Trofeo Teresa Herrera (hóckey a patíns)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trofeo Teresa Herrera
Fundación1952
Número de equipos2-4
Club máis exitosoGalicia HC Liceo (4 títulos)

O Trofeo Teresa Herrera de hóckey a patíns foi un torneo amigábel disputado na Coruña nos anos 50 e recuperado na década de 2010.

Historia[editar | editar a fonte]

Anos 50[editar | editar a fonte]

A primeira edición, impulsada por Antonio González,[1] disputouse na praza de María Pita entre o 26 e o 28 de xuño de 1952, uns días despois do Trofeo Teresa Herrera de fútbol, e participaron nel os equipos do Deportivo da Coruña (campión galego), Atlético de Madrid (campión de Castela) e FC Barcelona.[2] O primeiro partido enfrontou ao Deportivo co Atlético de Madrid, formando o equipo galego con Lago, Varela, Fernando Bremón, José Fontenla e os irmáns Pepe e Antonio González, mentres que o equipo madrileño aliñou a Galian, Groiza, Martínez, Garrigues, Wences e César. Venceu o Atlético por 6-0 con tres goles de Wences e outros tres de Garrigues.[3][4] Ao día seguinte o Barcelona derrotou ao Deportivo por 11-3, con goles de Bargalló (4), Newton (3), Rovira (3) e Gallén (1), mentres que por parte coruñesa anotaron Brunet, Bremón e González.[5] Na derradeira xornada o Atlético venceu ao Barcelona por 3-2, conquistando deste xeito o trofeo, que lle foi entregado polo alcalde da Coruña, Alfonso Molina.[6]

A segunda edición do torneo disputouse en setembro de 1955, enfrontándose esta vez catro equipos: Campo de Ourique (campión da liga portuguesa), Académico do Porto, Español (campión da Copa do Xeneralísimo) e unha selección coruñesa formada polos porteiros Germán e Suso, os defensas Fontela e Armando, e os medios e dianteiros Escariz, Morán, Dafonte, Iglesias e Bremón.[7]

Os equipos portugueses, con varios xogadores internacionais, venceron aos dous equipos españois na primeira xornada: o Campo de Ourique derrotou á selección coruñesa por 5-0, mentres que o Académico venceu 5-3 ao Español. No segundo día o Español derrotou aos coruñeses por 5-1, mentres que o Campo de Ourique gañou ao equipo do Porto por 3-0.[8] No derradeiro día de competición a selección coruñesa empatou a dous goles contra o Académico, mentres que o Campo de Ourique proclamouse campión ao empatar tamén 2-2 co Español.[9]

En xuño de 1956 disputouse a terceira edición na que participaron o Club Patín Cibeles de Oviedo (campión de Asturias), o Real Alcodiam de Alcoi (campión do Levante), e dous clubs coruñeses: o Deportivo e o Centro Asturiano. Na xornada inaugural o equipo alcoiano goleou por 9-0 ao Centro Deportivo, mentres que o Cibeles derrotou á súa vez ao Deportivo da Coruña por 6 goles a 2.[10] Na segunda xornada o Alcodiam, liderado polos irmáns Jordá, logrou unha nova vitoria, esta vez contra o Deportivo da Coruña por 6-1. No partido entre o Cibeles e o Centro Asturiano rexistrouse un empate a un, con goles anotados por Moreno por parte do equipo ovetense e Morán para os coruñeses.[11] Na última xornada o Deportivo venceu por 2-1 ao Centro Asturiano, mentres que no partido decisivo polo torneo o Cibeles derrotou por 3-0 ao Alcodiam, adxudicándose o trofeo.[12]

Anos 2010[editar | editar a fonte]

Case 60 anos despois, en 2014, disputouse unha nova edición do torneo, enfrontando no Pazo dos Deportes de Riazor ao HC Liceo co AD Valongo portugués, gañando o equipo coruñés por 6-4, con goles de Jordi Bargalló (2), Toni Pérez, Eduard Lamas, Pau Bargalló e Josep Lamas.[13] O Liceo revalidou o título ano seguinte, derrotando ao Valença HC por 8-4 con goles de Josep Lamas (3), Toni Pérez (3), Dava Torres e Pau Bargalló por parte do equipo verde, mentres que os goleadores do equipo portugués foron Diogo Cunha (2), Nene Magalhães e Jorge Faria.[14]

En 2016 o torneo disputouse a modo de triangular, coa participación do Liceo, o Porto FC e o Valença HC. O Liceo conquistou o seu terceiro título tras empatar 4-4 co Porto[15] e golear por 12-0 ao Valença.[16] En 2017 disputouse a derradeira edición ata a data,[17] na que o novo Liceo de Juan Copa gañou o seu cuarto título derrotando por 6-2 ao Valença HC, con goles de Sergi Miras (2), Eduard Lamas, Dava Torres, Marc Coy e Carlo di Benedetto.[18]

Edicións[editar | editar a fonte]

Ano Campión Resultado Subcampión
1952 España Atlético de Madrid Triangular España FC Barcelona Galicia Deportivo da Coruña
1955 Portugal Campo de Ourique Liguiña España Espanyol Portugal FC Porto Galicia Selección coruñesa
1956 España CP Cibeles Liguiña España Real Alcodiam Galicia Deportivo da Coruña Galicia Centro Asturiano
2014 Galicia HC Liceo 6-4 Portugal AD Valongo
2015 Galicia HC Liceo 8-4 Portugal Valença HC
2016 Galicia HC Liceo Triangular Portugal FC Porto Portugal Valença HC
2017 Galicia HC Liceo 6-2 Portugal Valença HC

Palmarés[editar | editar a fonte]

Títulos Equipo Anos
4 Galicia HC Liceo 2014, 2015, 2016, 2017
1 España Atlético de Madrid 1952
1 Portugal Campo de Ourique 1955
1 España CP Cibeles 1956

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "5 minutos de charla con D. Antonio González, presidente de la F. G. de Patinaje". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 22 de xaneiro de 1958. p. 8. 
  2. "El “I Trofeo Teresa Herrera" empezará a disputarse mañana". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 25 de xuño de 1952. p. 5. 
  3. Alfil (28 de xuño de 1952). "El Teresa Herrera de hockey sobre patines". El Progreso (en castelán). p. 4. Consultado o 19 de decembro de 2020. 
  4. "Trofeo Teresa Herrera de hockey sobre patines". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 27 de xuño de 1952. p. 5. 
  5. "El Barcelona impuso su mejor técnica sobre el Deportivo, 11-3". A Coruña (en castelán) (A Coruña ed.). 28 de xuño de 1952. p. 5. 
  6. "El Atlético de Madrid ganó el Trofeo Teresa Herrera". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 29 de xuño de 1952. p. 5. 
  7. "Esta noche en María Pita empieza el gran Torneo Teresa Herrera". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 4 de setembro de 1955. p. 4. 
  8. "Brillante victoria del Campo e Ourique". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 6 de setembro de 1955. p. 4. 
  9. "El Campo de Ourique, ganador del Torneo Teresa Herrera". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 7 de setembro de 1955. p. 5. 
  10. "Victorias de los equipos forasteros en la primera jornada del "Teresa Herrera"". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xuño de 1956. p. 6. 
  11. "Brillante empate del C. Asturiano con el Cibeles". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xuño de 1956. p. 8. 
  12. "La Cibeles, ganador del Teresa Herrera al batir al Alcodiam por 3-0". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 30 de xuño de 1956. p. 5. 
  13. "El Teresa Herrera, en casa". La Opinión A Coruña (en castelán). 31 de agosto de 2014. Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  14. "El Liceo deja el Teresa Herrera en casa" (en castelán). 23 de setembro de 2015. Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  15. "Espectáculo, goles y empate en el estreno del nuevo Liceo". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de setembro de 2016. Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  16. "El Liceo se lleva el Teresa Herrera tras ganar al Valença por un abultado 12-0". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 2016. Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  17. "Liceo y Valença luchan por adjuciarse el Teresa Herrera". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 19 de xuño de 2017. p. 46. 
  18. "El Liceo superó al Valença en su primer duelo en Riazor". DxT Campeón: noticias del deporte de la provincia de A Coruña y Galicia (en castelán). 17 de setembro de 2017. Consultado o 2024-02-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]