Tres pasos polo misterio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tres pasos polo misterio
Autor/aAgustín Fernández Paz
CubertaMiguelanxo Prado
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalega
ColecciónFóra de Xogo
Xénero(s)conto
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2004
Páxinas216
ISBNISBN 84-9782-105-X
editar datos en Wikidata ]

Tres pasos polo misterio é un libro de tres relatos de misterio de Agustín Fernández Paz publicado en 2004 na Colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia.

Trama[editar | editar a fonte]

A serpe de pedra[editar | editar a fonte]

O narrador protagonista, pechado nunha clínica, agarda a chegada da lúa chea que provocará a súa morte. Como se sente responsábel do perigo que ameaza a toda a humanidade decide deixar por escrito os acontecementos que o levaron a esta situación coa esperanza de que alguén entenda a mensaxe.

Nacido nunha casa moi próxima ao Museo Provincial de Lugo desde neno pasou horas nel, atraído polas pegadas dos primeiros poboadores de Galicia, o que o levou a especializarse en arqueoloxía prehistórica, concretamente na cultura megalítica, e a traballar no Museo de Lugo onde conseguiu da Deputación unha axuda económica para escavar a necrópole megalítica Roza das Modias.[1]

Deciden expoñer unha vitrina específica cos achados da escavación, dos cales os máis importantes eran tres anacos de sílex de forma cilíndrica, duns 25 centímetros de lonxitude cada un. Só que non eran pezas illadas; se as colocabas na orde correcta, o que se formaba era o corpo dunha serpe, coa cabeza no estremo dunha delas e a cola cónica no final da terceira. Unha cobra de tres pezas, a proba irrecusable de que o culto das serpes tivera no noso país un lugar sobranceiro durante a etapa megalítica.[2]

Dolmen de Roza das Modias

Algún tempo despois decátase do estraño comportamento dalgúns dos visitantes, sobre todo dunha parella de estranxeiros que todos os días pasaba tempo diante da vitrina, e despois de que por dúas veces aparecesen revoltas todas as pezas sen explicación aparente, cae na conta de que iso sucede en noite de lúa chea, polo que na próxima ocasión permanece agochado dentro do Museo e o que conta ao día seguinte ninguén llo cre.

A vella foto das estrelas[editar | editar a fonte]

A narradora protagonista deixa por escrito a extraordinaria vivencia que lle aconteceu o pasado nove de xullo.

Aos seus quince anos recibe con enfado a decisión dos pais de faceren os tres o camiño de Santiago desde O Cebreiro. Despois dunha viaxe desde Vigo que lle pareceu un retroceso no tempo, instálanse nunha fonda para írense acostumando ás camiñadas. Na noite do nove de xullo, despois de estar de tertulia co resto dos hóspedes, sae dar un paseo e acaba de conversa cun rapaz baixo o ceo estrelado. Ao día seguinte, a dona da fonda cóntalle quen é ese mozo.

As sombras do faro[editar | editar a fonte]

Este relato conta cunha primeira versión, máis esquemática, no volume colectivo Historias para calquera lugar (Edicións Xerais, colección Merlín, 2001)[3] .

O narrador protagonista volve a Pontebranca trinta anos despois de abandonar a vila, onde pasou un ano cando tiña dezaseis. O causante desta volta foi a morte de seu pai, hai case un ano, cando ao revisar as súas pertenzas descobre unha carpeta con fotos de Marta e lembra aquel primeiro amor esquecido e os estraños sucesos vividos no faro.

Conta a súa chegada a Pontebranca, no verán de 1972, o aburrimento deses meses nos que non coñecía a ninguén, o inicio no instituto e Marta, a súa compañeira de pupitre e primeiro amor. As fotos que lle fixo, os paseos en bicicleta e o seu repentino malestar cando el lle fala de visitaren o faro, lugar ao que non vai ninguén e ela faille prometer que nunca irá. Mais el falta á súa promesa e unha tarde de outono achégase a el con dificultade pois o camiño está cuberto de silvas. Á volta ten unha desacougante visión e acaba rabuñado polas silvas.

Aínda que ten remorsos, non lle conta nada a Marta ata a primavera; el pensa que se enfadará por faltar á súa palabra e ocultarllo mais uns días despois ela proponlle visitáreno os dous xuntos. Esa visita acabará supondo o final da súa relación e en última instancia a súa marcha da vila.

Pouco a pouco irá esquecendo esa etapa da súa vida; facendo a carreira de Xeografía e Historia descobre a razón pola que o faro parecía maldito para a poboación de Pontebranca pero a vida continúa e non será ata agora cando decida volver para pechar a débeda de tantos anos atrás.

Referencias literarias na obra[editar | editar a fonte]

Como é usual en toda a obra de Agustín Fernández Paz[4], no libro, ademais das citas que encabezan cada capítulo, hai multitude de referencias literarias: William Stukeley[5],Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza-Brey[6] no primeiro relato.

Uxío Novoneyra [7] e Alan Moore [8] no segundo.

Albert Camus, Celso Emilio Ferreiro, Franz Kafka, Ray Bradbury, James Joyce[9] no terceiro…

Traducións[editar | editar a fonte]

Foi traducida ao catalán por Josep Franco Martínez no ano 2004 co título de Tres passes pel misteri en Edicions Bromera [10].

E ao castelán por Rafael Chacón Calvar no ano 2009 co título de Tres pasos por el misterio na Editorial Anaya [11].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Anta da Roza das Modias". Patrimonio Galego. Consultado o 2020-01-16. 
  2. Fernández Paz, Agustín (2004). Tres pasos polo misterio. Ed. Xerais. pp. 28–29. ISBN 84-9782-105-X. 
  3. Isabel Soto López. "Agustín Fernández Paz: procesos de reescrita". Consultado o 16/10/2017. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2016. Consultado o 19 de outubro de 2017. 
  5. Fernández Paz 2004, p. 12.
  6. Fernández Paz 2004, p. 16.
  7. Fernández Paz 2004, p. 81.
  8. Fernández Paz 2004, p. 90.
  9. Fernández Paz 2004, p. 174.
  10. Ficha Arquivado 20 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa
  11. Ficha Arquivado 20 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]