Saltar ao contido

Tomás Acción Golpe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaTomás Acción Golpe
Biografía
Nacemento5 de xuño de 1898 Editar o valor en Wikidata
Iñás, España Editar o valor en Wikidata
Morte26 de abril de 1947 Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Casablanca, Marrocos Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar, político Editar o valor en Wikidata

Tomás Acción Golpe, nado en en Iñás (Oleiros) o 5 de xuño de 1898 e finado en Casablanca o 26 de abril de 1947, foi un mariño e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Ingresou no corpo de Maquinistas da Armada en 1916. En 1921 realizou os cursos na Escola de Submarinos de Cartaxena e en 1929 ascendeu a maquinista primeiro con rango de oficial, e a capitán en outubro de 1935. Estivo destinado a bordo de diferentes destrutores e buques de instrución. En 1932 era oficial do cruceiro Miguel de Cervantes e o 2 de xullo de 1936 foi nomeado maquinista segundo do acoirazado Jaime I.[1] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 mantívose leal á República, xunto con Benito Sacaluga, xefe de máquinas primeiro, mentres gran parte dos oficiais e xefes do acoirazado trataron de sublevarse, operación que frustrou a acción revolucionaria da mariñería, cabos e suboficiais. Tomás Acción foi designado membro do Comité de goberno do buque e durante algunhas semanas o seu presidente.

Foi director do periódico Amanecer que se editaba no propio buque ata xuño de 1937 cando se produciu a explosión do acoirazado no porto de Cartaxena, que o inutilizou. Despois foi comisario do destructor Lazaga e xefe de máquinas do destructor Almirante Valdés. Foi ascendido a comandante de máquinas en outubro de 1937 e destinado ao cruceiro Libertad. Detido no Parque de Artillería durante os sucesos do 5 de marzo, non saíu de Cartaxena co resto de persoal da Frota.

Na noite do 28 ao 29 de marzo de 1939 partiu de Cartaxena no buque de vixilancia V-24 (antigo Bou Teresa) con 178 refuxiados máis con destino a Orán. En maio foi internado en Camp Morand ata o 15 de marzo de 1940, cando se formaron as Compañías de Traballadores, e foi enviado nunha viaxe de máis de tres días a Bou Arfa, en pleno deserto, para traballar na construción do ferrocarril Transahariano. En Bou Arfa foi un dos animadores das actividades culturais, teatro e música, con outros internos como o tenor Vicente Sempere. Algunhas destas actividades foron consideradas subversivas e Tomás foi catalogado como comunista e enviado ao campo de castigo de Missour, onde permaneceu case un ano ata o desembarco aliado de novembro de 1942.

Tomás Acción deixou un avultado manuscrito cos seus recordos de guerra que asinoy como Iñás e foi enviado á familia pola filla dun compañeiro de armas. Estableceuse en Casablanca. Finou en Casablanca o 26 de abril de 1947,[2] sen que se teña noticia dos seus últimos días. Foi soterrado no cemiterio internacional de Ben M´Sick de Casablanca.

  1. El Correo Gallego, 11-6-1936, p. 1.
  2. BOE, 1-12-1948, p. 2969.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Acción Golpe, Tomás (2024). Moisés Acción Portela, ed. Por la estela del navío. Historia triste de una revolución alegre. Círculo Rojo. ISBN 978-84-1199-937-3. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]