Toxicidade da heroína

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Estrutura da heroína.

A toxicidade da heroína é causada polo uso excesivo ou sobredose da heroína ou diacetilmorfina, unha droga sintetizada quimicamente a partir do opio, látex desecado ó aire, obtido por incisións practicadas nos froitos verdes da durmideira (Papaver somniferum), da familia das Papaveráceas.

No opio existen máis de trinta alcaloides diferentes, entre os que destacan os derivados fenantrénicos (morfina 10%, codeína 2% e tebaína) e os derivados isoquinoleínicos (papaverina e noscapina).

A heroína é un opiáceo semisintético, obtido a partir da morfina mediante acetilación con anhídrido acético ou cloruro de acetilo. É, polo tanto, o clorhidrato do éster diacético da morfina, chamado clorhidrato de diamorfina.

Presentación[editar | editar a fonte]

Esta droga preséntase en estado puro coma un po branco, fino e cristalino. Non obstante, a heroína que se consome nas rúas aparece adulterada, en forma dun granulado de cor marrón e de moita menos pureza. Estas adulteracións poden deberse á propia orixe, polo que aparecen pequenas cantidades doutros alcaloides; á manufactura, por reaccións adicionais; ou pola adicción de diluíntes coma a quinina, lactosa, azucre, bórax ou fármacos depresores do sistema nervioso central, coma barbitúricos e sedantes.

Consumo[editar | editar a fonte]

Pode consumirse por inhalación (directa ou vaporizada), vía transmucosa, intravenosa, oral ou intramuscular. A principal forma de consumo nos anos 70 era a vía intravenosa pero na actualidade a heroína consómese fumada. Isto supón unha diminución dos riscos, xa que a vía intravenosa presenta máis posibilidades de sobredose, así coma o risco de contraer infeccións pola punción, sobre todo ó compartir as xeringas.

Efectos[editar | editar a fonte]

Posíbeis efectos a longo prazo polo uso intravenoso de heroína ilícita[1] (texto en inglés)
Principais efectos a curto prazo polo uso de heroína[1] (texto en inglés)

A heroína pertence ó grupo dos opiáceos e polo tanto os seus principais efectos son a acción analxésica (é un agonista dos receptores opiáceos), acompañada de somnolencia, benestar e relaxación. É eficaz tanto na dor somática coma visceral, debido ó aumento do limiar da dor e por alteración da percepción dolorosa.

A nivel bulbar orixina accións estimulantes, que se traducen en bradicardia, náuseas e vómitos; e accións depresoras, coma severa depresión do centro respiratorio e do centro tusíxeno. Os opiáceos tamén poden estimular o núcleo do nervio oculomotor producindo miose ou pupila puntiforme. A nivel gastrointestinal posúe acción espasmóxena, aumentando o ton e contracción da musculatura circular, dificultando os movementos propulsivos do bolo alimenticio. Orixina contracción de esfínteres e descenso das secrecións.

Estes efectos comezan rapidamente e poden durar algunhas horas, aínda que varían moito en función da dose e da vía na que a heroína foi administrada, as características persoais e as circunstancias nas cales se consome a droga. Aínda que o consumo por vía intravenosa está a caer en desuso[Cómpre referencia], os usuarios que comparten as xeringas corren o risco de contraer diversas enfermidades infecciosas coma hepatite ou VIH. Tamén é importante destacar que a heroína xera unha gran dependencia (sobre todo por vía parenteral) e que aínda que o grao de tolerancia da persoa sexa alto a probabilidade de que faleza por intoxicación é moi alta.

Ademais, a heroína xera efectos sociais negativos, coma a alteración do núcleo familiar e do ambiente educativo[Cómpre referencia].

Usos[editar | editar a fonte]

A partir da súa aparición (Bayer, 1896) a heroína utilizouse principalmente para tratar a tuberculose, pola súa capacidade antitusiva. Ademais, pareceu ser unha boa alternativa á morfina cando comezaron a aparecer os primeiros casos de morfinomanía (usábase nos feridos de guerra polas súas propiedades analxésicas); porén, a heroína resultou ser máis adictiva e perigosa que a morfina.

Hoxe en día non ten aplicacións terapéuticas. Aínda así, existe un programa andaluz[Cómpre referencia] no que se está experimentando coa administración de heroína por vía oral ós heroinómanos que cumpren certos requisitos e non responden ó tratamento con metadona.

Síndrome de abstinencia[editar | editar a fonte]

A heroína é unha das drogas de abuso con maior capacidade de xerar dependencia, e a síndrome de abstinencia que xera é unha das máis fortes, tanto a nivel físico coma psicolóxico. Adoita comezar coa aparición de moco, bágoas, cambras e dores musculares, acompañado dunha forte ansiedade, seguida de diarrea e vómitos. A miúdo, a dependencia física remite entre o cuarto e o quinto día, pero a nivel psicolóxico a dependencia estenderase máis tempo, dependendo do individuo.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Hai unha gran variedade de opcións terapéuticas para tratar adicción á heroína. A desintoxicación de heroína, e a doutros opiáceos, baséase no tratamento da síndrome de abstinencia e tamén na recuperación dos danos neurolóxicos derivados do seu consumo. Para isto, úsanse distintos antagonistas dos receptores opiáceos coma a metadona, naloxona, naltrexona e novos medicamentos coma o levo-alfa-acetil-metadol (LAAM) ou a buprenorfina.

Como xa se apuntou, existe un programa da “Escuela Andaluza de Salud Pública” que está a experimentar coa administración de heroína por vía oral para aqueles pacientes que non responden ó tratamento con metadona. Consiste nun estudo comparativo entre a prescrición de heroína vía parenteral e metadona vía oral, por unha parte, e a dispensación de metadona vía oral no segundo grupo. Notouse unha mellora no primeiro grupo respecto ó segundo en aspectos coma a mellora do estado de saúde, a calidade de vida, a diminución da adicción, do consumo de heroína ilegal, de cocaína e doutras substancias psicoactivas non prescritas, así como a diminución de condutas de risco ante o VIH e a hepatite C.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Office of National Drug Control Policy (ONDCP): Heroin Facts & Figures, consultado o 11 de febreiro de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Repetto, M.: Toxicología Avanzada. Ed. Díaz de Santos. Madrid. 1995.
  • Repetto, M.: Toxicología Fundamental . Ed. Científico Médica. Barcelona. 1988.
  • Clarke, E. G. C.: Clarke´s Isolation and Identification of Drugs. 3ªed. The Pharmaceutical Press. Londres. 2004.