Saltar ao contido

Timple

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parte dianteira do timple

O timple é un instrumento musical de corda pulsada con cinco cordas, típico e orixinario das Illas Canarias.[1] Deriva da guitarra barroca e instrumentos similares.

Mide uns 60 cm. A caixa de resonancia é estreita e o fondo é curvo en forma de lomba, polo que é coñecido tamén como "camellito sonoro". A afinación habitual é re-la-mi-dó-sol (da primeira á quinta corda), onde o dó e o sol son máis agudos que o mi.

Algúns dos seus curmáns que perduraron nos países iberoamericanos son:

Tamén está emparentado co cavaquinho portugués e co guitarro mallorquino.

O timple ten orixe canaria, con diversas influencias europeas e americanas. Na actualidade está presente en todas as illas, como parte integrante esencial das agrupacións do arquipélago. Con todo, historicamente tivo un uso máis estendido en Tenerife, Gran Canaria, Fuerteventura e Lanzarote. Nas illas de La Palma, La Gomera e El Hierro, onde o timple era practicamente descoñecido, mantiveron instrumentos musicais máis ancestrais como o pito, as chácaras (un instrumento similar ás castañolas) e o tambor.

Nos inicios era un instrumento de acompañamento nas parrandas de tocadores, só se adoitaba tocar punteando as cordas e nalgunhas illas usábanse timples de catro cordas. Co paso do tempo fóronse desenvolvendo diferentes patróns de punteo en cada illa. Antano podíase saber de onde era un músico por como punteaba. Porén, na actualidade tócase unha mestura de punteos e arpexos.

Luthieres

[editar | editar a fonte]

Algúns luthieres traballaron no desenvolvemento de novas técnicas de fabricación. Jesús Machín aplicou técnicas de construción e deseño doutros instrumentos clásicos de concerto, como a guitarra, para conseguir mellor calidade sonora, unha execución máis cómoda e unha maior versatilidade. Entre outros avances, Machín deseñou e desenvolveu, con Juan Molina, o primeiro timple electroacústico para José Antonio Ramos.

Fabricación e morfoloxía do timple

[editar | editar a fonte]

A fabricación é artesanal. As producións, algunhas de artesáns de renome, son demandadas polas agrupacións folclóricas e por timplistas profesionais, principalmente en Tenerife, Gran Canaria e Lanzarote.

Tradicionalmente chamóuselle "timple" a todos os instrumentos derivados do timple orixinal de 5 cordas e lonxitude de escala soprano (36 cm). Con todo, nos últimos anos a proliferación de diferentes lonxitudes de escala complicou a situación. Ademais non hai acordo nunhas medidas estándar para a lonxitude de escala.

As partes do timple son:[2]

  • A pa: é o lugar onde se atopan colocadas as caravillas con que se afina o instrumento
  • Mastro: brazo de madeira que sobresae por riba do corpo, onde se atopan ancoradas a pa, os trastes e o diapasón
  • Pestana: peza situada no mastro para apertar ou elevar as cordas ao mesmo tempo
  • Diapasón: colocado sobre o mastro, contén os trastes
  • Trastes: varas metálicas para dar as notas cos dedos
  • Tapa harmónica, boca e ponte: forman parte do corpo do timple, a boca é o orificio central; a tapa, a madeira superior; e a ponte, a ancoraxe final das cordas.
  • Aros e tapa posterior

Amais da electrificación do timple, cada vez máis común, están a realizarse traballos con materiais como a fibra de carbono e o plástico utilizado no timple impreso en 3D.

Composicións

[editar | editar a fonte]

Na actualidade tivo grande aceptación entre os músicos profesionais e nas orquestras. Iniciouse a súa expansión internacional especialmente por América, coa especialidade do seu son. Dende o curso 2021-2022, o timple é unha especialidade oficial nos Conservatorios de Música das Canarias[3].

Existe ampla literatura sobre o timple, especialmente de métodos de ensino, realizados principalmente por profesorado de música. Os principais timplistas tamén realizaron as súas propias publicacións, como Ramos, El Colorao, Cabrera ou Izquierdo. Tamén existen publicacións de partituras e de investigación histórica.

Algúns dos nomes máis coñecidos son Totoyo Millares, José Antonio Ramos, Domingo Rodríguez Oramas "El Colorao" e Benito Cabrera. Con todo, houbo moitos outros intérpretes e solistas anteriores como Argelio Rojas "Rojitas", Agrícola Álvarez (quen ademais construía timples) ou Casimiro Camacho.

A comezos do século XXI xurdiu unha nova xeración de timplistas. Algúns nomes destacados son José Domingo Curbelo, Alexis Lemes, Althay Páez, Beselch Rodríguez, Yone Rodríguez, Pedro Izquierdo, Germán López, Josele del Pino, Gabriel García, Abraham Ramos Chodo, Abraham Ramos Sánchez, Javier Castro-Gomis, Juan Pablo Pérez López, Jesús Martín ou Ismael Campos.

Desde o punto de vista da innovación destaca o director e fundador do grupo Artenara, Enrique Mateu, o primeiro en utilizar os timples de seis e doce cordas.

  1. The Stringed Instrument Database: T
  2. Viera Ruíz, María Eugenia (xullo de 2015). "ARTESANÍA Y TECNOLOGÍA. APLICACIÓN A UN INSTRUMENTO MUSICAL: EL TIMPLE". Consultado o 17 de xaneiro de 2018. 
  3. Press, Europa (2021-09-02). "El Gobierno crea la especialidad de 'Timple' dentro de las enseñanzas profesionales de música". www.europapress.es. Consultado o 2022-04-16. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]