaxe, exemplo {{SenOrixe|12 de xullo de 2007}}. Se falta a licenza o procedemento é semellante pero co marcador {{SenLicenza|12 de xullo de 2007}}. Ao mesmo tempo hai que deixar na páxina de discusión do usuario este marcador {{subst:Isd|Image:Nome_da_Imaxe|||--~~~~}}, basta con copiar e pegar este exemplo mudando o nome da imaxe. (Nota: hai procedementos máis sofisticados de comprobación das imaxes pero a efectos desta mensaxe co sinalado é suficiente.)


  • Infracións do copyright dos textos
Un problema recurrente, que aparece de cando en cando, é a copia de textos doutros sitios webs para logo pegalos no artigo da Wikipedia. Soen facelo usuarios anónimos cando insiren textos longos, tamén algúns usuarios rexistrados que non teñen claro as limitacións do copyright. Neses casos unha sinxela busca de fragmentos do texto en Google soe dar resultados. Iso non é suficiente cando a infración do copyright procede dunha tradución do castelán, portugués ou outra lingua (a maior parte dos copyvios de textos traducidos, polo de agora, proceden de traducións do castelán). Outro problema na localización de copyvios prodúcese cando o sitio web de orixe non está indexado polos motores de busca ou cando procede de textos en soporte papel. Como no caso das imaxes hai procedementos máis complexos para facer esas verificacións.
No caso de atopar un texto que sexa infración do copyright debe retirarse inmediatamente do artigo, no resumo de edición sinalar a páxina de orixe e na páxina de discusión avisar para que os administradores poidan facer un seguimento das contribucións do usuario que incluíu ese texto.


  • Falta de rigor, fontes non fiables, textos terxiversados, falta de neutralidade, sen referencias
Un dos aspectos que máis prexudica a credibilidade do proxecto é que as entradas conteñan textos con escaso rigor procedentes de fontes pouco fiables ou simples invencións do autor. Outro problema frecuente é que persoas con intereses en determinado asunto terxiversen o contido (normalmente en artigos refiridos a crenzas, opinións, ideoloxía, política, relixión,... ocasionalmente tamén noutro tipo de entradas). Conxuntamente con iso está o feito de que o texto careza de referencias ou non sexa verificable por calquera usuario que queira facelo.
A solución nestes casos é redactar de novo aqueles parágrafos que teñan problemas, eliminar as apreciacións personais e os textos dubidosos que non poidan ser verificados. Outro dos procedementos é transformar un texto cheo de calificativos nun texto neutro. E verificar todas aquelas edicións sospeitosas de querer agochar a súa orixe e intereses como un texto propio da Galipedia. Na páxina de discusión do artigo é conveniente avisar desa circunstancia.


  • Traducións doutras Wikipedias e traducións automáticas
Un dos problemas asociados á tradución de artigos doutra Wikipedia é que os usuarios consideran que como esa entrada foi publicada noutra Wikipedia é lexítima. A miúdo non é así, algúns artigos teñen vandalismos na orixe, son páxinas de escaso valor, os datos non son certos ou conteñen algún tipo de defecto que se propaga coa tradución. Ao mesmo tempo surxen dificultades relacionadas coa estrutura, os nomes das categorías, as ligazóns externas ou a organización dos materiais diferentes dunha Wikipedia a outra. Xunto con iso a falta de referencias, cando é aplicable, á realidade galega.
Se se vai facer unha tradución doutra Wikipedia é preferible que sexa de temas que un domina de tal xeito que poida localizar con facilidade os erros, incoherencias, faltas de rigor,... Nos artigos publicados na Galipedia con esa orixe sometelos a un traballo de revisión, corrección de erros, verificación de fontes e edición de todos aqueles elementos que non cumpran uns requisitos mínimos de calidade. Así mesmo incluír aqueles contidos que sexan precisos para que teñan sentido no contexto galego.
Outra das cuestións é a falta de atribución, un procedemento común e facelo no resumo de edición cun texto coma este "tradución do artigo Nome_do_artigo da Wikipedia en Nome_lingua..." por exemplo "tradución do artigo pt:Lisboa da Wikipedia en portugués". A licenza da Wikipedia (GFDL) require atribución, ademais indicar a orixe permite que calquera usuario poida verificar o artigo con maior facilidade.
No caso de que o artigo sexa unha tradución e non indique no resumo esa circunstancia, realizar unha pequena edición e engadir no resumo "a primeira versión deste artigo é unha tradución de Nome_do_artigo da Wikipedia en Nome_lingua...". Pode comprobarse seguindo o interwiki (se o ten) ou buscando en es.wp ou pt.wp o artigo correspondente (é a situación máis habitual).


  • Spam (ligazóns externas, bibliografía)
Conforme medra o proxecto tamén medra a chegada de persoas que publicitan os seus sitios webs, os dos seus amigos, do seu artista preferido, da súa cidade, da súa empresa, etc. Soen ser anónimos ou usuarios rexistrados só con ese propósito. Un instrumento para comprobrar as ligazóns externas ademais dos cambios recentes é a Busca de ligazóns web, velaquí un exemplo aplicado aos dominios .com
A Wikipedia non é un directorio de ligazóns, polo tanto edicións que só inclúan ligazóns externas agás casos puntuais (dos que haxa razóns fundadas para mantelos) deben desfacerse por non seren lexítimas. Ultimamente comezaron a aparecer outros casos de spam refiridos á bibliografía, o procedemento a seguir é o mesmo.


  • Galicia/Galiza // -ble /-bel e semellantes
As regras da toponimia din que nos títulos de páxinas e categorías úsase Galicia, mentres no contido da páxina pódense usar ambolos dous termos. As edicións que substitúan Galicia por Galiza ou Galiza por Galicia se non están fundamentadas deben desfacerse. Mántense o escrito en primeiro lugar. O mesmo ocorre co troco da terminación -bel por -ble ou -ble por -bel, e situacións semellantes.
Desfacer en todos os casos que non estea fundamentados.


  • Vangloria, autobombo, autopromoción, propaganda
Unha das situación máis problemáticas ocorre cando unha persoa escribe sobre si mesma. Ás veces cun nome de usuario que coincide co propio nome, noutras ocasións mediante argucias para agochar a verdadeira orixe (tamén poden darse casos de suplantación para denigrar a outra persoa). Unha parte desde tipo de artigos levan asociados outros problemas relacionados coa Eliminación rápida sen necesidade de entrar a valorar a Vangloria, autobombo, autopromoción, propaganda. Crear un artigo sobre un mesmo non é lexítimo, polo tanto, debe eliminarse. Evidentemente o tratamento destas situacións non é sinxelo, sobre todo nalgúns casos.
Os casos que máis se repiten son:
  • propaganda dun mesmo creando a propia entrada nos diferentes wikis da Fundación Wikimedia (neste apartado o máis frecuente é que o fagan usuarios doutros países)
  • entrada tipo currículo (o autor inclúe o seu propio currículo ou o de alguén co que está relacionado)
  • crear a propia entrada desde un IP que só edita iso, crear un usuario co propio nome ou diferente que só edita iso (ou se fai máis edicións só son edicións para agochar que é a mesma persoa), escribir sobre a familia,...
Variantes diso prodúcense nos casos de promoción de empresas, asociacións, entidades de todo tipo,... Pode ocorrir que algunha entrada que sexa vangloria poida recrearse como lexítima por un usuario con historial de edicións no wiki, pero en ningún caso é admisible que se faga pasar como edición doutros o que escribe unha persoa sobre si mesma. Naturalmente nisto hai graos, persoas que actúan de boa fe por descoñecemento e outras que actúan con engano.
O procedemento pode variar segundo o caso, se se trata dunha persoa anónima a efectos de Wikipedia pode ser marcando a entrada como eliminación rápida, no resto dos casos co marcador {{GloriaVa}} ou mesmo abrindo un procedemento de borrado.


  • Eliminación rápida
Por regra xeral as páxinas publicadas noutra lingua (castelán, portugués, inglés,...) deben marcarse como eliminación rápida, a non ser que se teña a seguridade de que o contido sexa lexítimo e se considere que pode ser útil (e se teña a intención de traducila un mesmo de contado). Habitualmente as páxinas noutra lingua traen problemas asociados: copyright, fontes non fiables, publicidade, etc. A páxinas que estean redactadas como artigos de opinión, como se fora un blog,... tamén deben marcarse como eliminación rápida. Tamén aquelas curtas de máis que teñan moi poucos caracteres.
Marcar como eliminación rápida.