Saltar ao contido

Titulación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proceso de titulación. O valorante cae desde a pipeta na solución de analito contida no matraz erlenmeyer. Un indicador presente na solución cambia permanentemente de cor ao atinxir o punto final da valoración.

En Química analítica, a titulación[1] ou valoración[2] é un método de análise química cuantitativa utilizado para determinar a concentración descoñecida dunha substancia a partir dun reactivo de concentración coñecida. Na literatura científica inglesa coñécese como titration. Debido a que as medidas de volume desempeñan un papel fundamental nas titulacións, coñécese tamén como análise volumétrica e inclúe un gran número de poderosos procedementos cuantitativos que se basean en medir a cantidade dun reactivo de concentración coñecida que é consumido por un analito durante unha reacción química ou electroquímica.[3]

En principio, as valoraciones poden basearse en calquera tipo de reacción química que cumpra os requisitos de ter unha constante de equilibrio suficientemente alta para que poida ser cuantitativa; é dicir, que a parte de analito que quede no equilibrio, sen reaccionar, sexa desprezable e que sexa suficientemente rápida. Outro aspecto importante das valoracións, é que cómpre dispoñer dalgún sistema indicador que indique ao analista que a reacción rematou.[4]

Introdución

[editar | editar a fonte]

As determinacións volumétricas, xunto cos métodos gravimétricos, encóntranse entre os métodos clásicos de análise. Nesta técnica de análise química, un reactivo chamado “valorante” ou “titulador”,[5] de volume e concentración coñecida (unha solución estándar ou solución padrón) utilízase para que reaccione cunha solución do analito[6] cuxa concentración se quere coñecer. No procedemento habitual, o reactivo valorante vaise adicionando cunha bureta graduada ata atinxir o punto final. O punto final é o volume de reactivo engadido no que se dá por finalizada a valoración. Determínase por medio do uso dun indicador. Idealmente, debería ser o mesmo volume que o correspondente ao punto de equivalencia ou punto teórico no que se completa a reacción, aínda que non sempre ocorre así, o que produce unha pequena diferenza entre o punto de equivalencia e o punto final que se coñece co nome erro na valoración[3] ou erro de indicador. Así, por exemplo, na valoración clásica ácido forte-base forte, o punto de equivalencia da valoración é o punto en que o pH da disolución resultante como consecuencia da neutralización é exactamente 7. Porén, para detectar o punto final utilízase un indicador de pH que fai que a solución cambie de cor nas proximidades dese pH, como por exemplo, fenolftaleína. O cambio cor da fenolftaleína, de incoloro a rosa prodúcese cando se supera o pH 8,2, polo que cómpre superar nunha ou dúas pingas o punto de equivalencia para sabermos que a reacción se completou.

Existen moitos tipos de valoracións (ver máis adiante) cos seus métodos para determinar o punto final da reacción. A forma máis habitual é o uso de indicadores visuais, baseados na aparición ou desaparición dunha cor, cambios de cor ou a aparición ou desaparición de turbidez. Por exemplo, o indicador que se utiliza na valoración por neutralización de ácido clorhídrico con hidróxido de sodio é a fenolftaleína, xa comentado anteriormente. Outro exemplo de indicador é o laranxa de metilo, de cor vermella en medio ácido e amarela en disolucións básicas. Non todas as titulacións requiren engadir un indicador. Nalgúns casos, os reactivos ou os produtos son fortemente coloreados e poden servir como "indicadores". Por exemplo, unha titulación ou valoración redox que utiliza permanganato de potasio como disolución estándar (rosa/violeta) non require indicador, xa que sofre un cambio de cor doado de detectar porque queda incolora ao se reducir o permanganato. Despois do punto de equivalencia, hai un exceso da disolución titulante (permanganato) e persiste unha cor rosada débil que non desaparece. Debido á natureza logarítmica da curva de valoración, as transicións no final son moi rápidas e unha simple pinga de valorante pode causar un cambio de cor no indicador. Se se sospeita que o erro do indicador pode ser significativo é aconsellable efectuar determinacións en branco co indicador e restarle o resultado ao volume gastado na valoración.

Bureta de Mohr

Aínda que hoxe en día a maioría dos métodos de análise química están fundamentados en técnicas instrumentais, no século XIX a análise volumétrica supuxo unha auténtica revolución na química analítica, aínda que hai que dicir, que non sempre foi ben recibida polos químicos, que consideraban que a análise gravimétrica era o único método fiable. A principal forza impulsora detrás do desenvolvemento da análise volumétrica e o seu establecemento como técnica analítica, estivo relacionada coa necesidade que tiña a industria química emerxente de dispoñer de métodos máis rápidos e simples que os métodos gravimétricos para o control de calidade.[7]

Non é doado identificar en que momento da historia comezou a utilizarse a análise volumétrica. Hai autores que consideran que un dos seus precursores foi Robert Boyle, que nos seus escritos, contra 1663, menciona os indicadores ácido-base, e, dado que o establecemento do punto final é unha das características vitais da titulación, suxírese utilizar esta data como punto de partida. Boyle utilizou xarope de violetas, pero axiña se empregaron extractos doutras flores, verduras, bagas e madeiras.[8] Posteriormente, dunha forma máis clara e evidente, hai constancia de informes científicos publicados por Claude Joseph Geoffroy en 1729, nos cales utiliza carbonato de potasio pulverizado para determinar a acidez dos vinagres. O punto final da valoración quedaba establecida polo momento en que desaparecía a efervescencia.[7][9] O uso de disolucións valorantes, en lugar de masa valorante, atribúese ao químico e fisiólogo escocés Francis Home, que no seu libro Experiments on Bleaching, publicado en 1756, describe un método de valoración, ou máis correctamente, da estimación da potasa, a partir da reacción de disolucións de ácido nítrico engadido con pequenas culleriñas de té ata que cesa a efervescencia.[10] Aínda que o método hoxe en día non sería considerado moi convencional, hai que ter en conta que aínda non se inventara a bureta ou a pipeta para a medida de volumes con maior precisión. En 1791 François Antoine Henri Descroizilles desenvolveu a primeira bureta, con aspecto dun cilindro graduado, á que denominou, primeiramente, "Bethollimetro" (por Claude Louis Berthollet), xa que o utilizaba para a determinación de cloro en disolucións branqueantes (lixivia) e despois, noutra publicación en 1806, "alcalímetro", porque a utilizou na análise de potasas.[9] Anos máis tarde, Joseph Louis Gay-Lussac desenvolveu unha versión mellorada da bureta que incluía un brazo lateral, e acuñou os termos "pipeta" e "bureta" nun artigo de 1824 que trataba sobre a estandarización de disolucións de índigo. Un gran paso adiante na metodoloxía e popularización da análise volumétrica débese a Karl Friedrich Mohr, que redeseñou a bureta colocando un peche con pinza e unha cánula de vertido no extremo inferior, e escribiu o primeiro libro sobre o seu uso, co título Lehrbuch der chemisch-analytischen Titrirmethode (Manual sobre métodos de titulación en Química analítica), publicado en 1855.[11]

En 1828, o químico francés Joseph Louis Gay-Lussac usou o verbo titrer co significado de "determinar a concentración dunha substancia dada nunha mostra".[12] A palabra titre e titration derivan da palabra francesa tiltre (1543) que significaba inicialmente a proporción de ouro ou prata nunha aliaxe en moedas ou obxectos, é dicir, a pureza ou fineza do ouro,[13][14] e despois "concentración dunha substancia nunha mostra dada".[15]

Respecto ao uso de indicadores ácido-base, xa descritos por R. Boyle, a primeira referencia que se ten do seu uso como indicador do punto final, é unha monografía sobre a análise de potasas, publicada en 1767 por William Lewis (h.1708 – 1781),[16] na que Lewis suxire o emprego de certas substancias coloreadas procedentes de zumes vexetais, para determinar o que el denominaba "punto de saturación" (punto final). Co tempo, o uso de indicadores coloreados na análise volumétrica, especialmente na determinación de ácidos e bases, fíxose cada vez máis habitual, aumentando rapidamente, tanto en número coma en aplicacións, a partir de 1870, co desenvolvemento de novos colorantes sintéticos.[7]

Preparación dunha mostra para titulación ou valoración

[editar | editar a fonte]

Nunha titulación ou valoración, tanto a substancia padrón coma o analito deben estar en fase líquida (ou en disolución). Se a mostra non é un líquido ou unha disolución, debe primeiro disolverse. Se o analito está moi concentrado na mostra a analizar, adoita diluírse. Aínda que a gran maioría das titulacións realízanse en disolución acuosa, poden usarse outros disolventes como ácido acético ou etanol con igual finalidade, para determinadas análises. Unha cantidade medida de mostra colócase nun frasco onde se disolve e se dilúe se for preciso. O resultado matemático da valoración pode calcularse directamente por medio da cantidade de valorante medida. Cando a mostra estaba disolta ou foi máis diluída antes da valoración, a cantidade de disolvente utilizado para disolver ou diluír debe ser ben coñecida (xeralmente é un coeficiente enteiro) para poder consideralo no resultado matemático da valoración da mostra orixinal. Moitas valoracións requiren un certo control do pH da reacción. Para isto úsanse disolucións amortecedoras engadidas no frasco da disolución a analizar para manter o pH da solución. Noutros casos débese enmascarar un certo ión: isto é necesario cando hai dous reactivos na mostra que poden reaccionar coa substancia padrón e só queremos valorar un deles, ou ben cando a reacción pode ser inhibida ou alterada pola presenza dese ión. Procédese engadindo outra disolución á mostra para enmascarar ou secuestrar o ión non desexado, por medio da formación dun enlace feble con el ou mesmo formando unha substancia insoluble. Algunhas reaccións redox poden requirir quentar a disolución coa mostra e valorar mentres está aínda quente (para incrementar a velocidade de reacción). Por exemplo, a oxidación de certas solucións de oxalato require quentar a solución ata uns 60 graos centígrados para manter unha axeitada velocidade de reacción.

Procedemento

[editar | editar a fonte]

Unha titulación ou valoración comeza cun vaso de precipitados ou matraz erlenmeyer que contén un volume preciso do reactivo a analizar e unha pequena cantidade de indicador, colocado debaixo dunha bureta que contén a disolución estándar. Controlando coidadosamente a cantidade engadida, é posible detectar o punto no que o indicador cambia de cor. Se o indicador se elixiu correctamente, este debería ser tamén o punto de neutralización dos dous reactivos. Lendo na escala da bureta saberemos con precisión o volume de disolución engadida. Como a concentración da disolución estándar e o volume engadido son coñecidos, podemos calcular o número de moles desa substancia (xa que ). Logo, a partir da ecuación química que representa o proceso que ten lugar, poderemos calcular o número de moles da substancia a analizar presentes na mostra. Finalmente, dividindo o número de moles de reactivo polo seu volume, coñeceremos a concentración buscada.

Curvas de valoración

[editar | editar a fonte]
Unha curva típica de valoración dun ácido diprótico, ácido oxálico, titulado cunha base forte, hidróxido de sodio. Son visibles os dous puntos de equivalencia, a 15 e 30 mL.

As valoracións represéntanse por medio de curvas de valoración, nas que adoita representarse como variable independiente o volume engadido de disolución estándar, titulante ou padrón, mentres a variable dependente é a concentración do analito na etapa correspondente de valoración (nunha valoración ácido-base é xeralmente o pH da disolución, que cambia segundo a composición das dúas disolucións). No caso das valoracións ácido-base, as curvas de valoración reflicten a forza do ácido e da base correspondentes. Por exemplo, nunha valoración de ácido forte cunha base débil, a curva de valoración será relativamente lisa, aínda que terá moita pendente para puntos que están preto do punto de equivalencia da valoración. Nese caso, pequenos cambios no volume do valorante producen cambios grandes do pH preto do punto de equivalencia. Nese caso, unha ampla gama de indicadores sería o axeitado (por exemplo o tornasol, a fenolftaleína ou o azul de bromotimol). Por outro lado, se un dos compoñentes dunha valoración ácido-base é un ácido débil ou unha base débil, e o outro é un ácido forte ou unha base forte, a curva de valoración é claramente irregular preto do punto de equivalencia (e o pH non cambia "tanto" coa adición de pequenos volumes de valorante). Como exemplo, a curva de valoración do ácido oxálico (un ácido débil) con hidróxido de sodio (unha base forte) representouse na imaxe anterior. Aquí, o punto de equivalencia aparece a un pH entre 8 e 10, e así o analito é básico no punto de equivalencia (sendo máis preciso, o ión hidróxido experimenta unha reacción de hidrólise na auga producindo ión hidróxido). Un indicador como a fenolftaleína sería apropiado para esta valoración en particular. A curva de valoración correspondente a unha valoración dunha base débil cun ácido forte compórtase de modo análogo, obténdose unha disolución ácida no punto de equivalencia. Neste caso, utilízanse habitualmente indicadores como o laranxa de metilo ou o azul de bromotimol. Por outro lado, as valoracións ácido-base nas que os compoñentes son unha base e un ácido débil, son de natureza bastante irregular. Debido á natureza de tales valoracións, non hai ningún indicador químico apropiado, e por iso utilízase a miúdo o pHmetro.

Tipos de valoraciones

[editar | editar a fonte]

As valoracións clasifícanse polo tipo de obxecto a analizar:

   NaX(ac) +  AgNO3(ac)  → AgX(s) + NaNO3(ac)    onde     X = F-, Cl-, Br-, I-, SCN-

Valoración ácido-base

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Valoración ácido-base.
Indicador Cor en medio ácido Rango de cambio de cor Cor en medio básico
Violeta de metilo Amarela0,0 - 1,6Violeta
Azul de bromofenol Amarela3,0 - 4,6Azul
Laranxa de metilo Vermella3,1 - 4,4Amarelo
Vermello de metilo Vermella4,4 - 6,2Amarelo
Tornasol Vermella5,0 - 8,0Azul
Azul de bromotimol Amarela6,0 - 7,6Azul
Fenolftaleína Incolora8,3 - 10,0Rosa
Amarelo de alizarina Amarela10,1 - 12,0Vermello

Estas valoracións están baseadas na reacción de neutralización que ocorre entre un ácido e unha base, cando se mesturan en solución. A solución valorante, xa sexa un ácido (ou unha base), engádese a unha bureta, previamente lavada co mesmo ácido (ou base). Engádese o analito ou mostra, con comportamento ácido ou básico, disolto nun disolvente axeitado, a un matraz erlenmeyer. Nas normalizacións, a solución no matraz, xeralmente é unha solución de referencia, cuxa concentración se coñece exactamente, e a solución na bureta é o padrón secundario, cuxo título ou concentración debe determinarse polo procedemento de titulación. O indicador usado nunha valoración ácido-base a miúdo depende da natureza dos compoñentes, como se describiu na sección anterior. Os indicadores máis comúns, as súas cores e o rango de pH no que se produce o cambio de cor (viraxe), móstranse na táboa anterior. Cando se requiren resultados máis exactos ou cando os analitos son ácidos ou bases débiles, realízase unha valoración potenciométrica, utilizando un pHímetro e un eléctrodo combinado de vidro.

Valoración redox (oxidorredución)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Valoración redox.

Estas valoracións están baseadas nunha reacción redox entre un axente oxidante e un axente redutor. O axente oxidante (ou o redutor) engádese na bureta previamente lavada co mesmo axente. O redutor (ou o oxidante) engádese no matraz erlenmeyer, previamente lavado con auga destilada. Como nunha valoración ácido-base, a solución estándar é a que se coloca a miúdo na bureta, e a solución cuxa concentración debe ser determinada colócase no matraz. O procedemento para realizar as valoracións redox é similar ao utilizado para realizar as valoracións ácido-base.

A maioría das veces utilízase un potenciómetro ou un indicador redox para determinar o punto final da valoración. Por exemplo, cando un dos compoñentes da valoración é o axente oxidante dicromato de potasio, o cambio de cor da solución de laranxa a verde non é definido e utilízase un indicador como a difenilamina. Para a análise de viños para determinar o seu contido de dióxido de xofre hai que empregar o iodo como un axente oxidante. Neste caso, utilízase amidón como indicador; fórmase un complexo de amidón-iodo azul no momento en que hai un exceso de iodo, sinalando así o punto final da valoración.

Por outro lado, algunhas valoracións redox no requiren un indicador, debido á cor intensa dalgún dos compoñentes. Por exemplo, nunha valoración onde está presente o axente oxidante permanganato de potasio, unha cor rosa que persiste sinala o punto final da valoración, e, por tanto, no se precisa ningún indicador particular.

Valoración complexométrica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Valoración complexométrica.

Estas valoracións están baseadas na formación dun complexo entre o analito e o valorante. Utilízase moi fecuentemente o axente quelante EDTA para valorar ións metálicos en solución. Estas valoracións xeralmente requiren un indicador especializado que forma complexos máis débiles co analito. Un exemplo común é o negro de eriocromo T para a valoración dos ións de calcio e magnesio.

Valoración de potencial Zeta

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Valoración de potencial Zeta.

Estas valoracións son características de sistemas heteroxéneos, como os coloides. O potencial Zeta xoga o papel de indicador. Un dos obxectivos é a determinación do punto isoeléctrico cando a carga superficial se fai 0. Isto pódese acadar cambiando o pH ou adicionando surfactante. Outro obxectivo é a determinación da dose óptima de substancia química para a floculación ou a estabilización.

Determinación do punto final dunha valoración

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Punto de equivalencia.

Hai diferentes métodos para determinar o punto final ou punto de equivalencia:

  • Indicadores. Son substancias que cambian de cor en resposta a un cambio químico.
    1. Indicador de pH ou indicador ácido-base. Un indicador ácido-base (como a fenolftaleína) cambia de cor dependendo do pH do medio.
    2. Indicador redox. Engádese unha pinga de disolución de indicador ao principio da titulación ou valoración; cando a cor cambia, chegouse ao punto final.
      Potenciómetro e dosificador da marca Metrohm.
  • Potenciómetro (por veces milivoltímetro). Son instrumentos que miden o potencial de eléctrodo da disolución. Úsanse para valoracións redox; o potencial do eléctrodo de traballo cambiará bruscamente no punto final.
  • Medidor de pH ou pHímetros. Son potenciómetros que usan un eléctrodo cuxo potencial depende da cantidade de ión H+ presente na disolución. É un exemplo dun eléctrodo de ión selectivo que permite medir o pH da disolución ao longo da valoración. No punto final, cambiará bruscamente o pH medido. Pode ser un método máis preciso que o uso de indicadores e é doado de automatizar.
  • Condutancia. A condutividade dunha disolución depende dos ións presentes nela. Durante moitas titulacións, a condutividade cambia de modo significativo. Por exemplo, durante unha valoración ácido-base, os ións H+ e OH- formando auga neutra (H2O). Isto cambia a condutividade da disolución. A condutancia total da disolución depende tamén dos outros ións presentes na disolución (como os contraións). Non todos eles contribúen de igual xeito á condutividade que tamén dependerá da mobilidade de cada ión e da concentración total de ións (forza iónica). Logo, predicir o cambio na condutividade é máis difícil que medila.
  • Cambio de cor. Nalgunhas reaccións, a disolución cambia de cor sen presenza de indicador. É frecuente en valoracións redox, por exemplo, cando os diferentes estados de oxidación de produtos e reactivos posúen diferentes cores.
Detección do punto final por cambio de cor do indicador
  • Precipitación. Se se forma un sólido na reacción e despois precipita. Un exemplo é a reacción entre Ag+ e Cl- que forma un sal moi insoluble, AgCl. Isto dificulta determinar con precisión o punto final. Por isto, ás veces prefírese facer unha titulación inversa.
  • Unha valoración calorimétrica ou titulación isotérmica usa a calor producida ou consumida na reacción para determinar o punto final. É un método importante en bioquímica, como na determinación de que substratos se ligan aos enzimas.
  • Titulación termométrica. É unha técnica moi versátil. Diferénciase da anterior porque non se determina un aumento ou caída de temperatura como indicativo do punto final, senón que se mide a velocidade de cambio da temperatura.
  • Espectroscopia. Pode usarse para medir a absorción de luz pola disolución durante a valoración, e se o espectro do reactivo, substancia padrón ou produto é coñecido, podería medirse a súa evolución con cantidades bastante pequenas que permitirían coñecer o punto final.
  • Amperometría ou valoración amperométrica. Úsase como técnica de detección analizando a corrente eléctrica debida á oxidación ou redución dos reactivos ou produtos nun eléctrodo de traballo que dependerá da concentración das especies en disolución. O punto final detéctase por un cambio na corrente. Este método é o máis útil cando hai que reducir un exceso da substancia valorante (valoración por retroceso), como é o caso da valoración de haluros con Ag+.

Técnicas de valoración

[editar | editar a fonte]

Existen diferentes formas de proceder para levar a cabo unha valoración:

Valoración directa

[editar | editar a fonte]

É o procedemento máis simple e consiste en engadir a disolución padrón do reactivo valorante directamente sobre a disolución do analito que está sendo valorado ata que se produce o cambio de cor da valoración, tal e como se explicou anteriormente en "Procedemento". Esta técnica de valoración é a máis común e utilízase cando se dispóns de indicadores axeitados e a termodinámica da reacción implicada na valoración é moi favorable, é dicir, constante de equilibrio e velocidade de reacción suficientemente altas.

Valoración por retroceso

[editar | editar a fonte]

Cando non se dan as condicións anteriores, xa sexa porque a reacción é lenta, pouco desprazada cara á formación do produto ou non existe un indicador adecuado, adóitase recorrer ao que se denomina valoración por retroceso. Consiste en engadir un exceso medido do reactivo padrón que reacciona co analito. Como o padrón está en exceso, vaise superar a cantidade equivalente, valorándose este exceso con outro reactivo padrón. O cálculo da cantidade de analito faise tendo en conta os moles de reactivo padrón engadidos inicialmente aos que haberá que restar os moles do exceso, que se calculan a partir do volume e concentración do segundo reactivo valorante.

Valoración por desprazamento

[editar | editar a fonte]

Utilízase algunhas veces en complexometrías con EDTA nas que se pretende valorar algún ión metálico para o que non existe indicador adecuado. O procedemento consiste en engadir unha disolución padrón e un exceso dalgún complexo metálico do EDTA (por exemplo Mg(EDTA)2-) que teña unha constante de equilibrio menor, de forma que o ión metálico a determinar despraza o ión Mg2+ do complexo engadido, liberando unha cantidade equivalente de Mg2+, moito máis fácil de valorar cunha disolución padrón de EDTA.

Valoración indirecta

[editar | editar a fonte]

Neste caso, non se valora o analito, senón unha substancia producida polo analito nunha reacción previa con algunha substancia que se engade en exceso á disolución que se vai valorar. Esta reacción debe ser perfectamente coñecida en canto á súa estequiometria, e os produtos de reacción ou o exceso de reactivo non poden interferir na valoración ou, en caso de que interfiran, que poidan illarse ou bloquearse, por exemplo, pola formación dun precipitado ou dun complexo moi estable.

Algúns usos particulares

[editar | editar a fonte]
  • A valoración de biocombustible é a determinación da acidez dunha mostra de combustible de orixe vexetal por medio da adición dunha base á mostra mentres se comproba con papel indicador que o pH final é 7. Sabendo canta base neutraliza unha cantidade de biocombustible, coñeceremos canta base en total adicionaremos ao lote completo.
  • A valoración en petroquímica ou na industria alimentaria úsase para definir as propiedades de aceites, graxas e substancias similares.[19]

Algunhas valoracións aplicables a lípidos

[editar | editar a fonte]
  • Número ácido. Determina o nivel de ácidos graxos libres presentes nun biocombustible. O número ácido total é a cantidade de base, expresada en miligramos de hidróxido de potasio que se necesitan para neutralizar todos os compoñentes ácidos presentes nun gramo de mostra.
  • Grao de acidez. Realízase unha titulación ácido-base con indicador de cambio de cor para determinar o contido de ácido graxo libre nunha mostra e comprobar así a súa acidez.
  • Número de iodo ou índice de iodo. É unha medida do grao de insaturación dos compoñentes dunha graxa. Será tanto maior canto maior sexa o número de dobres enlaces C=C por unidade de graxa, utilizándose por isto para comprobar a pureza e a identidade das graxas. É a cantidade (gramos) de iodo absorbidos por 100 gramos de graxa. O número de iodo oscila entre 0 (ácidos graxos saturados) e 350. Unha valoración redox con cambio de cor permite indicar a cantidade de ácido graxo insaturado libre nunha mostra.[20]
  • Número de saponificación. A saponificación consiste nunha hidrólise alcalina dunha mostra graxa (con KOH ou NaOH). Os lípidos derivados de ácidos graxos (ácidos monocarboxílicos de cadea longa) dan lugar a sales alcalinos (xabóns) e alcohol, que son doadamente extraíbles en medio acuoso. O número de saponificación son os miligramos de KOH necesarios para saponificar 1 gramo de materia graxa. Esta proba é outra proba cualitativa que podemos aplicar aos lípidos. Permítenos ver se o tipo de lípido é saponificable ou non. Realízase unha valoración ácido-base por retroceso con indicador de cambio de cor ou valoración potenciométrica para obtermos unha idea da lonxitude media da cadea de ácidos graxos nunha graxa.
  • Índice de peróxidos. A determinación lévase a cabo agregando ioduro de potasio a unha mostra de aceite ou graxa, o ioduro de potasio vai reaccionar coas graxas oxidadas, máis especificamente grupos peróxido formados nas graxas, formando óxidos de potasio, graxa hidroxilada e iodo libre, o cal ao adicionar amidón dá un ton azulado, posteriormente hai que titular con tiosulfato de sodio ata que se obteña un ton branco. Tómase o volume e detrmínaase en meqO2 por kg de mostra.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para titulación.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para valoración.
  3. 1 2 Douglas A. Skoog, Donald M. West, F. James Holler and Stanley R. Crouch. (2015). "Cap. 13 Valoraciones en química analítica". Fundamentos de química analítica. Cengage Learning. ISBN 978-607-519-937-6.
  4. Harris, Daniel C. (1992). Análisis Químico Cuantitativo. Grupo Editorial Iberoamericana. p. 151. ISBN 970-625-003-4.
  5. Compendium for basal practice in biochemistry, 2008 ed.. Aarhus University
  6. "titrand". Sci-Tech Dictionary.
  7. 1 2 3 Scholz, Fritz; Kahlert, Heike (2019). "Cap. 7.1 The History of Titrations". Chemical equilibria in analytical chemistry: the theory of acid-base, complex, precipitation and redox equilibria (1st ed ed.). Springer international publishing. ISBN 978-3-030-17180-3.
  8. Oesper, Ralph E. (1958-08). "The Development of Titrimetric Analysis till 1806 (Madsen, E. Rancake)". Journal of Chemical Education (en inglés) 35 (8): A360. ISSN 0021-9584. doi:10.1021/ed035pA360. Consultado o 2024-11-08.
  9. 1 2 Hudson, John (1994). "Cap. 14 Analytical Chemistry. Titrimetric analysis". The history of chemistry (reimpresa ed.). Chapman & Hall. ISBN 978-0-412-03641-5. Consultado o 2024-11-08.
  10. Home, Francis (1756). "Part III; Section I Exp. 13". Experiments on Bleaching (en inglés). Edimburgo. pp. 100-101.
  11. Louis Rosenfeld. Four Centuries de Clinical Chemistry. CRC Press, 1999, p. 72-75.
  12. Gay-Lussac (1828). "Essai des potasses du commerce" [Ensaios de potasa comercial]. Annales de Chimie et de Physique. 2ª serie (en francés) 39: 337–368. Na nota a rodapé (1) da p. 340, Gay-Lussac usa por primeira vez titre como verbo: "Il leur serait plus facile de titrer l'acide sulfurique normal au moyen du carbonate de soude ou de potasse pur; ... " (Será máis fácil titrar [titular] o ácido sulfúrico normal en medio de carbonato de sodio ou de potasa pura;...[para detrminar a concentración e ácido sulfúrico])
  13. Ortolang: "titre" (in French): "4. a) 1543 tiltre « proportion d'or ou d'argent dans les monnaies, dans les ouvrages d'or et d'argent » " (tiltre: proporción de ouro ou prata en moedas, en obras de ouro ou prata)
  14. "Etymology On Line: titrate".
  15. "WordReference: titre e titer". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2023. Consultado o 23 de xullo de 2026.
  16. Lewis, William (1767). Experiments and observations on american potashes (en inglés). Society. Consultado o 2024-11-10.
  17. Scholz, Fritz; Kahlert, Heike (2019). "Cap. 7.4.3 Precipitation Titrations". Chemical equilibria in analytical chemistry: the theory of acid-base, complex, precipitation and redox equilibria (1ª ed ed.). Springer international publishing. ISBN 978-3-030-17180-3.
  18. Douglas A. Skoog, Donald M. West, F. James Holler and Stanley R. Crouch. (2015). "Cap. 17 Reacciones y valoraciones complejométricas y de precipitación". Fundamentos de química analítica. Cengage Learning. ISBN 978-607-519-937-6.
  19. Exemplos de valoración en petroquímica ou na industria alimentaria .
  20. Caracterización de lípidos. https://web.archive.org/web/20070315111239/http://www.pucmmsti.edu.do/cienciasfisiologicas/LIPIDOS-SIB.PDF

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns xternas

[editar | editar a fonte]