Tetronarce nobiliana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Torpedo nobiliana»)

Tetronace nobiliana
Torpedo do Atlántico, torpedo negro
Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Orde: Torpediniformes
Familia: Torpedinidae
Xénero: Tetronarce
Especie: T. nobiliana
Nome binomial
Tetronace nobiliana
(Bonaparte, 1835) [1][2]

Tetronace nobiliana (Bonaparte, 1835) é unha especie de peixe elasmobranquio batoideo da orde dos torpediniformes, familia dos torpedínidos, unha das integradas no xénero Tetronarce.

Porén, algúns autores que só recoñecen nesta familia un único xénero, Torpedo, desígnana co nome de Torpedo nobiliana Bonaparte, 1835.

É unha raia que habita nas costas do Atlántico oriental desde as illas Británicas e o mar do Norte até Suráfrica, así como en todo o Mediterráneo, agás no mar Negro, e do Atlántico occidental desde Nova Escocia (Canadá) até o norte do Brasil.[3]

Coñecida vulgarmente na bibliogradía internacional, entre outros nomes, como torpedo do Atlántico e torpedo negro,[4] é a especie de maior tamaño da familia dos torpedínidos.

Características[editar | editar a fonte]

O tamaño de T. nobiliana.
  • É a especie máis grande da familia, xa que pode alcanzar unha lonxitude máxima de 1,80 m e un peso de até os 90 kg.[5][6]
  • A principal característica que a distingue dos outros membros da familia é que as dúas fileiras de orificios branquiais estás dispostas en dúas series oblicuas máis separadas na parte anterior que na posterior, e que os espiráculos son reniformes, de bordo liso.[6]
  • A forma do corpo é subcircular, e está cuberto por unha pel lisa (sen dentículos dérmicos).
    O fociño é curto e situado diante dos seus pequenos ollos.
  • Xeralmente presenta unha pequena escotadura no bordo do disco, a ambos os lados da cabeza, marcando o inicio das aletas pectorais; a aleta caudal ten forma de pa.
  • A coloración do dorso é parda chocolate escura, avermellada ou violácea, con ou sen pequenos puntos brancos; os ollos estás bordeados dunha cor máis clara.
  • A rexión ventral é branca, pero cos bordos cos disco e as aletas pelvianas do mesmo matiz que a superficie superior e a caudal con marxes escuras.[5][6][7]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Distribución de Tetronace nobiliana.
Vista dorsal.

É un peixe mariño, oceanódromo, bati-peláxico, costeiro, que nada torpe e lentamente a profundidades entre os 2 e os 800 m (usualmente entre os 10 e os 150 m).[5]

Distribúese en ambas as marxes do océano Atlántico, entre os 60° N e os 35° S, e entre os 82° W e os 36° E,[5] desde Escocia (sendo raro no mar do Norte) até Suráfrica, e en todo o Mediterráneo até o mar de Mármara (pero ausente no mar Negro), no leste,[8] e desde a Nova Escocia (Canadá) até o sur do Brasil, no oeste.[9]

É unha especie pouco común, e non ten interese pequeiro.[1][6]

Nutrición[editar | editar a fonte]

Mal nadador, e de costumes máis ben nocturnos, mantense habitualmente enterrado no fondo até os ollos, cazando á espreita,[6] principalmente peixes óseos peláxicos e bentónicos e pequenos tiburóns, dos que se alimenta.[8]

Reprodución e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

É unha especie ovovivípara. As femias teñen un período de xestación duns 12 meses, ao cabo dos cales paren máis de 60 crías.[7][10]

Neste debuxo vense os órganos eléctricos aos lados dos ollos.

Durante a xestación, os embrións aliméntanse inicialmente da xema do ovo, e posteriormente reciben alimentación adicional da nai por absorción indirecta do líquido uterino enriquecido con mocus, graxas e proteínas a través de estruturas especializadas. Ao nacer, as crías miden uns 23 cm.[7][10]

Os individuos xuvenís son principalmente bentónicos, e viven sobre substratos brandos ou en arrecifes de coral en augas pouco profundas.[1]

Descargas eléctricas[editar | editar a fonte]

Cos seus órganos eléctricos este torpedo pode producir potentes descargas de até 220 V e 8 A.[11]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1838, co nome de Torpedo nobiliana, polo naturalista, político e ornitólogo francés Charles Lucien Bonaparte,[12] no tomo III, dedicado aos peixes, da súa obra Iconografia della Fauna Italica: per le quattro classi degli animali vertebrati (ler en liña), publicada en Roma entre os anos 1832 e 1841.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[2]

  • Narcacion nobilianus (Bonaparte, 1835)
  • Narcobatus nobilianus (Bonaparte, 1835)
  • Torpedo (Tetronarce) nobiliana Bonaparte, 1835 (aceptado como nome alternativo)
  • Torpedo emarginata McCoy, 1841
  • Torpedo hebetans Lowe, 1838
  • Torpedo nigra Guichenot, 1850
  • Torpedo nobiliana Bonaparte, 1835 (basónimo)
  • Torpedo nobilianus Bonaparte, 1835 (incorrecto gramaticalmente)
  • Torpedo nobililana Bonaparte, 1835 (incorrecto gramaticalmente)
  • Torpedo occidentalis Storer, 1843
  • Torpedo walshii Thompson, 1856

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualifica o status desta especie como DD (datos insuficientes) porque hai poucos datos dispoñíbeis sobre as súas poboacións e a tendencia destas, aínda que as enquisas suxiren que é rara no Mediterráneo. Cando é capturada con redes de arrastre de fondo, dado o seu escaso valor comercial, xeralmente desbótanse no mar, do que resulta que hai moi poucos datos sobre as capturas da especie, e sobre o impacto das actividades pesqueiras nas súas poboacións. Por outra parte, a destrución e degradación dos fondos das augas pouco profundas poden ameazar os exemplares xuvenís.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Notarbartolo di Sciara, G.; Serena, F.; Ungaro, N.; Ferretti, F.; Holtzhausen, H. A. & Smale, M. J. (2009): Tetronace nobiliana na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 21 de decembro de 2016.
  2. 2,0 2,1 Tetronace nobiliana (Bonaparte, 1835) no WoRMS.
  3. Whitehead, P. J. P.; Bauchot, M.-L.; Hureau, J.-C.; Nielsen, J. & Tortonese, E. eds, (1985): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. Paris: UNESCO. ISBN 978-9-2300-2215-0.
  4. Common names of Tetronarce nobiliana en FishBase.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Tetronarce nobiliana (Bonaparte, 1835) en FishBase.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6, pp. 88-89.
  7. 7,0 7,1 7,2 Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S, A. ISBN 84-282-1161-2, p. 62.
  8. 8,0 8,1 Compagno, L. J. V.; D. A. Ebert & M. J. Smale (1989): Guide to the sharks and rays of southern Africa. Londonb: New Holland (Publ.) Ltd.
  9. Claro, R. (1994): "Características generales de la ictiofauna", pp. 55-70. En R. Claro (ed.) Ecología de los peces marinos de Cuba. Instituto de Oceanología de la Academia de Ciencias de Cuba / Centro de Investigaciones de Quintana Roo (México).
  10. 10,0 10,1 Michael, S. W. (1993): Reef sharks and rays of the world. A guide to their identification, behavior, and ecology. Monterey, California, USA: Sea Challengers.
  11. Lieske, E. & R. Myers (1994): Collins Pocket Guide. Coral reef fishes. Indo-Pacific & Caribbean including the Red Sea. Haper Collins Publishers.
  12. Torpedinidae Bonaparte, 1838 no ITIS.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • VV. AA. (2005): "Peces cartilaginosos". Animal. La definitiva e impactante guía visual de la vida salvaje en nuestro planeta. Madrid: Pearson Educación, S. A. ISBN 84-205-3616-4.
  • Whitehead, P. J. P.; Bauchot, M.-L.; Hureau, J.-C.; Nielsen, J. & Tortonese, E. eds, (1985): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. París: UNESCO. ISBN 978-9-2300-2215-0.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]