Travian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Travian é un xogo de estratexia en liña desenvolto na Alemaña. Trátase dun xogo gratuíto onde xogan miles de xogadores e o único requirimento para poder xogar é un navegador de Internet.

O obxectivo do xogo é a colonización e conquista de aldeas. O xogador comeza gobernando unha pequena aldea que debe ir ampliando construíndo edificios que, dependendo do tipo que se trate, lle proporcionará máis recursos, lle permitirá adestrar soldados ou fundar ou conquistar novas aldeas.

O xogador pode elixir entre tres civilizacións para xogar: xermanos (orientados ao ataque), galos (especializados en defensa) e romanos (a máis equilibrada); pode relacionarse con outros xogadores e unirse a eles formando alianzas, que poden así mesmo coaligarse con outras alianzas ou loitar contra elas.

Os primeiros servidores de Travian creáronse en alemán e en inglés e en pouco tempo apareceron en castelán (o primeiro iniciouse en xuño de 2005), holandés e italiano. Na actualidade o xogo está dispoñible en máis 30 idiomas distintos, e existen ao redor dos 300 servidores nos que xogan uns 5 millóns de xogadores.

Mecánica do xogo[editar | editar a fonte]

O xogador comeza gobernando unha pequena aldea e os terreos que a arrodean. Os devanditos terreos están formados por catro tipos de casillas que lle proporcionan recursos: barro, madeira, ferro e cereal. Esas casas comezan a grao cero e poden ampliarse para conseguir máis recursos cada hora. Con eses recursos, á parte de aumentar esas casas, poderase construír edificios dentro da aldea e recrutar soldados.

Hai moitos tipos de edificios que se poden construír no interior da aldea e estes poden ser ou ben militares, onde poder adestrar soldados ou conseguir melloras para estes, ou civís, que serven para outro tipo de propósitos.

Edificios[editar | editar a fonte]

Civís[editar | editar a fonte]

  • Edificio principal: a súa función é reducir o tempo de construción na túa aldea. Cantos máis graos teña (ata un máximo de 20) menos tempo tardarás en construír outros edificios.
  • Almacén: neste edificio gárdanse os teus recursos (agás o cereal). Cantos máis graos máis recursos podes almacenar nesa aldea. Pode subirse ata grao 20 e unha vez a ese nivel permítese construír máis almacéns.
  • Graneiro: aquí gardas o cereal producido na aldea. Funciona do mesmo xeito que o almacén.
  • Mercado: permite ao xogador comerciar cos demais xogadores para así intercambiar recursos que precise por outros que lle sobren. Cada grao daralle ao xogador un comerciante ata un máximo de 20.
  • Acocho: permite agochar recursos para que non os rouben se a aldea e atacada por outro xogador. Pode chegar ata grao 10 e construírse máis de un.
  • Embaixada: a embaixada permite fundar alianzas e entrar nas xa creadas. Os niveis de embaixada só son importantes para o líder dunha alianza, pois cantos máis graos teña máis membros poderá ter. Por cada grao de embaixada a alianza poderá ter tres membros e o máximo é grao 20, é dicir, 60 membros como máximo.
  • Pazo: é un edificio que permite ao xogador fundar novas aldeas o conquistar a do outro xogador. No pazo adéstranse dous tipos de soldados que permitirán ao xogador expandirse: os descubridores e os senadores/líderes/caciques (nomes nos tres pobos do xogo). Poden adestrarse ao chegar aos niveis, 10, 15 e 20.
  • Residencia: funciona exactamente igual que o pazo pero o anterior só pode construírse nunha aldea (que será a aldea principal) mentres que a residencia só pode adestrar unidades a niveis 10 e 20.
  • Oficina de comercio: este edificio fai que os comerciantes poidan levar máis materias primas coas que comerciar. O seu grao máximo é 20, co que se dobra a capacidade de carga.

Militares[editar | editar a fonte]

  • Praza de reunións: este edificio indica os movementos de tropas, tanto do xogador como do inimigo contra esa aldea. Tamén permite ás armas de asedio elixiren obxectivos contra os que dispararen cando atacan. Canto máis nivel a praza de reunións, ata un máximo de 20, máis obxectivos se terán dispoñibles.
  • Cuartel: permite adestrar tropas de infantería na aldea. Canto máis nivel teña o cuartel máis rápido poderanse adestrar esas tropas. O seu nivel máximo é 20.
  • Curral: o seu funcionamento é igual que o do cuartel pero para tropas de cabalería.
  • Taller: funciona igual que o cuartel e o curral e nel pode fabricarse artillería. As dúas unidades que poden adestrarse no curral son os arietes (para destruír murallas) e as catapultas (destrúen edificios).
  • Academia: este é un edificio que nos permite desenvolver novos tipos de tropa. Antes de poder adestrar determinadas unidades nos seus edificios correspondentes precisamos desenvolvelas na academia. O seu nivel máximo e 20, e a maior nivel teremos novas e mellores unidades para adestrarmos.
  • Armería: este edificio permítenos desenvolver mellores armas para os nosos soldados. Aquí melloramos o ataque de todas as unidades dispoñibles ata un máximo de nivel 20, ao igual que os graos do edificio.
  • Armamentería: ao igual que a armería pero para mellorar as armaduras das nosas tropas e incrementar a súa defensa.

Speed Travian[editar | editar a fonte]

Existe tamén unha versión máis rápida do xogo denominada Speed Travian. Nesta versión, desenvolvida posteriormente, as tropas móvense ao triple de velocidade e adéstranse tres veces máis rápido, e os recursos tamén se conseguen a unha velocidade tres veces maior. É unha versión máis orientada ao ataque que á diplomacia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Travian en castelán