Nas eleccións autonómicas de 1987 presentouse en coalición con Esquerra Unida del País Valencià, conseguindo dous escanos nas Corts Valencianes, Pere Mayor e Antoni Ferrando. Ó pouco tempo esfarela o pacto e os dous deputados pasan ó grupo mixto. Xa o proceso para chegar a un pacto coa Izquierda Unida local supuxo unha crise interna, que levou ó grupo disidente a formar o Partit Valencià Nacionalista. Cando os deputados nacionalistas pasaron ó grupo mixto, outro sector escindiuse e algúns militantes pasaron a EUPV. Nas eleccións autonómicas de 1991 presentouse en solitario e co 3.7% dos votos non conseguiu escano.
A crise electoral e o cambio no mapa electoral valenciano, agora dominado polo Partido Popular fai que a UPV mude a súa estratexia; en 1995 formou a candidatura UPV-Bloc xunto ó PVN e en 1998 a UPV vai propugnar a creación dun Bloc Nacionalista Valencià que agrupase ó nacionalismo valenciano. Nas eleccións autonómicas de 1999 o Bloc co 4.6% dos votos queda ás portas de entrar nas Corts.