Saltar ao contido

Tracto respiratorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tracto respiratorio
 Instancia de
 Subclase de
 Parte de
 Composto por
Características
 Desenvolvemento
Códigos e identificadores
Freebase/m/01q84d Editar o valor en Wikidata
Thesaurus do NCIC89842 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2779644171 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

O tracto respiratorio é a parte do aparato respiratorio que conduce o aire aos alvéolos para que se realice alí o intercambio de gases respiratorio nos mamíferos.[1] O tracto respiratorio consta dunha serie de cavidades e tubos e está tapizado internamente polo epitelio respiratorio, que forma a mucosa respiratoria.[2]

O aire respirado entra polo nariz á cavidade nasal, onde unha capa de mucosa nasal actúa como filtro e atrapa partículas contaminantes e outras substancias nocivas que se atopan no aire. Os cornetes incrementan a superficie da cavidade nasal, axudando a quentar, humedecer e filtrar o aire entrante. Despois, o aire pasa á farinxe, que contén a intersección entre o esófago e a larinxe. A abertura da larinxe ten unha lingüeta de cartilaxe especial, a epiglote, que se abre para deixar pasar o aire aos pulmóns pero se pecha para impedir que a comida entre nas vías aéreas.

Desde a larinxe o aire pasa á traquea e baixa ata a intersección chamada carina que se ramifica para formar os bronquios primarios ou principais dereito e esquerdo. Estes bronquios ramifícanse en bronquios secundarios (dos lobos), que se volven ramificar en bronquios terciarios (segmentais), que se ramifican en vías aéreas máis pequenas chamadas bronquíolos, que finalmente conectan con pequenas estruturas especializadas chamadas alvéolos, onde se produce o intercambio de gases.

Os pulmóns localizados na cavidade torácica, protexidos de danos físicos pola caixa torácica. Na base dos pulmóns está un músculo esquelético chamado diafragma. O diafragma separa os pulmóns do estómago e intestinos. O diafragma é o principal músculo respiratorio que realiza a ventilación pulmonar e está controlado polo sistema nervioso simpático.

Os pulmóns están envoltos nunha membrana serosa que se dobra sobre si mesma formando as pleuras, unha barreira protectora de dúas capas. A interna ou pleura visceral cobre a superficie dos pulmóns e a externa ou pleura parietal está unida á superficie interna da cavidade torácica. Entre as dúas pleuras hai unha cavidade chamada cavidade pleural que contén líquido pleural. Este líquido serve para diminuír a fricción que experimentan os pulmóns ao inspirar e expirar.

Estrutura

[editar | editar a fonte]
Sistema respiratorio.

O tracto respiratorio divídese en tracto respiratorio superior e tracto respiratorio inferior. O tracto respiratorio superior ou vías aéreas superiores comprende o nariz e os condutos nasais, seos paranasais, a farinxe, e a porción da larinxe por riba das cordas vocais. O tracto respiratorio inferior ou vías aéreas inferiores comprende a porción da larinxe que está por debaixo das cordas vocais, a traquea, bronquios e bronquíolos. Os pulmóns poden incluírse no tracto respiratorio inferior ou como unha entidade separada e conteñen os bronquíolos respiratorios, condutos alveolares, sacos alveolares e alvéolos pulmonares.[3]

Anatomía das vías aéreas pediátricas e de adultos.

O tracto respiratorio pode tamén dividirse en zona de condución do aire e zona respiratoria, onde se produce o intercambio de gases.

A zona de condución comprende as estruturas que están fóra do pulmón –a cavidade nasal, a farinxe, a larinxe e a traquea– e as estruturas que están dentro dos pulmóns –os bronquios, bronquíolos e bronquíolos terminais–. A zona de condución leva o aire ao interior dos pulmóns, que polo camiño é filtrado, quentado e humedecido. Representa desde a 1ª á 16ª división (ramificación) do tracto respiratorio. A zona de condución exclúe a zona respiratoria que intercambia os gases co sangue. A zona de condución tamén funciona ofrecendo unha vía de baixa resistencia para o fluxo de aire. Proporciona un sistema de defensa coas súas capacidades de filtración.

A zona respiratoria comprende os bronquíolos respiratorios, os condutos alveolares e os alvéolos, e é o sitio onde se fai o intercambio de oxíxeno e dióxido de carbono co sangue. Os bronquíolos respiratorios e os condutos alveolares son responsables do 10 % do intercambio de gases. Os alvéolos son responsables do outro 90 %. A zona respiratoria representa da 16ª á 23ª división do tracto respiratorio.

A partir dos bronquios, os tubos que se van dividindo son cada vez de menor diámetro e estímase que hai de 20 a 23 divisións antes de acabar nos alvéolos.[1]

Tracto respiratorio superior

[editar | editar a fonte]
Detalles do tracto respiratorio superior

O tracto respiratorio superior pode significar as partes do aparato respiratorio por riba das cordas vocais, ou por riba da cartilaxe cricoide.[4][5] Ás veces inclúese a larinxe nas vías aéreas superiores e outras veces nas inferiores.[6] O tracto consta de cavidade nasal e seos paranasais, farinxe (nasofarinxe, orofarinxe e laringofarinxe) e, como dixemos, ás veces inclúe a larinxe.

Tracto respiratorio inferior

[editar | editar a fonte]
Partes do tracto respiratorio inferior
1. Trachea
2. Bronquio principal
3. Bronquio lobar (secundario)
4. Bronquio segmental (terciario)
5. Bronquíolo
6. Conduto alveolar
7. Alvéolo.

O tracto respiratorio inferior ou vías aéreas inferiores deriva do tracto gastrointestinal anterior en desenvolvemento e consta de traquea, bronquios (primarios, secundarios e terciarios), bronquíolos (incluíndo os terminais e respiratorios), e pulmóns (incluíndo os alvéolos).[7] Nalgnhas fontes tamén inclúe a larinxe. O tracto respiratorio inferior tamén se chama árbore respiratoria ou árbore traqueobronquial, para describir a estrutura ramificada das vías aéreas que subministran aire aos pulmóns, e comprende a traquea, os bronquios e os bronquíolos.[8]

En cada punto de división ou xeración, unha vía aérea ramifícase en dúas vías aéreas máis pequenas. A árbore respiratoria humana pode constar como media 23 xeracións, mentres que a árbore respiratoria do rato ten unhas 13 xeracións. As divisións proximais (as máis próximas á parte superior da árbore, como os bronquios) funcionan principalmente transmitindo aire ás vías máis inferiores. As últimas divisións comprenden os bronquíolos respiratorios, condutos alveolares e alvéolos, e están especializadas no intercambio de gases.

A traquea é o tubo máis grande no tracto respiratorio e consta de aneis traqueais de cartilaxe hialino. Ramifícase ao final en dous tubos bronquiais, os bronquios principais esquerdo e dereito. Os bronquios ramifícanse noutros de menor sección dentro dos pulmóns e eses en bronquíolos, os cales acaban en sacos aéreos chamados alvéolos.[10]

Os pulmóns son os órganos máis grandes no tracto respiratorio inferior. Os pulmóns están suspendidos na cavidade pleural do tórax. As pleurass son dúas membranas finas, dunha soa célula de grosor, que rodean os pulmóns. A pleura interna (pleura visceral) cobre os pulmóns e a externa (pleura parietal) tapiza a superficie interna da parede torácica. Esta membrana segrega unha pequena cantidade de líquido, que permite que os pulmón se deslicen libremente dentro da cavidade pleural mentres se expanden e contraen durante os movementos respiratorios. Os pulmóns están divididos en lobos. O pulmón dereito é máis grande que o esquerdo, debido a que o corazón está situado á esquerda da liña media. O pulmón dereito ten tres lobos (superior, medio e inferior), e o pulmón esquerdo ten dous (superior e inferior), ademais dunha pequna porción con forma de lingua do lobo superior chamada língula. Cada lobo está subdividido en segmentos chamados segmentos broncopulmonares. Cada pulmón ten unha superficie costal adxacente á caixa torácica; unha superficie diafragmática, que dá á parte inferior onde está o diafragma; e unha superficie mediastinal, situada cara ao centro do peito, onde está o corazón, os grandes vasos e a carina da traquea, onde os dous bronquios principais se ramifican desde a base da traquea.

Os alvéolos son pequenos sacos aéreos, moi numerosos, situados nos pulmóns, onde se produce o intercambio de gases. Nos pulmóns humanos o número medio de alvéolos é de 480 millóns.[11] Cando se contrae o diafragma, xérase unha presión negativa no tórax e o aire flúe enchendo os tubos. Cando iso ocorre, estes sacos están cheos do aire que hai nos tubos e alvéolos, facendo que os pulmóns se expandan. Os alvéolos están rodeados por unha rede de capilares, chamados capilares alveolares. Aquí, os glóbulos vermellos do sangue dos capilares absorben o oxíxeno que chega do aire e despois transpórtano unido á hemoglobina en forma de oxihemoglobina, para cedelo ás células do corpo. Os glóbulos vermellos chegan aos alvéolos cargados de dióxido de carbono procedente das células transportado como carbaminohemoglobina e libérano nos alvéolos a través da parede dos capilares alveolares e do alvéolo, chegando á cavidade alveolar. Cando se relaxa o diafragma, xérase unha presión positiva no tórax e o aire flúe saíndo dos alvéolos, expulsando o dióxido de carbono.

Microanatomía

[editar | editar a fonte]
Epitelio respiratorio

O tracto respiratorio está tapizado internamente polo epitelio respiratorio, o cal varía conforme baixamos polo tracto. Ten glándulas e moco producido polas células caliciformes nalgunhas partes, e músculo liso, fibras de elastina ou cartilaxe. O epitelio desde a cavidade nasal aos bronquíolos está formado por epitelio columnar estratificado ciliado.[12] O batido dos cilios ten lugar nunha soa dirección, movendo o moco cara a gorxa, onde será tragado. Conforme baixamos ata os bronquíolos, as células fanse máis cuboidais pero seguen sendo ciliadas.

As glándulas son abundantes no tracto respiratorio superior, pero son menos no tracto inferior e están ausentes cando se chega aos bronquíolos. O mesmo ocorre coas células caliciformes, aínda que poden encontrarse algunhas moi dispersas nos primeiros bronquíolos.

A cartilaxe está presente ata chegar aos bronquíolos. Na traquea aparece en forma den aneis de cartilaxe hialino con forma de C, mentres que nos bronquios a cartilaxe forma placas intercaladas. O músculo liso empeza na traquea, onde une os aneis cartilaxinosos con forma de C; continúa nos bronquios e bronquíolos, onde o músculo os rodea completamente e é de forma anular. En vez de cartilaxe duro, os bronquios e bronquíolos están composos de tecido elástico.

Os pulmóns conteñen trece tipos de células, once tipos de células epiteliais e dous tipos de células mesenquimais.[13] As células epiteliais forman o recubrimento interno traqueal e bronquial, mentres que as células mesenquimais tapizan os pulmóns.

A maior parte do tracto respiratorio ten a función de ser un sistema de tubo que conducen o aire polos pulmóns. Os alvéolos son a única parte dos pulmóns onde se prouce case todo o intercambio dos gases oxíxeno e dióxido de carbono co sangue.

Respiración

[editar | editar a fonte]

A respiración é o proceso rítmico da ventilación pulmonar, no cal o aire é levado ata os alvéolos por inhalación e expulsado despois por exhalación. Cando unha persoa inhala o aire pasa á traquea e entra nos pulmóns distribuíndose na árbore bronquial e chega aos alvéolos, onde se produce o intercambio de gases entre o aire alveolar e o sangue dos capilares que rodean o alvéolo.

Defensas contra as infeccións

[editar | editar a fonte]

No epitelio do tracto respiratorio superior hai intercaladas células caliciformes que segregan un moco protector. Este axuda a filtrar po e partículas, e finalmente é tragado e destruído no estómago ou é expulsado cuspindo. Os cilios cos que está recuberto o epitelio baten ritmicamente en dirección ascendente cara a fóra do pulmón, arrastrando o moco e partículas estrañas englobadas cara á laringofarinxe, nun proceso que se chama limpeza mucociliar, impedindo a acumulación de moco nos pulmóns. Os macrófagos dos alvéolos forman parte do sistema inmunitario e fagocitan e destrúen os axentes nocivos que puidesen chegar alí.

Os pelos do nariz teñen un papel protector, non deixando entrar partículas estrañas grandes.[14] Tamén incrementan a área superficial para a deposición de partículas, mellorando a capacidade do nariz de filtrar patóxenos.[15] O reflexo da tose expulsa a maior parte dos irritantes que haxa na membrana mucosa. As vías aéreas pulmonares teñen aneis musculares que se contraen cando son irritados por algún alérxeno, impedindo o seu paso.

Importancia clínica

[editar | editar a fonte]

O tracto respiratorio é un lugar común onde se producen infeccións.

Infección

[editar | editar a fonte]

Infeccións respiratorias superiores

[editar | editar a fonte]

As infeccións do tracto respiratorio superior son probablemente as infeccións máis comúns no mundo. O arrefriado común e a gripe son infeccións moi comúns, que ás veces poden xerar complicacións no tracto inferior.

Infeccións do tracto respiratorio inferior

[editar | editar a fonte]

A pneumonía é a infección do tracto respiratorio inferior máis común. Pode ser de orixe viral, bacteriana ou fúnxica e pode transmitirse doadamente polo aire. A infección desenvólvese rapidamente na parte inferior do pulmón e produce acumulación de líquido no pulmón e exceso de moco. Causa dificultade para respirar e tose porque o pulmón trata de desfacerse do líquido. É máis fácil desenvolver esta infección se se ten asma, gripe, doenzas cardíacas ou cancro.[16]

A bronquite é outra infección común e coniste na inflamación dos bronquios. Pode ser de dous tipos: bronquite aguda, que é tratable e pode resolverse mesmo sen tratamento, ou bronquite crónica, na que reaparecen episodios periodicamente. A bronquite incrementa a cantidade normal de moco no tracto. A bronquite crónica é común en fumadores, porque o alcatrán se acumula co tempo nos pulmóns.[17]

A tuberculose é unha das moitas outras infeccións do tracto inferior. Estamos en risco de contraela ao inhalar pingas respiratorias coa bacteria causante. Deteriora e destrúe progresivamente o tecido pulmonar orixinando esputos con sangue.[18] É mortal se non se trata.

Incremento da mucosidade nos pulmóns.

Algún dos cancros que afectan ao tracto respiratorio teñen causas ambientais, como fumar. Cando se fuma tabaco os cilios do tracto paralízanse e non poden limpar o moco que e acumula nos pulmóns. A acumulación de alcatrán e doutros produtos canceríxenos do tabaco pode orixinar cancro de pulmón ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.[7]

A enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC, DPOC, COPD) é causada pola exposición a compostos químicos daniños, ou o consumo prolongado de tabaco. Esta doenza é crónica e progresiva, o dano nos pulmóns é irreversible e finalmente mortal, xa que destrúe os alvéolos e o tecido pulmonar, o que fai que sexa moi difícil respirar, causando hiperventilación. A diminución do número de alvéolos causa unha menor subministración de oxíxeno e un aumento da acumulación de dióxido de carbono. Produce síntomas de enfisema e bronquite crónica.[19]

Vías aéreas constrinxidas.

A inflamación dos bronquios e bronquíolos poden causar que inchen e causar un ataque de asma, o que dá lugar a sibilacións ao respirar, rixidez do peito e grave dificultade para respirar. As alerxias poden irritar o bronquio e causar a contracción do músculo liso e produción de moco, o que estreita ou pecha os tubos bronquiais.[20]

  1. 1 2 Patwa A, Shah A (setembro de 2015). "Anatomy and physiology of respiratory system relevant to anaesthesia". Indian Journal of Anaesthesia 59 (9): 533–541. PMC 4613399. PMID 26556911. doi:10.4103/0019-5049.165849.
  2. "Respiratory mucosa". mesh..nlm.nih.gov. Consultado o 26 de xullo de 2019.
  3. "Respiratory tract". www.cancer.gov (en inglés). 2 de febreiro de 2011.
  4. Ronald M. Perkin; James D Swift; Dale A Newton (1 de setembro de 2007). Pediatric hospital medicine: textbook of inpatient management. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 473–. ISBN 978-0-7817-7032-3. Consultado o 26 de abril de 2010.
  5. Jeremy P. T. Ward; Jane Ward; Charles M. Wiener (2006). The respiratory system at a glance. Wiley-Blackwell. pp. 11–. ISBN 978-1-4051-3448-4. Consultado o 26 de abril de 2010.
  6. Sabyasachi Sircar (2008). Principles of medical physiology. Thieme. pp. 309–. ISBN 978-3-13-144061-7. Consultado o 26 de abril de 2010.
  7. 1 2 "Bronchial Anatomy.". Consultado o 5 de marzo de 2014.
  8. "Tracheobronchial tree | Radiology Reference Article". Radiopaedia. 8 de decembro de 2016. Consultado o 7 de setembro de 2017.
  9. 1 2 3 Page 81 in Robert M. Kacmarek, Steven Dimas & Craig W. Mack (2013). Essentials of Respiratory Care. Elsevier Health Sciences. ISBN 978-032327778-5.
  10. "Human Respiratory System". Arquivado dende o orixinal o 2008-10-15. Consultado o 5 de outubro de 2008.
  11. Ochs M, Nyengaard JR, Jung A, Knudsen L, Voigt M, Wahlers T, et al. (xaneiro de 2004). "The number of alveoli in the human lung". American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine 169 (1): 120–124. PMID 14512270. doi:10.1164/rccm.200308-1107OC.
  12. Moore EJ, Feliciano DV, Mattox KL (2004). Trauma. Nova York: McGraw-Hill, Medical Pub. Division. p. 545. ISBN 0-07-137069-2. Consultado o 2008-06-15.
  13. Breeze R, Turk M (abril de 1984). "Cellular structure, function and organization in the lower respiratory tract". Environmental Health Perspectives 55: 3–24. Bibcode:1984EnvHP..55....3B. PMC 1568358. PMID 6376102. doi:10.1289/ehp.84553.
  14. Blaivas AJ (29 de xuño de 2012). "Anatomy and function of the respiratory system.". Penn State Hershey Medical Center. Consultado o 2017-09-20.
  15. Haghnegahdar A, Bharadwaj R, Feng Y (1 de setembro de 2023). "Exploring the role of nasal hair in inhaled airflow and coarse dust particle dynamics in a nasal cavity: A CFD-DEM study.". Powder Technology 427. doi:10.1016/j.powtec.2023.118710. Consultado o 2024-11-20.
  16. "Pneumonia". The Lecturio Medical Concept Library. Consultado o 2 de xullo de 2021.
  17. "Chest Cold (Acute Bronchitis)". Centers For Disease Control And Prevention. Consultado o 2 de xullo de 2021.
  18. "Tuberculosis". The Lecturio Medical Concept Library. Consultado o 1 de xullo de 2021.
  19. "Emphysema: Background, Pathophysiology, Etiology". 26 de marzo de 2020. Consultado o 3 de xullo de 2020.
  20. "Asthma". The Lecturio Medical Concept Library. Consultado o 2 de xullo de 2021.