Saltar ao contido

Token and Medal Society

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Token and Medal Society
 Instancia de
Características
 Campo de traballo
Datas
 Fundación / creación
19 de novembro de 1960 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Sede
 País
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Wikidata

A Token and Medal Society -TAMS- (en galego: "Sociedade de Fichas e Medallas") é unha sociedade erudita estadounidense do ámbito numismático, fundada en 1960, dedicada ao estudo, o coleccionismo e a investigación de medallas, fichas comerciais e outros obxectos relacionados.

A Token and Medal Society (TAMS) creouse o 19 de novembro de 1960 en Detroit e constituíuse formalmente o 8 de abril de 1966. Entre os membros fundadores estaban os coñecidos numismáticos Q. David Bowers, Clifford Mishler e Russell Rulau. O seu nome orixinal foi The Society of Token, Medal & Obsolete Paper Money Collectors, pero foi modificado en agosto de 1961.[1]

Os intereses da TAMS abranguen unha ampla variedade de obxectos, sinaladamente as fichas da guerra civil estadounidense, outras coñecidas como fichas dos "tempos difíciles" (Hard Times Tokens), e diversas emisións privadas para a súa utilización no transporte público e noutros ámbitos, non só dos Estados Unidos senón tamén doutros países. Os membros da Sociedade traballan tamén para atribuír e identificar emisións independentes, cuxa orixe se descoñece ao non aparecer explícita nas súas inscricións nin nos motivos reproducidos.[1]

A organización celebra unha reunión anual e unha entrega de premios en conxunción coa convención de verán da Feira Mundial do Diñeiro da American Numismatic Association. Entre 1983 a 2010, a Sociedade emitiu as súas propias medallas conmemorativas das súas reunións anuais. Por mor do elevado do seu custo estas emisións cesaron en 2010, cando se emitiu a súa derradeira serie,[1] conmemorativa dos cincuenta anos da Sociedade e cuñada pola Medallic Art Company, de Nova York.[2]

O TAMS Journal

[editar | editar a fonte]

Desde as orixes da entidade, esta publicou unha publicación de periodicidade bimestral, o TAMS Journal.[1] Todos os números da revista publicados foron dixitalizados e está dispoñibles no Portal Numismático Newman, da Universidade de Washington en San Luís.[3]

Premios outorgados

[editar | editar a fonte]

A Token and Medal Society outorga dous premios: o Premio Literario da TAMS, outorgado desde 1961, e o Premio Mishler de Catalogación, que comezou a concederse en 1963. Entre as persoas premiadas figuran numismáticos da relevancia de Virginia Culver, Arlie Slabaugh, Edward C. Rochette, Q, David Bowers, David T. Alexander, Russell Rulau ou Robert W. Julian.[4][5]

Estes premios outórganse anualmente no marco da convención anual da American Numismatic Association.[6]

  1. 1 2 3 4 "Token and Medal Society History". Tokenandmedal.org
  2. "TAMS celebrates 50th with medal". Numismaticnews.net. Active Interest Media. 7 de xullo de 2010.
  3. "TAMS Journal". The Newman Numismatic Portal (nnp.wustl.edu).
  4. "TAMS Literary Award". Tokenandmedal.org
  5. "TAMS Mishler Cataloging Awards". Tokenandmedal.org
  6. Gilkes, P. (2023). "Token and Medal Society bestows awards at ANA show". En Coin World. 23 de agosto.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]