Unión Internacional de Tríatlon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión Internacional de Tríatlon (ITU)
DeporteTríatlon
NomeUnión Internacional de Tríatlon
Fundación1 de abril de 1989
ÁmbitoMundial
SedeLausana, Suíza
Socios-
PresidenteMarisol Casado
SecretarioAntionio Arimany
Na rede
https://www.triathlon.org/
Facebook: worldtriathlon Twitter: worldtriathlon Instagram: worldtriathlon Youtube: UCXRVKD6l-LrX5TmGJqQFFoQ Editar o valor em Wikidata


A Unión Internacional de Tríatlon (ITU) é a asociación que goberna e organiza as competicións internacionais de tríatlon, dúatlon, ácuatlon e outras variacións.[1]

A ITU organiza as competicións de máximo nivel mundial do tríatlon: as Series Mundiais e a Copa do Mundo. Recentemente, creou un campionato do mundo oficial de longa distancia, cunhas distancias próximas ás probas de Ironman organizadas pola World Triathlon Corporation.

Historia[editar | editar a fonte]

Dende a década de 1920 existiron probas multideportivas que combinaban natación con ciclismo e carreira a pé, mais non foi até que se acuñou o termo "tríatlon" en 1974 en San Diego, que o tríatlon medrou en popularidade. Este rápido desenvolvemento atraeu a atención do Comité Olímpico Internacional, que iniciou unha discusión en 1988 para incluílo no programa dos Xogos Olímpicos. O entón Presidente do COI Juan Antonio Samaranch organizou unha reunión en Estocolmo coa intención de converter o tríatlon en deporte olímpico canto antes. Naquela reunión, o canadense Les McDonald foi seleccionado como presidente dun comité que traballase co tríatlon, mentres o sueco Sture Jonasson foi elixido secretario.[2]

A Unión Internacional de Tríatlon foi fundada un ano máis tarde, o 1 de abril de 1989, no primeiro Congreso da ITU en Avignon. Un total de 30 federacións nacionais acudiron ao Congreso inicial e fixéronse as preparacións para que o primeiro Campionato Mundial deste deporte se celebrase en Avignon en agosto de 1989. Nesta reunión estableceuse a distancia olímpica (máis tarde rebautizada a estándar) en 1.5 km a nado, 40 km de bicicleta e 10 km de carreira a pé. As distancias foron escollidas usando as distancias xa presentes nas olimpíadas para cada disciplina individualmente. Máis de 800 atletas que representaban a 40 países competiron no primeiro Campionato do Mundo. Les McDonald foi elixido primeiro presidente da ITU en 1989.

A ITU comezou a organizar en 1991 a Copa do Mundo con 11 carreiras en oito países. O tríatlon foi oficialmente engadido ao programa olímpico polo COI no seu Congreso en París en 1994 e fixo o seu debut olímpico nos Xogos de Sydney 2000, coa suíza Brigitte McMahon e o canadense Simon Whitfield gañando as primeiras medallas de ouro do deporte.

Dende o seu inicio a ITU tivo a súa sede central en Vancouver até o 1 de xaneiro de 2014 cando a moveu a Lausana, onde está a sede do COI e moitas organizacións deportivas internacionais.

A madrileña Marisol Casado foi elixida segunda presidenta da ITU en novembro de 2008 e foi reelixida para un novo mandato de catro anos en outubro de 2012. Nesa mesma data a canadense Loreen Barnett mantivo a secretaria xeral e Sarah Springman a foi nomeada 1ª vicepresidenta e membro honorífica da Federación Mundial, por iso en 2012 era a única federación mundial dun deporte olímpico cunha administración totalmente feminina. En decembro de 2016, Marisol Casado foi reelixida para un terceiro mandato como presidenta da Federación Internacional no 29º Congreso celebrado en Madrid.

En 2009 a ITU reorganizou as súas competicións de máximo nivel e creou a Series Mundiais de tríatlon, unha competición cunha serie de carreiras ao longo do ano que foi a sucesora do Campionato do mundo. Mentres, a Copa do Mundo foi relegada a unha competición de segundo nivel e reducíuselle o número de carreiras. Tamén organiza unha serie de competicións mundiais en diferentes distancias de deportes derivados do tríatlon, como o dúatlon, ácuatlon, cross-tríatlon, tríatlon de inverno e paratríatlon.

En xuño de 2017, o Comité Olímpico Internacional incluíu unha terceira proba de tríatlon nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020: os relevos mixtos por equipos. Esta proba súmase ás dúas de distancia curta (masculina e feminina).

Estrutura internacional[editar | editar a fonte]

Mapa de mundo coas cinco rexións continentais

A ITU está estruturada en 5 rexións continentais, a través das cales as federacións nacionais están afiliadas ao ITU. Cada rexión organiza un Campionato Continental e unha Copa Continental.

Ránking[editar | editar a fonte]

A ITU publica e mantén os Ránkings Mundiais para homes e mulleres mulleres en ambas as dúas distancias curta e longa para tríatlon e dúatlon así como ácuatlon e tríatlon de inverno, e tamén ten un ránking para os equipos nacionais de relevos mixtos.[8] Cada clasificación ten un sistema de puntos lixeiramente diferente mais todo son calculados cun calendario oficial, tomando o conxunto de resultados máis altos das últimas 52 semanas e engadíndoos a un conxunto dos resultados máis altos dende a semana 53 ata a 104 cara a atrás. A puntuación do gañador de cada carreira decídese segundo os criterios de clasificación da ITU e os seguintes en chegar á meta gañarán un 7.5% menos de puntos que o atleta anterior.[9]

Campionatos[editar | editar a fonte]

No seu ano de fundación a ITU só organizou o Campionato do mundo de tríatlon e o ano seguinte comezou a realizar tamén o campionato mundial de dúatlon. En 1991 puxo en marcha a Copa do Mundo.

En 1994 para ter un campionato de longa distancia similar ao Ironman fundouse o Campionato Mundial de tríatlon de longa distancia e en 1997 fíxose o mesmo co Campionato Mundial de dúatlon de longa distancia. Tamén en 1997 se realizou o primeiro Campionato Mundial de tríatlon de inverno. En 1998 inaugurouse o Campionato Mundial de ácuatlon. En 2009 o realizouse por primeira vez o Campionato Mundial de tríatlon de relevos mixtos. O torneo máis recentemente creado é o Campionato Mundial de cross-tríatlon similar á longa distancia, que foi creado que a ITU puidese ter un campionato nesa modalidade alternativo ao Tríatlon Xterra.

Os campionatos mundiais organizados pola ITU inclúen:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Federation Affiliation Criteria". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  2. "Inside ITU". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  3. "Membros da ASTC" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  4. "Membros da ATU" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  5. "Membros da ETU" (en inglés). Consultado o 20 de marzo de 2019. 
  6. "Membros da CAMTRI" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  7. "Membros da OTU" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  8. "Rankings actuais" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  9. "Ranking Criteria Documents" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2019. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]