Tratado de Goulet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Filipe Augusto e Xoán sen Terra conclúen a paz.

O Tratado de Goulet, ou Tratado de Le Goulet, foi un tratado asinado, segundo o cronista Rigord, o 22 de maio de 1200 por Filipe Augusto e Xoán sen Terra reconciliados grazas á intervención de Artur I da Bretaña tras a invasión de Normandía levada a cabo polo rei de Francia; foi selado despois da tregua de Vernon, en Normandía, en xaneiro de 1199.[1][2]

O acordo[editar | editar a fonte]

O rei Xoán I de Inglaterra, chamado Xoán sen Terra, recoñeceu a sobranía do rei de Francia sobre as posesións continentais dos Plantagenet. Así, o rei Capeto gañou o condado de Évreux e os seus feudos de Berry (Issoudun e Graçay), aínda que deixou en mans dos Plantagenet os seus dereitos sobre a Bretaña.

Artur tivo que renunciar, pola súa parte, por orde do rei de Francia, ás súas pretensións en Normandía, Anjou e Aquitania, e obrigado a render vasalaxe ao seu tío Xoán sen Terra polo Ducado da Bretaña. O rei de Inglaterra renunciou á súa alianza con Otón IV, emperador do Sacro Imperio.

Un matrimonio selou o acordo: acordouse o casamento do príncipe Lois, fillo do rei Filipe II Augusto, coa infanta Branca de Castela, filla do rei de Castela Afonso VIII, neta de Henrique II de Inglaterra e de Leonor de Aquitania e sobriña de Xoán sen Terra. O príncipe francés recibiu como dote os territorios de Évreux, e Branca achegou como o seu dote Châteauroux, Issoudun e Graçay.

A voda[editar | editar a fonte]

Segundo Rigord, o luns seguinte ao día da Ascensión, o 22 de maio de 1200, celebrouse o matrimonio entre o príncipe Lois e Branca de Castela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guizot, François !825): Collection des mémoires relatifs à l'Histoire de France - Vie de Philippe Auguste par Rigord. París: J.-L.-J. Brière, p. 148.
  2. Mineray, Jean (1984): Gaillon, un château, des villages, des histoires…. Luneray: éditions Bertout. ISBN 2-86743-023-2, pp 46-47.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Petit-Dutaillis, Charles (1941): "Les copies du traité de paix du Goulet (22 mai 1200). Variantes et falsifications", en Bibliothèque de l'école des chartes, 102-1, pp. 35–50 (Ler en liña).

Outros artigos[editar | editar a fonte]