Torres do Allo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torres do Allo
ConcelloZas
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas43°09′36″N 8°56′21″O / 43.159879, -8.939097Coordenadas: 43°09′36″N 8°56′21″O / 43.159879, -8.939097
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Gótico século XV)
Estilo actual(Renacentista, século XVII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O pazo das Torres do Allo é unha construción civil do século XVI de estilo gótico-renacentista, na parroquia do Allo, no concello coruñés de Zas. Foi mandado construír polo fidalgo Gomes de Rioboo Vilardefrancos na primeira metade do século XVI nunha antiga propiedade da familia Rioboo (procedentes de Riobó), no lugar onde se atopaba noutrora unha fortaleza medieval destruída polos Reis Católicos. O seu arquitecto, descoñecido, foi o mesmo que deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela. Salientan a fachada e as dúas torres. É un dos pazos máis antigos de Galicia.

Hoxe o pazo é propiedade da Deputación da Coruña e converteuse en museo visitábel.

Historia[editar | editar a fonte]

Á dereita foto de 2010; á esquerda foto de 1895, Francisca Riobóo e Vítor Seoane coa súa familia visitando o pazo, ambos os dous asomados á fiestra do extremo da torre sur. De esquerda a dereita, da cabalo, o seu fillo máis vello: Vítor López Riobóo Seoane, ao que acompaña, sentada nunha cadeira súa irmá Mercedes cunha sobriña da familia López-Perea. Na porta da Torre Sur, aparecen dous caseiros da familia Graíño que morou na casa até os anos 1950. Xoana López Riobóo Seoane e asomado á porta da súa esquerda Francisco López Riobóo Seoane. No andar nobre, xunto ao crego de Allo, atópase asomado ao balcón Antonio López Perea Seoane, home de María López Riobóo Seoane, e na fiestra do corpo central o cativo Luís López e López Riobóo, fillo dos anteriores, xunto a súa nai e no colo da súa tía Helena López Riobóo Seoane.

No lugar no que hoxe atopamos o pazo achábanse unha vellas torres medievais do antigo Reino de Galiza destruídas polos Reis Católicos no século XV por crer que o poderoso conde galego atentaba contra a autoridade real. A familia Gomes Rioboo (procedentes do castelo da Torre da Penela, na Penela na freguesía da Silvarredonda, Cabana de Bergantiños), vasala dos condes de Altamira, casa a Gomes de Rioboo Vilardefrancos con Berenguela Sánchez de Altamira e deciden construír unha primeira casa para a familia. Alonso Gomes de Rioboo Vilardefrancos, nado en 1460, fillo da parella, foi o primeiro Señor do Allo. Coas Revoltas Irmandiñas destruíuse, como outras moitas en Galiza, a primitiva fortaleza, polo que a finais do século XV, Alonso Gomes decide erguer un dos primeiros pazos de Galiza. Os traballos encargáronselle a un descoñecido arquitecto da escola de Enrique de Egás, que tamén deseñou a fachada do Hospital Real de Santiago de Compostela, hoxe Hostal dos Reis Católicos.

Nun primeiro momento só se erguía a torre da dereita (do século XVI); despois construíuse o corpo principal. No século XVII Antonio de Rioboo casa con María de Seixas, dona do Pazo de Cabanas. A familia posúe logo máis riquezas e o pazo pasa a ser habitado ocasionalmente. O fillo da parella, Gomes de Rioboo Seixas Vilardefrancos, contrúe a segunda torre entre 1669 e 1689, ademais das construcións auxiliares, coma hórreos, muíños, e alpendres. Seica construíu tamén a Fonte de San Ramón, diante dos hórreos.

O axardinamento, do que hoxe só fican unhas vellas árbores, data do século XVIII. Os fornos de pedra son dos séculos XIX e XX.

No século XIX morou no pazo Víctor López Seoane, naturalista galego, que casou en 1869 coa viúva de Nicolás María Rui-Gomes Rioboo, primeira muller que herdara o pazo. Disque foi Víctor López Seoane a persoa que plantou os plátanos e os carballos que franquean o camiño de acceso ao pazo.

A mediados do século XX o pazo cae no abandono. En 1998, coa cuberta derrubada e en parte espoliado, o pazo é adquirido á familia López-Rioboo pola Deputación da Coruña. Dende o século XXI, o edificio acolle o Centro de Información e Recursos Patrimoniais da Costa da Morte, cun museo que representa a vida nos pazos, con utensilios e trebellos da época palaciana, artesanais e etnográficos. A visita é de balde[1].

Descrición e estilo[editar | editar a fonte]

Accédese á propiedade por unha rúa franqueada de plátanos e carballos centenarios até unha praza na que se acha a porta de entrada da muralla, no interior só se atopa a vivenda, unha horta e un pomar; prados, piñeirais e hórreos áchanse fóra do recinto amurallado.

O pazo, de estilo renacentista e perfectamente restaurado, ten unha planta rectangular con dous andares, posúe dúas torres de planta cadrada con tres andares en ambos os dous extremos. A torre norte é a máis antiga, de finais do século XV, o resto do edificio foi construído na segunda metado do século XVII, mais seguindo todo o conxunto o estilo protorrenacentista da torre máis vella. Os muros son de cantaría de granito e as cubertas de tella árabe[2].

A fachada está decorada con motivos ornamentais góticos. Na parte alta das torres áchanse os motivos de maior interese arquitectónico, pois as fiestra adórnanse con elementos do gótico final. Na cornixa do pazo salientan as gárgolas. As fiestras máis achegadas ao corpo central están enmarcadas por arcos canopiais. Sobre a fiestra maior da Torre Norte áchase un escudo co formato usual na época de dúas curvas cóncavas superiores e trazado semicircular inferior. Nos catro cusrteis aparecen as armas dos Figueroa, Vilardefrancos, Moscoso e Rioboo. O escudo de cada familia represéntase do seguinte xeito: familia dos Rioboo (torre envolvida en silveiras), dos Caamaño (piñeiro e lanzas), Seixas (cinco pombas), Losada (dous lagartos baixo dunha lousa), Figueroa (cinco follas de figueira) e Vilar de Francos (medio brazo con manopla e bandeira do antigo Reino de Galiza: no medio un cáliz con ostia). No século XVIII o propio Antonio Riobóo e Seixas descibiuno do seguinte xeito:

  • ... sus armas y blasones que son un escudo redondo quartelado, el de Riobóo, un castillo de una puerta, del que nace una zarza que sale por una ventana a dar en las almenas, a la zarza llaman en Galicia silva; el de Villar de Francos, un medio brazo con manopla y una bandera y en el medio un cáliz con ostia que son las armas antiguas de este Reino, los dos blasones en los quarteles de mano derecha; ala izquierda los de la lígnea materna por dicha Urraca Sánchez de Moscoso, que son por este apellido una cabeza de lobo ensangrentada, y cinco ojas de Yguera por el de Figueroa que usan estas dos casas y hasí se ben en el escudo de dicha torre del Allo y en la sepultura del a parroquia de dicha Iglesia

Preto do pazo áchase a capela (San Pedro do Allo), con advocación a san Pedro[3].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Torres do Allo na Web de Turismo de Zas". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 11 de novembro de 2015. 
  2. Torres do Allo en Turgalicia
  3. "Torres do Allo na Web de Galici Máxica" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 11 de novembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]