Türkiye Radyo Televizyon Kurumu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Türkiye Radyo Televizyon Kurumu
Inicio das emisións 1964
Propiedade de Empresa pública
País Turquía Turquía
Lingua Turco
Sede central Ancara

Na rede
www.trt.net.tr
Facebook: TRT.Kurumsal Twitter: TRTKurumsal Instagram: trt Youtube: UCzsL5jpt0fbEdgVMOV-k-2Q Editar o valor em Wikidata

A Türkiye Radyo Televizyon Kurumu (en galego Corporación Turca de Radio e Televisión), máis coñecida pola súa abreviatura TRT, é a compañía de radiodifusión pública de Turquía. Fundouse en 1964 e actualmente xestiona máis de 10 canles de televisión, oito emisoras nacionais de radio e un sitio web.

A corporación é herdeira da empresa radiofónica Türkiye Radyoları, que comezou as súas emisións en probas en 1926 e iniciou a súa actividade regular un ano despois. Pero co desenvolvemento de novos medios de comunicación, o goberno dese país creou en 1964 un novo organismo que agrupase tamén á televisión. TRT mantivo o monopolio estatal da radiodifusión ata 1992, cando se permitiu a aparición de competidores privados.

Turquía é un dos países fundadores da Unión Europea de Radiodifusión, creada o 12 de febreiro de 1950. Tamén é membro activo da Unión de Radiodifusión Asia-Pacífico.

Historia[editar | editar a fonte]

Sede central de TRT en Ancara.

Antes de que se crease TRT, as emisións de radio corrían a cargo da empresa Türkiye Radyoları, que comezou as súas emisións o 6 de maio de 1927 en Ancara e un ano despois en Istambul. A comezos da década de 1960, o Goberno turco aprobou a creación dunha corporación de medios de comunicación públicos, que agrupase tanto á radio como á futura televisión. Deste xeito, en 1964 fundouse Türkiye Radyo Televizyon Kurumu.[1]

A radio non tivo problemas á hora de expandirse por toda Turquía, polo que en 1975 puidéronse crear dúas novas cadeas nacionais. Con todo, a televisión tivo unha lenta implantación, porque as autoridades daquela época considerábano un luxo. As emisións en probas de TRT-TV comezaron o 31 de maio de 1968 en Ancara coa colaboración de técnicos da República Federal Alemá,[2] e non se regularizaron ata decembro de 1971 coa instalación de novos emisores en Istambul e Esmirna.[1] O grupo reingresou en 1972 na Unión Europea de Radiodifusión, da que xa formaba parte só como grupo de radio, e fixo o propio en 1976 coa Unión de Radiodifusión Asia-Pacífico. As primeiras emisións en cor fixéronse o 31 de decembro de 1981, cun programa especial de Ano Novo, e non se estandarizaron ata 1984.[1]

O Goberno rompeu o monopolio estatal sobre a radio en 1990 e sobre a televisión en 1992, polo que Türkiye Radyo Televizyon Kurumu fixo cambios en todas as súas cadeas e pasou a un modelo máis competitivo.[1] Nos últimos anos, o número de canles de TRT creceu ata superar na década do 2000 as cinco cadeas de televisión nacionais, varias rexionais, unha canle internacional e nove emisoras de radio.

Organización[editar | editar a fonte]

Türkiye Radyo Televizyon Kurumu é unha empresa controlada polo Estado turco. A corporación finánciase a través de impostos directos, achegas do Goberno e publicidade: o 70% do seu orzamento procede dun imposto sobre o recibo da luz, e outro sobre os aparellos receptores de radio e televisión. O resto outórgase vía presupostos xerais (20%) e venda de publicidade (10%).

Entre os seus obxectivos están o desenvolvemento da lingua e a cultura turcas, ademais do servizo público e a cobertura a minorías do país. Desde 1989 conta cunha canle de televisión para a rexión de Anatolia Suroriental, cunha importante presenza de poboación kurda. A promoción da cultura turca implica, entre outras cuestións, a xestión de dúas canles internacionais: un para a diáspora turca (TRT Türk) e outro para os pobos turcos (TRT Avaz).

Radio[editar | editar a fonte]

Edificio de TRT Radyo en Istambul.

Emisoras nacionais[editar | editar a fonte]

  • TRT Radyo 1: emisora de contidos xerais cunha programación que inclúe informativos, magacines, espazos culturais e educativos. Fundouse en 1927 como Radio Ankara, e emite tanto en onda media como por frecuencia modulada.
  • TRT FM: emisora de contidos xerais destinada ao público novo, cunha programación baseada na música, o entretemento e a información. Foi a primeira emisora en frecuencia modulada do país; as súas emisións comezaron en xaneiro de 1975.
  • TRT Radyo 3: emisora musical que abarca clásicos contemporáneos. Comezou a súa actividade en xaneiro de 1975.
  • TRT Radyo 4: emisora dedicada á música turca.
  • TRT Nağme: emisora especializada en música clásica turca.
  • TRT Radyo 6: emisora dirixida ao pobo kurdo.
  • TRT Türkü: emisora especializada en música folclórica.
  • TRT Radyo Haber: emisora dedicada en exclusiva á información.

Emisoras rexionais[editar | editar a fonte]

A rede de emisoras rexionais de TRT chámase Bölgesel Radyolar (en galego, Radios rexionais), e normalmente comparte frecuencia con outras emisoras, como TRT Radyo 4 ou TRT Türkü. Inclúe as seguintes emisoras:

Emisoras internacionais[editar | editar a fonte]

  • Voz de Turquía: coñecida en turco como Türkiye'nin Sesi Radyosu, é a emisora internacional de TRT. Emite programas en máis de 30 idiomas, entre eles o español.
  • TRT Avrupa FM: emisora internacional dirixida á diáspora turca en Europa.

Televisión[editar | editar a fonte]

TRT conta con catro canles de televisión que emiten en aberto para todo o país, aos que deben sumarse outras cadeas por satélite e televisión dixital terrestre.

Canles nacionais[editar | editar a fonte]

Estudo de televisión en Istambul.
  • TRT 1: canle de televisión de contidos xerais, cunha programación baseada en entretemento, ficción, información e retransmisión de acontecementos especiais. Comezou as súas emisións o 31 de xaneiro de 1968 como a primeira televisión de Turquía, e actualmente é a cadea con máis audiencia de toda a corporación.
  • TRT Haber: canle de televisión de información continua. Anteriormente coñecido como TRT 2, comezou as súas emisións o 15 de setembro de 1986 con espazos alternativos, aínda que o seu programación actual data do 18 de marzo de 2010.
  • TRT 3: canle especializada en programación deportiva, baixo o nome de TRT Spor. Na súa frecuencia emítense tamén sesións da Asemblea Nacional de Turquía, a través da canle TBMM TV. Na Rexión do Sueste da Anatolia establécense desconexións para a canle TRT GAP. A súa primeira emisión foi o 2 de outubro de 1989.
  • TRT Çocuk: canle con programación infantil e xuvenil, o seu nome significa literalmente TRT Pícaros. O seu horario de emisión está restrinxido de 7:00 a 21:00. Comezou as súas emisións o 1 de novembro de 2008 a través da frecuencia de TRT 4, unha canle que naceu en xullo de 1990.
  • TRT Müzik: canle con programación musical.
  • TRT Belgesel: canle con programación cultural e documental. Iniciou a súa actividade o 17 de outubro de 2009
  • TRT Okul: canle educativa de TRT. As súas emisións comezaron o 31 de xaneiro de 2011.

Existe unha canle en alta definición chamado TRT HD, que emite os mellores contidos de todas as televisións da corporación.

Canles rexionais[editar | editar a fonte]

  • TRT Anadolu: canle informativa de TRT que emite programación local, fornecida por unha rede de televisións rexionais, non controladas directamente pola corporación pública. Pode verse en todo o país a través do satélite.
  • TRT GAP: canle para a Rexión do Sueste da Anatolia. Comparte a súa franxa de emisión con TRT 3.
  • TRT 6: tamén coñecida como TRT Şeş, é unha televisión dirixida que emite en linguas minoritarias de Turquía, dirixida nun principio ao pobo kurdo. Pode sintonizarse en todo o país a través do satélite.

Canles internacionais[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 TRT (ed.). "Historia de TRT" (en turco). Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2012. Consultado o 7 de abril de 2012. 
  2. Country Studies (ed.). "Turkey - Mass Media" (en inglés). Consultado o 7 de abril de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]