Os Trintas de Trives

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Trinta de Trives»)
Os Trintas de Trives
OrixePobra de Trives,
Período1890-1950
Xénero(s)Música tradicional galega
MembrosFélix Álvarez

Fermín Álvarez
Roxelio Álvarez

Luís Álvarez
Artistas relacionadosRicardo Courtier

Os Trintas de Trives foron un cuarteto de gaita, clarinete en mi bemol (requinto), redobrante (caixa) e bombo, creado por iniciativa do compositor Ricardo Courtier a finais do século XIX na localidade ourensá da Pobra de Trives. O grupo estaba formado por tres irmáns, Félix, Fermín e Roxelio e polo bombeiro Luís Álvarez.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O pai dos tres irmáns Álvarez, Xosé, tiña o alcume de "O Trinta", que lle viña dado polo do seu propio pai, a quen chamaban "O Vintenove". Así que cando os irmáns tiveron que decidir o nome do conxunto escolleron "Os Trintas", en plural.[2] Foron un grupo diferente ao que se pode considerar hoxe en día unha formación de música tradicional, xa que todos tocaban na banda de música de Trives, sendo músicos con formación e por tanto afeitos ao emprego de partituras. Ricardo Courtier, o seu director na banda, decidiu conformar o cuarteto inspirado polo exemplo dos gaiteiros "innovadores" da época, como Xan Míguez "O Ventosela" ou os gaiteiros de Sobrado. Estes novos gaiteiros incluían no seu repertorio pezas non tradicionais, e tocaban acompañados da instrumentación procedente das bandas populares. O repertorio dos Trintas composto por Courtier, mesturaba as melodías populares galegas cos ritmos de moda no momento, como zarzuelas, pasodobres ou fox-trot, e empregaba arranxos de obras de compositores como Xoán Montes, Chané ou Federico Chueca.[3]

No seu tempo foron aclamados tanto polo público como pola prensa que se facía eco das súas actuacións por Galicia. Adquiriron fama na década de 1890 polas súas actuacións nos xogos florais e nas festas das cidades galegas, pasando posteriormente a actuar noutras urbes da península como Madrid, Barcelona ou Bilbao. No ano 1902 foron convidados a tocar na coroación do rei Afonso XIII, o que multiplicou a súa popularidade, de xeito que comezaron a ser reclamados desde os distintos centros galegos espallados polo mundo, como o da Habana ou o de Buenos Aires, no que non puideron actuar por enfermaren un dos irmáns.[4]

O éxito da formación viuse rapidamente imitado, aparecendo gran cantidade de cuartetos con clarinete por todo o territorio galego, o que converteu a esta combinación instrumental en agrupación tipo da música galega ata a aparición dos cuartetos con dúas gaitas, cara o ano 1925.[5] Os Trintas continuaron en activo até os anos cincuenta do século XX.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Foxo, Xosé Lois (1987). "Os Trintas de Trives" (PDF). Anuario da gaita (2): 10–11. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de maio de 2021. Consultado o 03 de maio de 2021. 
  2. Vega Pato, Tomás (2005). "Os Trintas de A Pobra de Trives, lenda e realidade" (PDF). Anuario da gaita (20): 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de maio de 2021. Consultado o 03 de maio de 2021. 
  3. Garrido Rodríguez, Manuel (1991). "Tempos Modernos" (PDF). Anuario da gaita (6): 10. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xuño de 2021. Consultado o 21 de xuño de 2021. 
  4. Vega Pato, Tomás (2005). "Os Trintas de A Pobra de Trives, lenda e realidade" (PDF). Anuario da gaita (20): 6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de maio de 2021. Consultado o 03 de maio de 2021. 
  5. Cancela Montes, Beatriz (2018). "Las bandas de música en el entorno rural gallego. El ejemplo de la Banda Municipal de Santiago de Compostela" (PDF). Quadrívium. Revista digital de musicología (9): 5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]