Tripedalia cystophora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tripedalia cystophora
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Cubozoa
Orde: Carybdeida
Familia: Tripedaliidae
Xénero: Tripedalia
Especie: T. cystophora
Nome binomial
Tripedalia cystophora
Conant, 1897[1]

Tripedalia cystophora é unha especie de pequenas cubomedusas da familia Tripedaliidae. É nativa do mar Caribe e das augas tropicais dos océanos Índico e Pacífico.

Descrición[editar | editar a fonte]

A medusa de Tripedalia cystophora mide aproximadamente 1 cm de diámetro. A súa campá con forma de cubo ten unha parte superior aplanada e é lixeiramente máis larga que alta. En cada unha das catro esquinas da campá saen do mesmo punto tres tentáculos, cada un sobre un talo ou pedalio. A superficie externa da campá é granulada porque ten estruturas que parecen pequenas verrugas armadas con nematocitos. Aproximadamente a un cuarto de camiño en dirección á parte superior da campá hai catro ropalias, que son estruturas cilíndricas que conteñen células sensibles á luz. Aproximadamente na parte media da campá, poden verse as súas catro gónadas aplanadas dentro da campá. A parte inferior da campá está parcialmente constrinxida por un velario,[2] que é un anel de tecido horizontal,[3] e no centro está o manubrio, unha estrutura tubular que colga para abaixo e leva a boca no seu extremo.[4] Esta cubomedusa é de cor marrón amarelada translúcida.[2]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O World Register of Marine Species indica que o seu hábitat son as augas do mar Caribe e do Indo-Pacífico Central, pero sinala que isto non está revisado.[1] As colonias de T. cystophora encóntranse tamén nas costas de Suramérica no océano Atlántico.[2] Unha colonia en Porto Rico, no mar Caribe, atopouse habitando nas marxes de lagoas de mangleirais.[5]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Natación e movemento das ropalias de Tripedalia cystophora.

Igual que outras cubomedusas nada expandindo e contraendo a súa campá vigorosamente.[6] Durante o día T. cystophora encóntrase principalmente nos 20 cm de auga máis superficiais, en sitios bañados polo sol entre as raíces de soporte dos mangleirais. Estas áreas cálidas solleiras son onde se atopa a súa principal fonte de alimento, os copépodos Dioithona oculata.[5] Nas áreas iluminadas onde as raiolas de sol atopan un claro nas copas dos mangleirais para pasar, fórmanse densos enxames destes copépodos .[7] Alí T. cystophora aliméntase deixándose afundir lentamente cara ao fondo cos seus tentáculos estendidos arredor para apañar as súas presas.[8]

As cubomedusas teñen sistemas visuais complexos e en T. cystophora cada unha das catro ropalias da campá constan dun grupo de seis ollos de catro tipos morfolóxicos. O ollo en posición máis superior e o máis inferior conteñen unha lente, e hai tamén un par de ollos de fenda e un par de ollos de pozo. T. cystophora presenta comportamentos complexos como evitar obstáculos e nadar rapidamente nunha dirección determinada e pode manter a súa posición na columna de auga iluminada seguramente utilizando información visual. A presenza ou ausencia dos copépodos que depreda ou a cantidade presente deles non parece afectar o seu comportamento de xiro ou velocidade de natación pero ao permanecer na auga solleira maximiza o número de copépodos dos que se pode alimentar.[7] Pode detectar un obxecto cilíndrico como unha raíz de mangleiral cando se achega dabondo a ela e pode entón xirar bruscamente a un lado para evitala.[5]

Pola noite T. cystophora vaise do mangleiral ata uns poucos metros máis cara ás augas pouco profundas da lagoa e afúndese ata o fondo. Non está claro se se pousa no leito da lagoa ou se nada lentamente entre as plantas mariñas anxiospermas e as algas verdes. Se os investigadores acenden unha luz para observala nesas circunstancias, reacciona nadando cara á superficie.[5]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Cada individuo medusa de Tripedalia cystophora é gonocórico (é dicir unisexual, ou é macho ou é femia) e produce gametos para a reprodución sexual. Despois da fertilización, o cigoto desenvólvese orixinando unha larva plánula, que se cría dentro da campá da femia.[2] Posteriormente é expulsada e aséntase no fondo onde sofre unha metamorfose converténdose nun pólipo de aproximadamente 1 mm de longo, con catro tentáculos con extremos con forma de pomo que rodean a boca. Este pólipo pode producir máis pólipos asexualmente por xemación, que reptan polo substrato e acaban fixándose a el. O extremo oral do pólipo diferénciase posteriormente nunha protomedusa, que se despega do pólipo e convértese nunha medusa nova que nada libre, completando así o seu ciclo de vida.[6][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Collins, Allen G. (2013). "Tripedalia cystophora Conant, 1897". World Register of Marine Species. Acceso 2014-03-26. [1]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 D. Boltovskoy (ed.). "Tripedalia cystophora". Zooplankton of the South Atlantic Ocean. Marine Species Identification Portal. Consultado o 2014-03-26. [Ligazón morta]
  3. D. Boltovskoy (ed.). "Velarium definition". Zooplankton of the South Atlantic Ocean. Marine Species Identification Portal. Consultado o 2014-04-22. [Ligazón morta]
  4. D. Boltovskoy (ed.). "Manubrium definition". Zooplankton of the South Atlantic Ocean. Marine Species Identification Portal. Consultado o 2014-04-22. [Ligazón morta]
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Garm, A.; Bielecki, J.; Petie, R.; Nilsson, D.-E. (2012). "Opposite Patterns of Diurnal Activity in the Box Jellyfish Tripedalia cystophora and Copula sivickisi". Biological Bulletin 222 (1): 35–45. 
  6. 6,0 6,1 Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Cengage Learning. p. 154. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  7. 7,0 7,1 Buskey, E. (2003). "Behavioral adaptations of the cubozoan medusa Tripedalia cystophora for feeding on copepod (Dioithona oculata) swarms". Marine Biology 142 (2): 225–232. doi:10.1007/s00227-002-0938-y. 
  8. Garm, A.; O'Connor, M.; Parkefelt, L.; Nilsson, D.-E. (2007). "Visually guided obstacle avoidance in the box jellyfish Tripedalia cystophora and Chiropsella bronzie". Journal of Experimental Biology 210: 3616–3623. doi:10.1242/jeb.004044. 
  9. Chapman, D. M. (1978). "Microanatomy of the cubopolyp, Tripedalia cystophora (Class Cubozoa)". Helgoländer wissenschaftliche Meeresuntersuchungen 31 (1–2): 128–168. doi:10.1007/BF02296994.