Unión Cultural de Campo Lameiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A Unión Cultural de Campo Lameiro é unha banda de música formada en febreiro de 1990 por nenos e nenas do concello de Campo Lameiro para a promoción, formación e integración social.


Na actualidade forman parte da banda de música unhas 50 persoas de diferentes idades, e o proxecto vai paralelo á Escola de música de Campo Lameiro.

Historia[editar | editar a fonte]

Directores da Lira de Campo Lameiro
Bernardino Cachafeiro Seara "Bernardino da Betarra"
"Rebornecho"
"Fenteiro"
"Pepito"
Antonio da Bouza "Palanquín"
Hipólito de Liñariños
Manuel Moraña

A banda ten o seu precedente na Lira de Campo Lameiro, fundada a finais do século XIX por Bernardino Cachafeiro Seara, nado en Cerdedo. Anos despois foi coñecido como “Bernardino da Betarra” por estar casado no lugar da Betarra do concello de Campo Lameiro. Saíu de Cerdedo cunha formación musical que lle abondou para formar unha banda de música, A Lira de Campo Lameiro en 1870, e compaxinala co seu traballo de ferreiro. Foi director da banda ata pouco antes da súa morte, no ano 1912. Está formada por vinte músicos aproximadamente, que tocaban clarinetes, saxofón, bombardinos, caixa e bombo; estes instrumentos pertencían o concello de Campo Lameiro, que llos cedía a cambio de que pagasen unha cantidade mensual.

Tras a morte de Bernardino Cachafeiro, a batuta pasou a mans do “Rebornecho” (descoñécese o nome real) e seguido polo “Fenteiro”, alumno de Bernardino. Nesta época apareceron varios problemas que dividiron a banda en dous: por un lado unha con vinte músicos, dirixida polo mesmo Fenteiro e outra dirixida por “Pepito” que tocaba a trompeta e contaba coa mesma cantidade de músicos. Así estiveron uns anos ata que Fenteiro conseguiu unir as dúas bandas de novo.

Nesta terceira etapa, pasa a dirixir o portugués Antonio Dabouza, coñecido como “Palanquín”, natural do concello de A Lama que tocaba o clarinete. Con el, a banda acada o seu máximo esplendor con corenta músicos. Dez anos máis tarde, pásalle o relevo a Hipólito de Liñariños, pero por mor da Guerra Civil a banda tivo moitas baixas.

Despois da guerra, volve a facerse cargo da banda Antonio Dabouza pero contaba só con quince músicos. Finalmente dirixiu Manuel Moraña, coñecido como o “Caxota”. Chegaron a ser máis de trinta músicos e tiñan a escola de música no lugar do Bailadoiro; os ensaios facíanos na casa de Severino, un veciño, e realizaban concertos os días de feira (o catro e vinte de cada mes), así como cando morría algún músico ían detrás do cadaleito tocando marchas fúnebres.

Historia da banda de música de Campo Lameiro.[editar | editar a fonte]

Directores da Unión Cultural de Campo Lameiro
Xosé Bugallo Diz (1990 - 1998)
Xosé Bugallo Senra (1998 - 2003)
Delio Represas Carrera (2003 - 2006)
Xosé Luis Represas Carrera (2006 - 2010)
Marcos Corbacho Paz (2010 - Actualidade)

Tras un longo período sen banda de música en Campo Lameiro, nace no mes de febreiro de 1990 a Unión Cultural de Campo Lameiro. É unha agrupación de nenos e nenas, e que ten á fronte da súa ensinanza musical a Xosé Bugallo Diz, o cal será o seu director e fundador. Neste ano créase a Asociación Unión Cultural de Campo Lameiro, que grazas a axuda dos socios e do concello fan posible que a banda siga medrando e se consigan algúns instrumentos.

A banda ensaiaba nun pequeno local compartido polo colexio, xa que polas mañás dábase 2º de EGB Fai a súa presentación oficial en agosto de 1990, coincidindo coa “Festa dos mozos” que se celebraba en Campo Lameiro por aquelas datas. A partir dese momento, realiza actuacións por toda Galicia e tamén en Portugal.

En 1995 realiza a gravación dunha cinta musical e actúa nos programas Luar da Televisión de Galicia e Desde Galicia para el mundo da Televisión Española Nese mesmo ano fai un intercambio coa Banda de Aguas Nuevas de Albacete, conseguindo que o nome de Campo Lameiro circule máis alá da comunidade galega. Isto desemboca en que un ano máis tarde se volva a producir un novo intercambio entre as dúas bandas co fin da irmandade entre ambos os dous concellos.

En 1998, a banda volve repetir experiencia coa mesma provincia, pero esta vez coa Banda de Hoya Gonzalo, e participa no concerto de bandas celebrado en Santiago de Compostela. Neste mesmo ano causa baixa como director o seu fundador Xosé Bugallo Diz e pasa a ocupar o seu lugar, o seu fillo, Xosé Bugallo Senra.

No 2001, a banda participa no I Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Provincial de Pontevedra, acadando unha posición moi satisfactoria na terceira sección, o cal motiva ós músicos a seguir perfeccionándose e leva á banda a participar nas vindeiras edicións do certame.

No 2002, volve ó II Certame Provincial de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” participa na sección terceira e queda nesta ocasión en terceira posición.

En 2003, quedou fóra do III Certame Provincial de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” debido á realización dun sorteo, pero como unha das bandas participantes se deu de baixa, tivo a oportunidade de participar un ano máis.

No mes de outubro causa baixa como director Xosé Bugallo Senra e pasa a ocupar o seu posto Delio Represas Carrera.

No 2004, volve a cuarta edición do certame, participando na sección terceira e quedando novamente nun meritorio terceiro posto. Tamén participou en diversos intercambios de bandas de música da provincia de Pontevedra, como o realizado en agosto dese mesmo ano coa Agrupación de Goián.

No 2005, en xuño realizase o XI Festival de Bandas de Música, coa participación da Banda de Música Xuvenil de Barro e a Banda Nova Lira de Moraña. No mes de xullo volve repetir viaxe pero esta vez coa Banda de Alpera (Albacete).

No 2006, lévase a cabo a gravación dun CD contando coa colaboración da Coral Polifónica de Campo Lameiro nese mesmo ano, realízase un concerto homenaxe ó seu director Delio Represas Carrera, nel participan a Coral Polifónica de Burela e a Coral Polifónica de Campo Lameiro. En maio participa no Festival de Bandas de Música de Xinzo, no que interviñeron a Banda de Música de Cangas, a Banda de Música de Campo Lameiro e a Banda de Música de Xinzo.

Dende o mes de xuño, colle a man da agrupación o seu irmán Xosé Luís Represas Carrera.

En setembro realizan unha homenaxe ó seu fundador, Xosé Bugallo Diz, no que participan todos os músicos de anos atrás. Tamén celebran o XII Festival de Bandas, no que participan bandas como a de Caldas de Reis e Lantaño.

En 2008, a banda participou no I Certame Zonal de Pontevedra, no que acada o primeiro posto da sección terceira. E tan só un mes despois realiza un intercambio coa Banda de Música Uniao Pinheirense de Albergaría a Vellha (Portugal).

No 2009, volve participar no II Certame Zonal de Pontevedra acadando novamente o primeiro posto da terceira sección. O xornal o Diario de Pontevedra, dedícalle unhas follas a banda.

No ano 2010, prodúcese un novo relevo na dirección da banda trala baixa de Xosé Luís Represas Carrera, pasando a batuta a mans do director Marcos Corbacho Paz.

Durante estes anos a banda de música Unión Cultural de Campo Lameiro alternou as súas numerosas actuacións nas festas e romarías de toda a xeografía galega coa realización de varios espectáculos distintos do habitual, entre estes destacamos en 2012 o “Espectáculo MUSIC-DANCE” onde participan os bailaríns Adrián Esperón e Patricia Martínez (campións de bailes de salón) e o grupo de danza A Landra. En 2013, o “Espectáculo Voz de Banda” onde participan os cantantes José Antonio Campo Edesa (tenor), Ana Lopes Ferreira (soprano), e os invitados Víctor Antón Rodríguez (cantante da orquestra Marbella) e Tania Silva Fentanes (quen foi a sorpresa deste espectáculo, pois é unha das saxofonistas da banda). No ano 2015 o “Espectáculo Vaia Banda” coa colaboración do grupo de percusión Odaiko.

No ano 2016, a banda de música grava un novo disco coa colaboración do xa coñecido pola banda, o tenor José Antonio Campo Edesa. Tamén participan nos concertos realizados pola Federación Galega de Bandas de Música, o que lles dá a oportunidade de tocar na praza das Praterías de Santiago de Compostela, e asiste ós festivais de bandas de Moraña, Portas e Sanxenxo.

No 2017, a banda volve a actuar no programa da Televisión de Galicia, “Luar” presentando o seu CD. E no ano 2018, repite na praza das Praterías de Santiago de Compostela; participa nun concerto en “Homenaxe ás antigas Bandas de Cercedo”, e en decembro a banda de música de Campo Lameiro organiza, tralo éxito acadado o ano anterior, a segunda festa de nadal contando coa colaboración do grupo local “Cantos de Taberna” e os guitarristas Miguel del Rio (guitarra) e Santi Mar San (baixo).

Xa no 2019, coincidindo co mes cultural, organizan o concerto “Desconcerto” coa colaboración de Félix Rodríguez e Fran Rei, un concerto moi diferente para mostrarlle ó público que a música se pode facer con calquera obxecto.

Escola de música[editar | editar a fonte]

Debido a demanda de alumnos e a situación actual que vivía o panorama musical neste concello, creouse dentro da Asociación Unión Cultural de Campo Lameiro, a “Escola de música de Campo Lameiro”, para acercar a educación musical a todos aqueles que a desexen, sen facer distincións baseadas no talento, idade ou capacidade económica, ofrecendo un plan aberto onde tiveran cabida tódalas persoas, adecuándose ós distintos niveis de formación.

A escola nace cunha pequena canteira que vai medrando pouco a pouco contando actualmente coas especialidades de música e movemento, linguaxe musical, frauta, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino/tuba, percusión, gaita e pandeireta.

Dentro da escola créase unha banda infantil, para os nenos que pouco a pouco van tendo certo nivel para desenvolverse tocando unha partitura, pero que son demasiado pequenos para afrontar un largo desfile, e para que se vaian adaptando a tocar en conxunto.

Co paso dos anos, gañou moito peso xa que realizou intercambios con Sanxenxo e Moraña, e actuou en datas importantes como o día da diabetes na praza do concello de Pontevedra e incluso no programa Luar da Televisión de Galicia.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • 2002 || 3º Premio, II Certame Provincial de Bandas de Música "Deputación Provincial de Pontevedra".
  • 2004 || 3º Premio, IV Certame Provincial de Bandas de Música “Deputación de Provincial de Pontevedra”.
  • 2008 || 1º Premio, I Certame Zonal de Pontevedra.
  • 2009 || 1º Premio, II Certame Zonal de Pontevedra.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 1995 || Cinta de radio.
  • 2006 || Cd en colaboración coa Coral Polifónica de Campo Lameiro, (non se chegou a editar).
  • 2016 || Cd “25 Aniversario” en colaboración co tenor José Antonio Campo Edesa.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Campos Toimil, Manuel. As bandas de música de Cerdedo. 1ª Edición. Rosalía de Castro 58 baixo, Santiago de Compostla (A Coruña): Asociación cultural Os Abrentes de Cerdedo, 2010.
  • Iglesias Alvarellos, Enrique. Bandas de música de Galicia. Lugo: Alvarellos, 1986.
  • Nuestras bandas de música Arquivado 18 de febreiro de 2020 en Wayback Machine..
  • Deputación de Pontevedra. “Banda Escuela Unión cultural de Campo Lameiro”. VII Certame Provincial de bandas de música Deputación de Pontevedra, (2007): 32 – 33.