Tomas Svensson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tomas Svensson
Nacemento15 de febreiro de 1968
Lugar de nacementoEskilstuna
NacionalidadeSuecia
Ocupaciónbalonmanista e adestrador de balonmán
FillosMax Svensson Río
editar datos en Wikidata ]

Tomas Runar Svensson, nado en Eskilstuna o 15 de febreiro de 1968, é un ex-xogador de balonmán sueco. Considerado un dos mellores porteiros da historia deste deporte,[1][2] foi máis de 300 veces internacional coa selección sueca, coa que se proclamou dúas veces campión do mundo e tres veces campión de Europa, ademais de sumar tres medallas olímpicas. A nivel de clubs, desenvolveu case toda a súa carreira en España e conquistou seis Ligas de Campións consecutivas, a primeira delas co Bidasoa e as cinco seguintes co FC Barcelona.

Actualmente é adestrador de porteiros da selección sueca e adestrador asistente do Barcelona. É pai do futbolista do Deportivo da Coruña Max Svensson.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en Eskilstuna, comezou a xogar ao balonmán no equipo da súa cidade, o Guif, e debutou co primeiro equipo na primeira división sueca aos 15 anos, en 1983. En 1988, con 20 anos, estreouse coa selección sueca, e en 1990 foi unha das principais pezas da selección que gañou o Campionato do Mundo en Checoslovaquia.

Tralo Mundial instalouse en España, país no que xogou durante case todo o resto da súa carreira. Fichou primeiramente polo Atlético de Madrid, no que militou durante dous anos, disputando as dúas primeiras edicións da Liga ASOBAL. En 1992 disputou os seus primeiros Xogos Olímpicos, en Barcelona 92, acadando a final, onde o seu equipo perdeu ante o Equipo Unificado.

Ese mesmo ano pasou ao Bidasoa de Irún. Con este equipo gañou na tempada 1994/95 tanto a liga española como a Liga de Campións, despois de derrotar na final do torneo continental ao RK Zagreb.

Trala conquista destes dous títulos fichou polo FC Barcelona, no que xogou durante os seguintes sete anos. Co club catalán dominou o baloncesto español e europeo durante un lustro, gañando ducias de títulos. Conquistou de xeito consecutivo cinco ligas ASOBAL e cinco Ligas de Campións, así como tres Copas do Rei, entre outros moitos títulos. Durante eses anos gañou ademais coa selección un segundo Mundial, tres Campionatos de Europa, e acadou dúas novas finais olímpicas, en Atlanta 1996 e Sydney 2000.

Entre 2002 e 2005 xogou no HSV Hamburg de Alemaña, antes de regresar ao balonmán español para xogar catro anos co Portland San Antonio e dous co Valladolid. O 8 de maio de 2012 anunciou oficialmente a súa retirada como xogador, con 44 anos e tras unha última tempada no Rhein-Neckar Löwen alemán.

Trala retirada traballou xunto co adestrador islandés Guðmundur Guðmundsson, primeiro como adestrador de porteiros do Rhein-Neckar Löwen e máis tarde como segundo adestrador da selección de Dinamarca. En 2018 pasou a exercer como adestrador de porteiros da selección islandesa.[3] Ademais, entre 2014 e 2021 traballou no SC Magdeburg, como adestrador principal e como adestrador de porteiros.

En 2021 converteuse no adestrador de porteiros da selección de Suecia,[4] así como no segundo adestrador de Antonio Carlos Ortega no FC Barcelona.[5]

Accidente aéreo[editar | editar a fonte]

En 1991, Svensson, xunto coa súa entón noiva, sobreviviron ao accidente aéreo do voo 751 de Scandinavian Airlines en Gottröra, Suecia.[6][7][8]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Despois de fichar polo FC Barcelona, instalouse na cidade condal, onde casou cunha española, Montse Río. O seu fillo, Max Svensson, nacido en Barcelona, é futbolista, e milita dende 2022 no Deportivo da Coruña, cedido polo Espanyol.[9][10] Tomas é ademais tío paterno da atleta sueca Maja Åskag.

Clubs como xogador[editar | editar a fonte]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Bidasoa
Barcelona
Hamburg

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Svensson: I cried when I received the news" (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  2. Ojeda, Enrique (25 de xuño de 2020). "Los 10 mejores porteros de la historia del balonmano" (en castelán). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  3. "Mér finnst þetta bara mjög ögrandi verkefni" (en islandés). 6 de febreiro de 2018. Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  4. "Tomas Svensson ny målvaktstränare för Sverige" (en sueco). 4 de marzo de 2021. Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  5. "El ex portero blaugrana Tomas Svensson ayudante de Ortega en el Barça de balonmano". Fútbol Club Barcelona (en castelán). 2 de xullo de 2021. Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  6. "”Jag insåg att jag skulle dö”" (en sueco). 11 de marzo de 2011. Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  7. "Ingen vanlig Svensson i målet". Svenska Dagbladet (en sueco). 16 de xaneiro de 2008. Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  8. Dargel, Jorge (10 de decembro de 2016). "25 años de la segunda vida de Tomas Svensson". Marca (en castelán). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  9. Flinck, Johan (20 de decembro de 2020). "”Alla stora klubbar i Spanien ville ha honom”" (en sueco). Consultado o 2 de setembro de 2022. 
  10. "Max Svensson, novo xogador do Dépor 22-23". 1 de setembro de 2022. Consultado o 1 de setembro de 2022.