Traviesas H.C.

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Traviesas HC»)
Traviesas H.C.
Na rede
https://traviesashockeyclub.com/
Facebook: TraviesasHockeyClub Instagram: traviesashockeyclub Editar o valor em Wikidata

O Traviesas Hóckey Club é un club de hóckey a patíns da cidade de Vigo, fundado en 1969.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O hóckey a patíns comezou a xogarse en Vigo na década de 1950. Clubs coma o Vigo Sporting ou o Areosa foron os pioneiros deste deporte na cidade olívica. Os primeiros torneos coincidindo coas festas de Vigo xogáronse fronte ao Náutico de Vigo, e as pistas onde se comezou a practicar eran As Cabanas, o frontón e posteriormente, a pista situada nun dos fondos do estadio de Balaídos. Nesta época, o Vigo Sporting xa competía contra equipos coma o Juvenil de Ponteareas, ou o Santa Lucia da Coruña, onde xogaban os irmáns Iglesias, en especial Daniel Iglesias, quen desenvolverá posteriormente a súa actividade como adestrador e directivo vencellado ao Traviesas.

Outra canteira de xogadores foi a pista do colexio dos Xesuítas, onde aprenderon a patinar moitos alumnos, chegando a participar o equipo colexial en múltiples campionatos escolares a nivel estatal.

Un dos acontecementos deportivos máis importantes do hóckey en Vigo foi a celebración do Campionato de Europa Júnior no ano 1968, co que se inaugura a pista central do Centro Deportivo Municipal, co debut na selección Española do xogador local Carlos P. De Lis.

Un ano antes a comisión de festas do concello de Vigo patrocinou o primeiro Gran Premio de Vigo, organizado pola Federación Galega Sur, celebrado o 25 de agosto do 67 e coa participación do Reus Deportiu, daquela campión de España e Europa, o Académico de Oporto, e as seleccións galegas do Norte e o Sur.

O club[editar | editar a fonte]

O 3 de xuño de 1969 fúndase o Traviesas Hóckey Club, cuxo primeiro presidente foi Julio Barreira Catalá. Comezou a fomentarse este deporte na cidade e en localidades próximas como Ponteareas, ou Redondela co Sar ou Pontevedra co Cisne. En Vigo, e da man do Irmán Raimundo créase un equipo no Colegio Hogar, de onde saen xogadores de calidade. Desgraciadamente, tanto esta pista coma a do colexio dos Xesuítas desapareceron, co que isto significou de negativo para a canteira.

No ano 1975 o Traviesas participou na liga nacional de primeira división por primeira vez, ao cabo de dúas tempadas produciuse a unión do Traviesas co Ponteareas, chegando a xogar durante seis tempadas en Primeira División. En 1982 produciuse a separación dos dous clubs e a refundación do Traviesas, e á fronte do mesmo Mario Cardama. Ao ano seguinte prodúcese o ascenso a primeira. Para celebrar este acontecemento, e coa colaboración de Ramón Gómez e Julio Sáenz e o patrocinio do Concello organizouse o primeiro Torneo Cidade de Vigo, coa participación do Liceo da Coruña, o Cibeles de Oviedo, Dominicos da Coruña, e o Traviesas.

Dende aquela celebráronse 25 torneos, converténdose nun dos torneos máis prestixiosos do mundo, e facéndose cargo da súa organización dende a súa cuarta edición a Federación Galega de Patinaxe, pasando os mellores equipos mundiais en cada momento pola pista central do pavillón das Travesas.

Unha das consecuencias da celebración do torneo foi a excelente relación con equipos coma o FC Barcelona, que levaron á cesión en 2001 dunha praza para xogar en Primeira División Nacional. É cando se funda o Vigo Stick Club de Hóckey.


O equipo sénior masculino conseguiu no ano 2023 o ascenso á categoría nacional (Ok Liga Bronce).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O Traviesas Hockey Club regresa á competición nacional". Federación Galega de Patinaxe. 10 de xullo de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]