Tim Curry
Timothy James Curry, máis coñecido coma Tim Curry, nado en Grappenhall o 19 de abril de 1946 e finado nos Ánxeles o 25 de agosto de 2026, foi un actor e cantante británico. Durante os seus case 60 anos de carreira profesional, destacou polas súas actuacións en teatro, cinema, televisión e animación.
Curry fixo o seu debut en 1968 con Hair, unha produción do West End. Gañou moita sona co papel do doutor Fran-N-Furter en The Rocky Horror Show, interpretada en escenarios de Londres, Os Ánxeles e Nova York entre 1973 e 1975. Repetiu este mesmo rol na adaptación cinematográfica da obra, The Rocky Horror Picture Show (1975). Curry recibiu tres nomeamentos aos premios Tony polas súas actuacións de Broadway coma Wolfgang Amadeus Mozart en Amadeus (1980-1981), coma Alan Swann en My Favorite Year (1992-1993) e coma o rei Artur en Spamalot (2005), así coma dúas candidaturas aos Olivier polas producións do West End The Pirates of Penzance (1982) e Spamalot (2006-2007).
Curry interpretou a Rooster Hannigan en Annie (1982), a Escuridade en Legend, a Wadsworth en Clue (1985), ao señor Héctor en Home Alone 2 (1992), ao cardeal Richelieu en The Three Musketeers (1993) e mais a Long John Silver en Muppet Treasure Island (1996). Tamén participou noutras películas como The Worst Witch (1986), The Hunt for Red October (1990), Congo (1995), Charlie's Angels (2000), Scary Movie 2 (2001) e Kinsey (2004). Na televisión, fixo de Pennywise na miniserie It de 1990 e obtivo un nomeamento aos premios Emmy polo seu traballo na serie da HBO Tales from the Crypt de 1993.
Así mesmo, destacou como actor de voz, eido no que gañou o Emmy pola súa interpretación do capitán Garfo na serie Peter Pan & the Pirates (1990-1991) e foi nomeado aos Grammy pola súa lectura do audiolibro The Bad Beginning (2001). Tamén deu voz a Hexxus en FernGully: The Last Rainforest (1992), a sir Nigel Thomberry en The Wild Thornberrys (1998-2004), a Doviculus en Brütal Legend (2009) e ao chanceler Palpatine en Star Wars: The Clone Wars (2012-2014). Para alén da actuación, publicou tres discos: Read My Lips (1978), Fearless (1979) e Simplicity (1981); estes dous últimos apareceron no Billboard 200 dos Estados Unidos. A súa autobiografía, Vagabond, saíu do prelo en 2025, un ano antes do seu pasamento.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Timothy James Curry naceu o 19 de abril de 1946 en Grappenhall, condado de Cheshire, fillo da secretaria de escola Patricia Langmead e do capelán da Armada Real Británica James Curry.[1][2][3] Estes coñecéronse en Malta e casaron en Exipto.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Who Were Tim Curry’s Parents? Inside His Family and Childhood – RN Communications" (en inglés). 2026-08-27. Consultado o 2026-08-31.
- ↑ Weber, Bruce (2026-08-26). "Tim Curry, Star of ‘Rocky Horror’ and Much More, Dies at 80". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2026-08-31.
- ↑ Whittaker 1998, p. 31.
- ↑ "Biography". Tim Curry (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2019. Consultado o 2026-08-31.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Whittaker, Jim (1998). Cosmic Light: The Birth of a Cult Classic (en inglés). Acme Books.