Ulpiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ulpiano
Nome completoGnaeus Domitius Annius Ulpianus
Nacemento170
Lugar de nacementoTiro
Falecemento228 e 223
Lugar de falecementoRoma
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónassessor jurídico e escritor
editar datos en Wikidata ]
Ulpiano (estatua no Palacio de Xustiza de Bruxelas).

Domicio Ulpiano (en latín, Domitius Ulpianus), nado en Tiro? no 170? e finado en Roma no 228[1] ou no 224,[2] foi un xurista romano de orixe fenicia, magister libellorum e prefecto do pretorio do emperador Alexandre Severo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A época do nacemento de Ulpiano é descoñecida, aínda que adoita situarse en torno ao ano 170, en Fenicia. Pertencía a unha das familias máis importante do grupo dos équites na provincia romana de Siria.[1] O período da súa actividade literaria desenvolveuna entre 211 e 222, particularmente durante o goberno do emperador Caracalla (211-217).

A súa carreira pública foi paralela á do seu rival Paulo. Foi asesor do seu mestre Papiniano, cando este desempeñou a prefectura do pretorio e, ademais, el mesmo exerceu como praefectus praetorii de Alexandre Severo.[2]

Tras o homicidio de Papiniano, en 212 e a persecución contra os simpatizantes de Xeta, decidiu retirarse á vida privada, época na cal redactou a maior parte das súas obras xurídicas, dedicándose especialmente a compor comentarios dogmáticos complexos e monografías de divulgación.

Durante o goberno de Heliogábalo foi exiliado de Roma, de acordo a Scriptores Historiae Augustae, só por ser un bo home (bonus vir). No ano 222, ao ser elixido Alexandre Severo como emperador, puido regresar e foi chamado a participar no goberno, como asesor e logo como prefecto do pretorio.

O seu programa, que buscaba reducir os privilexios concedidos por Heliógabalo á Garda Pretoriana, co fin de aumentar o control sobre o elemento militar, provocou a inimizade con esta e un intento de homicidio. Finalmente, foi asasinado no palacio no curso dunha revolta entre os soldados e a multitude, probablemente en 228, aínda que d'Ors afirma que foi no 224.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

Entre as súas obras destacan os comentarios ad Sabinum (sobre ius civile) en 51 libros, ad Edictum (sobre o edicto do pretor) en 81 libros (máis 2 libros ad edictum aedilium curulium como apéndice).

Así mesmo escribiu diversos textos sobre as atribucións de maxistrados e funcionarios imperiais, entre outros, 19 libros de officio proconsulis, 3 libros de officio consulis e varios textos nun único libro (libri singulares) sobre o oficio do quaestor, do praefectus urbis e do praefectus vigilum. Ademais, redactou 2 libros de Responsa (comentarios sobre casos reais), 10 de Disputationes, 7 de Regulae (sobre regras) e unhas Institutiones en 2 libros.

Das súas obras consérvanse só algunhas pasaxes incluídas no Dixesto e en certas coleccións privadas e oficiais, entre outros: os Fragmenta iuris Romani Vaticana conservado nun códice do século IV da Biblioteca do Vaticano, descuberto en 1820 polo Cardeal Aneglo Mai; un papiro da Biblioteca de Viena descuberto por Endlicher en 1835, con fragmentos do primeiro libro das Institutiones; e un pergamiño da Biblioteca de Estrasburgo, con pasaxes da Disputationes.

Importancia[editar | editar a fonte]

Aínda que, non posuíu o talento e a orixinalidade de Papiniano, no seu labor dedicouse a lograr a máis completa e minuciosa recompilación do dereito vixente na súa época (do mesmo xeito que Paulo). Dos seus escritos díxose que, aínda que eran monótonos ao seguir as súas fontes ao pé da letra (Ulpiano escasamente expresaba as súas propias opinións), tiñan un estilo claro e sinxelo, o que lle permitiu converterse nos séculos posteriores no máis popular dos xuristas.

Foi incluído, xunto a Gaio, Paulo, Modestino (este foi discípulo de Ulpiano[3]) e Papiniano, na lei de citas de 426, que regulaba a recitatio das obras dos xuristas ante os tribunais (é dicir, que xuristas podían ser invocados e os criterios para a decisión do xuíz ante opinións diversas destes).

A súa actividade expositiva do dereito permitiulle obter o maior premio para un xurista romano: ser o máis utilizado na compilación de Xustiniano (unha terceira parte provén das súas obras), converténdoo nun dos principais informantes do dereito romano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Ulpiano". Biografías y Vidas. La enciclopedia biográfica en línea. Consultado o 31-03-2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 d'Ors (2001), p. 332
  3. Betancourt (2007), p. 96

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paricio, Javier (1999). Los juristas y el poder político en la antigua Roma. Granada: Editorial Comares, S.L. ISBN 84-8151-865-4. 
  • Betancourt, Fernando (2007). Derecho romano clásico. Col. Manuales universitarios nº 33 (3ª ed.). Sevilla: Universidad de Sevilla. ISBN 978-84-472-1099-2. 
  • d' Ors, Xavier (2001). Antología de textos jurídicos de Roma. Col. Clásica. Madrid: Akal. ISBN 84-460-1472-6. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]