Tratado de Oliva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuarto no mosteiro de Oliva onde se asinou o tratado
Primeira páxina do documento

O Tratado de Oliva (ou Paz de Oliva; en alemán: Vertrag von Oliva, en polaco: pokój oliwski, en sueco: Freden i Oliva) foi un tratado de paz asinado na cidade de Oliwa (en latín: Oliva) preto de Danzig na Prusia Real, provincia da Mancomunidade Polaco-Lituana (República das Dúas Nacións), o 3 de maio de 1660.[1]

Sinatura[editar | editar a fonte]

Os signatarios foron o emperador Leopoldo I, o elector Federico Guillerme I de Brandeburgo, o rexente sueco Magnus Gabriel Da Gardie e o rei Xoán II Casimiro de Polonia. A placa conmemorativa rezaba: PACIS OLIVIENSIS AD GEDANUM IN PRVSSIA.

A Mancomunidade polaco-lituana en 1660, tras as guerras contra suecos e transilvanos

Consecuencias[editar | editar a fonte]

No tratado Xoán II Casimiro renunciaba ás súas pretensións á coroa sueca, que o seu pai, Sexismundo III de Polonia, perdera en 1599. Polonia ademais cedía formalmente Livonia a Suecia xunto coa cidade de Riga, que estivera baixo control sueco desde a década de 1620. O tratado resolvía os conflitos entre Suecia e Polonia que quedaran en pé desde a guerra de 1598-1599 entre o duque Carlos e Sexismundo Vasa (Sexismundo III de Suecia), guerra de 1600-1629 e as guerras do Norte (1655-1660).

Os Hohenzollern de Brandeburgo viron ademais recoñecida a súa independencia e soberanía sobre o Ducado de Prusia; anteriormente dominaran o territorio como feudo do rei de Polonia. No caso de que a familia extinguísese, o territorio revertería á Coroa polaca.

O Tratado de Oliva, xunto co Tratado de Copenhague dese mesmo ano, marcaron o cenit do poderío sueco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Friede von Oliva – Monarchieliga". www.monarchieliga.de. Consultado o 2022-04-09. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]