Usuario:Atobar/Evolución e mantemento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A seguir unha análise da evolución da wikipedia en lingua galega, dende a súa creación en marzo de 2003 até o mesmo mes de 2010, é dicir, un período de 7 anos. O groso do traballo está feito en base a táboas comparadas e datos diversos tirados de páxinas e recursos wiki.

Análise dos 7 anos de andadura da Galipedia[editar | editar a fonte]

Unha adaptación deste texto foi publicada por Xornal de Galicia o domingo 14 de marzo de 2010.
Pódese ver premendo aquí

Galipedia, 7 anos en números[editar | editar a fonte]

Tirar conclusións sobre a colosal cooperativa cultural que é a wikipedia é arriscado, difícil e dacabalo do empirismo e a profecía. Por iso, o que segue non son tanto conclusións coma unha análise provisoria en base a diversas gráficas e táboas comparadas con aqueloutros proxectos que por unha ou outra razón son afíns, similares ou competidores da nosa enciclopedia libre e colaborativa, a wikipedia en galego, que polo de pronto ten nome propio, Galipedia, algo do que non todos os proxectos poden presumir.

Esta pasado 8 de maio, Día Internacional da Muller, a Galipedia celebrou os seus 7 primeiros anos de vida. Velaí a causa de que hoxe apareza publicada esta pequena reportaxe, pois parece un moi bo momento para facer balance e tratar de entender que é en realidade este fabuloso encerelle artellado en lingua galega. Valla para comezar unha afirmación: a Galipedia raia ben alto, seguramente por dúas razóns: o galeguismo dende o cal constrúe a súa universalidade e un rigor do que demasiadas wikipedias carecen, xa porque nun momento dado deviñeron mastodontes ingobernábeis, xa porque aínda están á procura dun espazo de seu.

Das máis de 270 linguas que participan desta liberación cultural, o galego ocupa o posto 41º en función do número de artigos, e prevese que a curto prazo non se produzan novidades. A primeiros do mes de marzo de 2010, temos na wiki galega máis de 56.300 artigos únicos, con case millón e medio de edicións. A media de novos artigos por ano anda algo por riba dos 8.000. Non obstante, este dato resulta ben máis interesante de o fragmentarmos, se partimos pola metade os produtivos 7 anos de andadura. De así o facermos, concluiremos que nos primeiros 3 anos e medio se crearon 18.000 artigos, é dicir, unha media lixeiramente superior a 5.000 novos artigos por ano, namentres que no mesmo tempo, até este marzal, a media duplicouse, chegando case aos 11.000 anuais, con máis de 38.000 novos artigos en total, o que evidencia que a cousa da creación vai a fume de carozo.

De desencerellar as leas encárganse 12 administradores, se ben o proxecto conta con máis de 17.500 usuarios rexistrados. Porén, usuarios activos hai pouco máis de 300, un número que non convence, mellorábel. Valla un exemplo: os falantes de éuscaro son tres veces menos ca nós e no entanto teñen os mesmos usuarios activos ca nós. Malo (aínda que atendendo a actividade global, na táboa de linguas subimos até o posto 39º, seguidos precisamente dos vascos). Podemos e debemos ser máis, a ver se estas liñas axudan. Máis cousas: por volta de 23.000 dos máis de 56.250 artigos foron editados polos 20 usuarios máis activos, é dicir, este pequeno grupo fixo o 40% dos artigos totais, o cal evidencia a partes iguais o compromiso e a dependencia do proxecto dun cativo número de editores.

Ben, tratemos agora de pousar estes números atendendo a unha comparativa moi simple: a wikipedia en galego ten case unha décima parte de artigos que a wikipedia española, o cal é ben rechamante, dado que non chega a haber un galegofalante por cada 140 castelanfalantes. Ben, por aí imos ben. E un pequeno inciso agora que se fala de wikipedia española cando debía falarse de wikipedia en castelán (o mesmiño reza para o resto de casos): iso que fai algún, ben por ignorancia ou ben por complexo de divo, de falar da wikipedia castelá e da súa rama galega, a Galipedia, é un disparate, porque wikipedias son todas, e non hai unha soa que pendure doutra. Nin a escrita en castelán depende da escrita en galego, nin esta da escrita en portugués, nin esta última da escrita en inglés, digoriano ou sardo; noutros sitios está claro que non, pero aquí si estamos todos en pé de igualdade. Pero sigamos, sigamos: das 32 linguas romances, o galego, sempre en función do número de artigos, ocupa o 7º posto. Diante temos -do cumio cara a nós- o francés, o italiano, o castelán, o portugués, o catalán e mais o romanés. Sen saírmonos deste grupo pero substituíndo o número de artigos pola media de edicións, a cal vai máis polo lado da calidade (demostra que os artigos non están feitos de calquera maneira e que se van pulindo e mellorando de a pouco), é importante sinalar que temos unha meritoria media real (aquí contan tamén páxinas de conversa, modelos etc) de 12 edicións por páxina. O romanés, por exemplo, que é a lingua que nos precede, a duras penas supera as 7. Temos unha wiki ben correúda.

As imaxes[editar | editar a fonte]

Hai un outro aspecto realmente interesante e que moitas veces non se pon en valor: A Galipedia conta cun fondo de imaxes de seu. Trátase dunha particularidade que non todas as wikipedias teñen, pois moitas prefiren nutrirse exclusivamente do proxecto irmán Wikimedia Commons, do que evidentemente nós tamén tiramos proveito. Con todo, de fondos propios, temos nestes momentos máis de 7.420 ficheiros, se ben arredor dun 10% presenta algún tipo de problema, case sempre menor e de moi fácil arranxo. Así, de acordo coa última táboa comparada, a Galipedia ascende do posto 41º até o 27º no que a imaxes se refire, o cal proba, outra volta, que o proceder dun fato de editores é digno de admiración.

Dalgunha maneira, a carga de imaxes coa súa consecuente cesión de dereitos por parte dos autores, ten a súa recompensa, posto que as máis charramangueiras son propostas como Imaxe da semana, e, tras dunha votación, parte delas obteñen tal distinción e son expostas durante unha semana na portada do sitio web. Esta semana, por exemplo, unha fotografía panorámica da ría de Muros ten o seu momento de gloria; a semana pasada o honor recaeu sobre a imaxe dun graffiti coa Santa Compaña como motivo.

Visitas, relevancia e actualidade[editar | editar a fonte]

É certamente interesante a relación entre o número de visitas e a relevancia dun artigo nun momento dado. A tal punto isto é así que se fose este proxecto calquera outra cousa e non a enciclopedia que é, estariamos a falar de cotas de poder, mais sendo a Galipedia un lugar onde non caben os intereses particulares, debemos recuar e falar de posibilidades. A pouco que a comunidade de editores ande espelida e saiba debuxar un mapa de prioridades, o demais viralle dado. Está demostrado. Xaora, pasemos a comentar algúns exemplos a medida que descubrimos un destes mapas de prioridades:

Neste ano 2010 non interesa tanto ampliar o artigo pazo como tratarmos de aquelar con xeito o de feísmo, pois é evidente que con este goberno especializado en desfeitas o que prima é a destrución e non a posta en valor do noso, e polo tanto cómpre termos listos e completos os artigos feísmo, litoral, urbanismo, caciquismo etc antes ca seguirmos engadindo contidos no artigo pazo, que non corre présa, ou cando menos non tanta. Ben, vexámolo doutro modo e cun exemplo distinto, ben menos triste: é preferíbel traballar sobre o artigo Uxío Novoneyra ca sobre o de Carvalho Calero, pois corresponde ao poeta do Courel a homenaxe do Día das Letras Galegas de 2010. A este respecto, aproveitemos para esculcar, un pouco á brava, os números dos últimos autores homenaxeados, que son claros a máis non poder: o artigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez, o literato homenaxeado de 2008, rexistrou ao longo dese ano case de 34.000 visitas, das cales dous terzos corresponderon ao mes de maio; despois, en 2009, as visitas volveron á normalidade e apenas subiron de 1.300. Ou atendamos ao caso máis recente de Ramón Piñeiro, cuxo artigo en 2009 recibiu máis de 21.500 visitas (tamén dous terzos foron no mes de maio), é dicir, case quince veces máis ca durante o ano anterior. E logo non é evidente o potencial da Galipedia como medio de información obxectiva?, e non o é tanto ou máis que cómpre non perdermos de vista a actualidade? Noutra orde de cousas, un aviso para navegantes piñeiristas e non-piñeiristas: o artigo sobre Piñeiro dá xenio lelo, é do máis completo, con referencias a esgalla, imaxes de calidade e unha estrutura realmente ben definida. Francamente, paga a pena dedicarlle uns minutos; eu diría que é máis completo ca o propio personaxe...

E volta ao rego: é importante tamén tratar de contar con artigos que en principio poderían pasar por insignificantes pero que en calquera momento chimpan aos medios e pasan á primeira liña de batalla, a estar de actualidade. Dous exemplos: o artigo de Rosa Díez, que multiplicou por dez a súa media de visitas a raíz de perder definitivamente esta señora a súa dignidade -disque unha vez tivo algo parecido-. Ou o artigo de Herman Van Rompuy, que un editor aleuto tivo o bo ollo de crear antes ca os editores de wikis próximas, coma a española (en español) ou a catalá (en catalán), e que fixo da Galipedia un referente cando o tipo foi nomeado presidente do Consello Europeo. En fin, que este xogo de prioridades é do máis curioso, un pouco coma a bolsa de valores, pero cos cartos do monopoly.

Problemas[editar | editar a fonte]

En marzo de 2010 hai por volta dun 16% de artigos con problemas (14,5% co marcador En progreso e o 1,5% restante con outro tipo de problemas). En comparanza cos datos de hai ano e medio, os resultados non varian demasiado; en decembro de 2008 había un 19,3% de artigos con problemas (17,5% co marcador En progreso e o 1,8% restante con outro tipo de problemas).

Verbo das imaxes, sobre 750 ficheiros dos máis de 7.500 que compoñen o fondo da Galipedia presentan algún tipo de problema, case sempre menor e de moi fácil solución. É dicir, arredor dun 10% do total. Por outra banda, hai máis de 340 Imaxes sen uso, é dicir, que non ilustran ningún artigo. De calquera maneira, insistir en que os problemas son menores.

Comparativa 01/12/2008 - 01/03/2010[editar | editar a fonte]

Decembro de 2008[editar | editar a fonte]

Sobre un total de 42.000 artigos:
O que daba un total de 8.198 artigos con problemas. Non se tiveron en conta os artigos que requiren referencias, sen ligazóns internas, mover ao Galizionario, mover ás Galifontes, pendentes de interwiki e que requiren expansión.[1]

Marzo de 2010[editar | editar a fonte]

Sobre un total de 56.000 artigos:
O que dá un total de 9.059 artigos con problemas. Non se tiveron en conta os artigos que requiren referencias (646), sen ligazóns internas (79), mover ao Galizionario (34), mover ás Galifontes (4), pendentes de interwiki (90) e que requiren expansión (13)

Gráficas[editar | editar a fonte]

Até 2009, incluído.
Creación de novos artigos até 2010, incluído.

Actuacións positivas[editar | editar a fonte]

  • Choiar periodicamente nas diversas categorías de mantemento.
  • Ter sempre a man os cambios recentes.
  • Fedellar premendo no botón de páxina aleatoria coa intención de atopar posíbeis erros (e aprender).
  • Ampliar as páxinas curtas.
  • Rastrexar as posíbeis imaxes no Commons e noutras wikis para ilustrar os Artigos sen imaxes da Galipedia.
  • Dosificar as conversas e centrarse na mellora dos artigos (isto non é un foro).
  • Corrixir e dar formato aos primeiros artigos creados por novos usuarios, e despois explicarlles as mellores efectuadas, para que saiban como actuar nas súas vindeiras edicións.
  • Tratar de corrixir un artigo no canto de lle chantar un marcador.
  • Tratar de non pedir referencias dunha maneira global senón directamente naquelas frases que presenten dúbidas.
  • Diversificar o traballo: crear e modificar modelos, revisar a lingua, dar formato, axudar os novos usuarios, categorizar, traducir artigos destacados noutras wikipedias etc.

Desglose da Categoría:Wikipedia:En progreso:[editar | editar a fonte]

  • 474 Wikipedia:En progreso,
  • 26 Arquitectura en progreso,
  • 22 Arte en progreso,
  • 11 Aviación en progreso,
  • 58 Ciencias en progreso,
  • 80 Astronomía en progreso,
  • 110 Bioloxía en progreso,
  • 5 Aves en progreso,
  • 70 Botánica en progreso,
  • 131 Física en progreso,
  • 139 Química en progreso,
  • 70 Zooloxía en progreso,
  • 49 Cine en progreso,
  • 126 Deporte en progreso,
  • 6 Dereito en progreso,
  • 24 Economía en progreso,
  • 44 Efemérides en progreso,
  • 1.905 Efemérides dun ano en progreso,
  • 9 Efemérides dun día en progreso,
  • 24 Século en progreso,
  • 20 Filosofía en progreso,
  • 68 Galicia en progreso,
  • 46 Comarcas de Galicia en progreso,
  • 225 Concellos de Galicia en progreso,
  • 0 Eleccións en progreso,
  • 35 Illas de Galicia en progreso,
  • 494 Lugares de Galicia en progreso,
  • 0 Parroquias de Galicia en progreso,
  • 781 Parroquias da Coruña en progreso,
  • 15 Parroquias de Lugo en progreso,
  • 65 Parroquias de Ourense en progreso,
  • 44 Parroquias de Pontevedra en progreso,
  • 92 Personalidades de Galicia en progreso,
  • 5 Praias de Galicia en progreso,
  • 8 Ríos de Galicia en progreso,
  • 24 Gastronomía en progreso,
  • 134 Historia en progreso,
  • 121 Informática en progreso,
  • 8 Irlanda en progreso,
  • 189 Lingüística en progreso,
  • 137 Literatura en progreso,
  • 48 Matemáticas en progreso,
  • 53 Medicina en progreso,
  • 33 Mitoloxía en progreso,
  • 5 Moda en progreso,
  • 206 Música en progreso,
  • 856 Personalidades en progreso,
  • 220 Papas en progreso,
  • 61 Política en progreso,
  • 36 Relixión en progreso,
  • 8 Teatro en progreso,
  • 23 Televisión en progreso,
  • 29 Videoxogos en progreso,
  • 20 Xadrez en progreso,
  • 715 Xeografía en progreso,
  • 67 Xornalismo en progreso.

Desglose da categoría:Wikipedia:Mantemento de imaxes[editar | editar a fonte]

759 ficheiros de entre os máis de 7.400 ficheiros que compoñen o fondo da Galipedia presentan algún tipo de problema, case sempre menor e de moi fácil solución.

Artigos de referencia[editar | editar a fonte]

GALIZA Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
Galiza 1.039 190 19.802
Reino de Galiza 866 151 9.158
Historia de Galiza 448 80 3.913
Lingua galega 485 187 25.866
Historia da lingua galega 143 34 3.721
Irmandades da Fala 72 29 3.448
POLÍTICA Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
Xunta de Galicia 99 44 3.009
PPdeG+PP 81 35 2.522 (1.407+1.115)
PSdeG+PSOE 61 36 1.425 (710+715)
BNG 290 101 3.122
FPG 49 33 1.182
Nós-UP 77 41 915
Terra Galega 117 45 1.313
ESTADOS Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
España 734 164 12.570
Portugal 368 115 7.416
Francia 668 92 4.750
EUA 363 98 12.264
Brasil 425 118 8.559
LITERATURA Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
Castelao 454 89 6.838
Ramón Piñeiro 204 42 21.505[2]
Rosalía de Castro 177 65 8.528
Méndez Ferrín 115 53 4.077
CIDADES GALEGAS Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
A Coruña 551 132 5.674
Lugo 323 89 5.511
Ourense 263 99 4.080
Pontevedra 323 89 4.309
Santiago de Compostela 357 96 7.596
Vigo 686 144 6.366
Ferrol 337 105 3.388
PATRIMONIO DA HUMANIDADE Edicións totais Editores distintos Visitas ao longo de 2009
Muralla de Lugo 99 28 2.001
Torre de Hércules 111 48 2.507
Camiño de Santiago 95 43 2.488
Compostela vella[3] 357 96 7.596

Visitas versus actualidade[editar | editar a fonte]

Artigo 2008, homenaxeado o Día das Letras Galegas. 2009
Álvarez Blázquez 33.949[4] 1.356
Artigo 2008 2009, homenaxeado o Día das Letras Galegas.
Ramón Piñeiro 1.519 21.505
Artigo agosto '09 setembro '09 (artigo destacado na portada) outubro '09
Emilia Pardo Bazán 80 343 149
Artigo novembro '09 decembro '09 xaneiro '10 febreiro até o día 23 24feb-8mar (declaracións xenófobas)
Rosa Díez 28 28 20 22 232

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Datos tirados da páxina de usuario de Xabier Cid.
  2. Máis de 14.000 das 21.000 visitas foron nos días previos e posteriores ao Día das Letras Galegas, en maio.
  3. Hai un mesmo artigo para a cidade e para a zona vella.
  4. 22.255 correponden ao mes de maio


Volta á páxina de usuario de Atobar