Torres de Oeste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Torres do Oeste")
Torres de Oeste
Torres de Catoira 1.jpg
Concello Catoira
Provincia Pontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas 42°40′36″N 8°43′33″O / 42.6766, -8.72577Coordenadas: 42°40′36″N 8°43′33″O / 42.6766, -8.72577
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal romano (?)
Estilo actual románico (século X)
Estado actual ruínas consolidadas, visita libre
Véxase tamén
Castelos de Galicia

As Torres de Oeste[1] son un sitio arqueolóxico composto polas ruínas consolidadas dunhas torres de orixe romana que serviron de enclave fundamental para a defensa das terras da arquidiocese de Santiago de Compostela dos ataques normandos na Alta e na Baixa Idade Media.

Trátase dun castelo de acceso libre e uso turístico e foi declarado Monumento Nacional.

Situación[editar | editar a fonte]

Sitúase na confluencia do río Ulla e a ría de Arousa, no concello de Catoira, comarca de Caldas.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

No lugar que ocupan as torres tense testemuñado actividade humana desde época castrexa, sabémolo polos restos de cerámica e útiles de bronce atopados.

A data da súa construción foi, durante moito tempo, motivo de longas discusións. Xa o autor romano Pomponio Mela menciona na súa obra a existencia na desembocadura do Ulla das "Turris Augusti".

Torres do Oeste dende a ponte.
Torre.
Capela románica e unha das torres.

Pero tívose que esperar a que a mediados do século XX escavacións arqueolóxicas demostrasen a existencia de restos romanos situados na cimentación das torres.[2]

Idade Media[editar | editar a fonte]

No século X, por mor das numerosos ataques normandos remontando a ría, incluída a morte do bispo Sisnando defendendo a súa diocese fixo que os seus sucesores se esforzasen en reparar e mellorar as defensas da ría.

O 29 de outubro de 1024 o rei Afonso V o Nobre doa a Vistruario bispo de Iria, as torres. Cara ao ano 1040 o bispo Cresconio[3] ordenou importantes traballos de reformas.

Pola Historia Compostelá sabemos que os traballos de melloras e reformas continuaron baixo os mandatos dos sucesores de Cresconio: Diego Páez e Diego Xelmírez.

No século XII defínese a estrutura definitiva do castelo, quedando composta a fortaleza por sete torres que amurallaban un recinto arrodeado de pantanos.

Posúe unha capela do século XII construída por Xelmírez e dedicada ó Apóstolo Santiago. A partir do século XV,a fortaleza comeza a súa decadencia, e finalmente no ano 1525 gran parte das construcións foron destruídas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Na actualidade consérvanse en pé os alzados de dúas das torres e unha terceira moi arruinada. As torres son de planta cadrada e construídas con "perpiaño mediano" (coñecido como asturiano) e grandes perpiaños nos esquinais e nas xambas.

A ermida[editar | editar a fonte]

Trátase do mesmo templo que Diego Xelmírez levantou 'ad fundamentis no ano 1122. Atópase unida a unha torre e foi refeita en tempos modernos. En imaxes antigas pódense ver as bóvedas totalmente derrubadas. A igrexa é dunha nave cun ábsida semicircular. Os perpiaños son raros e irregulares as fiadas. A nave cóbrese con bóveda de canón con directriz en arco de ferradura. O arco triunfal (semicircular) apóiase sobre xambas de codillos.

A fachada principal coróase cunha espadana dunha soa troneira. A portada componse dunha sinxela porta cun lintel pentagonal, e sobre este un arco semicircular. No tímpano restos dunha inscrición de difícil lectura. A fachada meridional carece de cornixa nin seteiras, e só se abre cunha porta alintelada cun arco de descarga similar ao da fachada occidental (principal). Na fachada setentrional ábrense cinco seteiras con arco de ferradura.

Achados[editar | editar a fonte]

No Museo de Pontevedra consérvase unha doela (cat. nº 1488) que procede deste lugar co seguinte texto "ERA MCC". Tamén conserva un relevo rectagular, cunha cruz grega no centro e colgando un alfa e un omega, é a peza nº 2088, coa seguinte inscrición: "IN HOC SIGNO TUETUR PIUS HOC SIGNO VINCITUR INIMICUS".

A Romaría Viquinga[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Romaría Viquinga de Catoira.

Cada verán, o primeiro domingo de agosto, os restos do Castellum Honesti reviven unha romaría viquinga que recrea a defensa do castelo fronte a un ataque normando.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Fachada occidental da capela  
Seteira con arco de ferradura da capela  
 
As Torres de Oeste esmagadas pola ponte entre Catoira e Rianxo.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Torres de Oeste". Turgalicia. Consultado o 3 de agosto de 2015. 
  2. Chamoso Lamas, Manuel Excavaciones en Torres de Oeste (Catoira-Pontevedra). CEG. (1951). Páxs. 283-285.
  3. Posiblemente enterrado neste lugar no ano 1066.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torres de Oeste

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Páxs. 211 a 212. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]