Traquea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para os tubos do sistema respiratorio dos artrópodos ver traquea (artrópodos). Para os vasos condutores do xilema das plantas ver traquea (xilema).
Aparato respiratorio. O número 1 é a traquea.
Larinxe, traquea e árbore bronquial.

Nos vertebrados tetrápodos a traquea (do grego tracheia artería, "áspero tubo ou canle" [1]) é o tubo cartilaxinoso e membranoso que leva o aire aos pulmóns. No ser humano a traquea vai desde a larinxe ata o comezo dos dous bronquios principais que entran nos pulmóns. Está reforzada por aneis cartilaxinosos e tapizada por epitelio ciliado.

A traquea humana[editar | editar a fonte]

A traquea humana é un órgano tubular que ten de 10 a 16 cm de lonxitude e uns 25 mm de diámetro interno. Comeza no bordo inferior da cartilaxe cricoide da larinxe a nivel da sexta vértebra cervical, descende por diante do esófago, que a separa da columna vertebral, e remata bifurcándose nos dous bronquios principais a nivel da 5ª vértebra torácica, pero os movementos respiratorios poden facela subir ou baixar ata dúas vértebras. Na zona do pescozo está cuberta por parte da fascia cervical profunda, polos músculos esternohioideo e esternotiroideo e a tiroide. Na súa zona final onde se empezan a bifurcar os bronquios, a traquea contacta co caxato da aorta [2].

A traquea está reforzada por de 15 a 20 aneis cartilaxinosos duros, que impiden o seu colapso. Estes aneis son incompletos, xa que teñen forma de C, coa parte incompleta na zona posterior, o que facilita o paso do alimento polo esófago, e presenta unha parede membranosa dorsal (pars membranacea) sen cartilaxe. O músculo traqueal conecta os extremos dos aneis incompletos e contráese ao tusir, reducindo o diámetro do tubo e incrementando o grao de fluxo de aire. Na súa parte máis interna está tapizada por un epitelio ciliado cuberto de moco, que elimina as partículas estrañas de pequeno tamaño que son inhaladas. A epiglote tapa a larinxe ao tragar para que non entre alimento ou bebida na traquea.

Histoloxía[editar | editar a fonte]

A parte interna da traquea está revestida por un epitelio ciliado cilíndrico pseudoestratificado. Este epitelio contén células ciliadas cun bordo de microvilli do que sobresaen os cilios. Entre elas hai células caliciformes produtoras de mucus. Entre as bases das células cilíndricas hai células basais piramidais.[3]

Debaixo do epitelio ciliado hai un tecido conxuntivo laxo moi rico en fibras elásticas, que contén moitas glándulas submucosas, formadas por acinos e túbulos que se abren na superficie do epitelio e producen unha secreción mucosa e serosa glicoproteica. A lámina de moco que se forma sobre o epitelio ten función protectora, xa que o po e outras partículas inhaladas quedan pegadas a el, e despois é arrastrado polos cilios ata a farinxe, onde será tragado.

Na parte externa están os aneis cartilaxinosos incompletos de cartilaxe hialina. Están separados uns doutros por tecido conxuntivo fibroelástico. Na zona posterior onde os aneis son incompletos hai músculo liso. Por último, por fóra dos aneis cartilaxinosos hai unha capa de tecido conxuntivo denso con moitas fibras elásticas.

Patoloxías da traquea[editar | editar a fonte]

En persoas doentes ou accidentadas, a vía natural da respiración que constitúe a traquea pode sufrir danos e mesmo obstruírse.

O procedemento médico habitual en caso de obstrución é a intubación endotraqueal. A intubación consiste en introducir un tubo ou sonda na traquea do paciente a través das vías respiratorias altas. Dependendo da vía de acceso que escollamos, temos dous tipos de intubación:

Outro procedemento frecuente é a traqueotomía, por medio da cal se abre unha vía na parte anterior da garganta, inserindo un curto tubo que chega ata a traquea, por debaixo da larinxe e as cordas vocais.

Entre as enfermedades e condicións da traquea están:

Transplante[editar | editar a fonte]

En 2008, foille transplantada a traquea a unha muller en Barcelona utilizando unha traquea de cadáver á que lle foron eliminadas as células e substituídas por células derivadas de células nais da paciente para evitar o rechazo. [4] En 2011, un equipo de cirurxiáns liderados polo profesor Paolo Macchiarini do hospital da Universidade Karolinska realizaron o primeiro transplante dunha traquea sintética a un home de 36 anos. [5][6]

A traquea noutros vertebrados terrestres[editar | editar a fonte]

A traquea noutros mamíferos é similar á humana. En xeral, a traquea dos réptiles é tamén bastante similar. [7]

Nas aves a traquea vai da farinxe á sirinxe, a partir da cal diverxen os bronquios principais. Os cisnes teñen unha traquea inusualmente alongada, parte da cal está enroscada detrás do esterno, o que fai que poida actuar como un resoador que amplifica o son. Nalgunhas aves, os aneis cartilaxinosos son completos, e poden mesmo osificarse. [7]

Nos anfibios, a traquea é normalmente moi curta, e chega directamente aos pulmóns, sen presentar uns bronquios primarios ben definidos. Porén, traqueas máis longas atópanse nalgunhas píntegas de pescozo longo, e nas cecilias. A traquea dos anfibios ten nódulos cartilaxinosos irregulares, pero non forma os aneis cartilaxinosos que se encontran nos vertebrados amniotas. [7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Enciclopedia Galega Universal. Tomo 16. Páxina 143. ISBN 84-7680-583-7
  2. G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 538-539. ISBN 84-7605-359-2.
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 741-742. ISBN 84-7605-361-4
  4. "The top health stories of 2008 - CNN.com". CNN. 2008-12-26. http://www.cnn.com/2008/HEALTH/12/26/year.review.health/index.html. Consultado o 2010-05-27. 
  5. "Surgeons carry out first synthetic windpipe transplant". BBC News. 2011-07-07. http://www.bbc.co.uk/news/health-14047670. Consultado o 2011-07-07. 
  6. First Successful Transplantation of a Synthetic Tissue Engineered Windpipe. Karolinska University Hospital website, retrieved 8/7/2011.
  7. 7,0 7,1 7,2 Romer, Alfred Sherwood, Parsons, Thomas S. (1977). The Vertebrate Body. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. pp. 336–337. ISBN 0-03-910284-X.