A Universidade de Kyushu (九州大学 Kyūshū Daigaku en xaponés, abreviado como 九大 Kyūdai ), é unha das universidades máis prestixiosas e influentes do Xapón e a universidade pública máis grande da illa de Kyushu.
Foi fundada en 1903 como unha facultade de Medicina antes de adquirir o status de universidade imperial en 1911, pertenceu á Asociación de Universidades Nacionais do Xapón desde 2004. A pesar da creación dunha nova entidade xurídica que permitiu unha maior autonomía, a Universidade de Kyushu aínda está parcialmente controlada polo Ministerio de Educación xaponés.
Está estruturada en doce facultades para o primeiro ciclo e dezasete para os ciclos seguintes. Tamén inclúe un hospital, bibliotecas que suman pouco máis de catro millóns de títulos e un museo.