Urban Trad é un grupo belga fundado no ano 2000, que interpreta música baseada nos sons tradicionais dos folcores europeos, predominando a música celta. Un dos seus membros, Verónica Codesal, é unha cantante galega filla de emigrantes de Guitiriz en Bélxica. As seccións rítmicas modernas, ó tempo que o rock e música electrónica, achegan o toque actual ás súas composicións.
Urban Trad representou a Bélxica no Festival de Eurovisión 2003 con Sanomi, unha canción interpretada nunha lingua imaxinaria. Esta permitiulles non ter que escoller entre as linguas nacionais de Bélxica (francés, neerlandés e alemán). Con Sanomi, o grupo acadou a segunda posición no certame celebrado en Riga (Letonia), a só dous puntos do gañador dese ano, Turquía.