Uropodio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

En zooloxía o termo uropodio,[1][2] ás veces citado como urópodo,[2] refírese a determinados apéndices do último segmento abdominal do corpo de numerosos crustáceos e dalgunhas larvas de certos insectos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo urópodo é unha voz do Vocabulario Científico Internacional (que se adapta ás normas de cada idioma particular) formada polos elementos do latín científico uro- e -podo (sic), tirados das palabras do grego antigo οὐρά ourá, "cola" (de animal), e πούς, ποδός poús, podós, "pé", "perna", "pata", respectivamente.[3]

Nos crustáceos[editar | editar a fonte]

Urópodos de Nephrops norvegicus.

Nos crustáceos malacostráceos os urópodos son cada un dos dous últimos apéndices abdominais, situados a continuación do pleon, dirixidos cara a atrás e diferentes dos pleópodos, de forma laminar na maioría dos grupos.[4][5]

Función[editar | editar a fonte]

O telson, xunto cos urópodos, presenta forma de abano, polo que denomina tamén abano caudal.[5][6] En ocasións, os urópodos poden traballar en conxunto co telson, utilizando estes apéndices para axudar nos seus desprazamentos (natación), xa que cun movemento brusco do abdome, o telson e os urópodos, conseguen propulsarse rapidamente cara a atrás. Tamén se usan para a protección dos ovos da femia.[5]

Nos cangrexos ermitáns, os urópodos serven como elementos de retención, e en case todos os braquiúros e nalgúns Lithodidae, os urópodos reabsórbense na idade adulta.

Formas[editar | editar a fonte]

Os urópodos son tipicamente birrámeos (é dicir, están divididos en dúas partes chamandas ramas),[5] e consisten basicamente nun pedúnculo que se divide en dúas ramas (endopodito e exopodito), unidos por unha sutura transversal coñecida como diérese.[7][8] O exopodito adoita ser máis grande que o endopodito.

Urópodos dun decápodo.

Os anfípodos xeralmente teñen tres pares de urópodos.

Na maioría dos Peracarida, Bathynellacea e Cumacea, os urópodos teñen forma de bastón.

Os urópodos están formados por catro pezas:

  • 2 exopoditos (as máis externas).
  • 2 endopoditos (entre os exopoditos e o telson).

Presenza na especies[editar | editar a fonte]

Todos os decápodos (coa excepción da maioría dos braquiúros) presentan urópodos: a infraorde dos Palinura, a suborde dos Dendrobranchiata, a infraorde dos Stenopodidea, a infraorde dos Caridea, a infraorde dos Astacidea, a infraorde dos Thalassinidea, etc.

Nos insectos[editar | editar a fonte]

Tamén reciben o nome de urópodo cada unha das dúas apófises caudais, semellantes a cercos, que aparecen no último segmento abdominal dalgunhas larvas de insectos, denominadas larvas oligopódicas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. uropodio no diconario da RAG.
  2. 2,0 2,1 uropodio s m ZOOL Apéndice do último segmento abdominal dos crustáceos. urópodo s m Zooluropodio. No Dicionario de galego. Ir Indo Edicións, Vigo, 2004, ISBN 84-7680-504-7.
  3. uropod, no Merriam-Webster Dicitionary.
  4. Claude Meisch (2007): "On the origin of the putative furca of the Ostracoda Crustacea" en Renate Matzke-Karasz, Koen Martens & Michael Schudack, eds. Ostracodology – Linking Bio- and Geosciences: Proceedings of the 15th International Symposium on Ostracoda, Berlin, 2005, serie Developments in Hydrobiology 197, volume 585 (1): 181–200. Hydrobiologia. ISBN 978-1-4020-6417-3. Consultado o 14 de marzo de 2017.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 urópode ou urópodo (Arthorpoda:Crustacea) en Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1.
  6. Dean Pentscheff (ed.). "Uropod". Crustacea Glossary. Natural History Museum of Los Angeles County. Consultado o 14 de marzo de 2012. 
  7. Dean Pentscheff (ed.). "Diaeresis". Crustacea Glossary. Natural History Museum of Los Angeles County. Consultado o 14 de marzo de 2017. 
  8. S. S. Lal (2009). "Palaemon malcolmsonii". Practical Zoology: Invertebrate. Rastogi Publications. pp. 395–403. ISBN 978-81-7133-924-2.