Ticotico de papo branco
Ticotico de papo branco | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Un ticotico de papo branco en Cap Tourmente National Wildlife Area, Quebec, Canadá | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
![]() Área de distribución Todo o ano Áreas de reprodución Áreas de migración Áreas non reprodutoras
|


O ticotico de papo branco[2] (Zonotrichia albicollis) é unha ave paseriforme da familia dos paserélidos. Reprodúcese en América do Norte e pasa o inverno no sur dos Estados Unidos.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]En 1760 o naturalista inglés George Edwards incluíu unha ilustración e unha descrición do ticotico de papo branco no segundo volume da obra Gleanings of Natural History. Utilizou o actual nome inglés: white-throated sparrow. Baseou o seu gravado coloreado a man nun "coidado debuxo en cores" enviado polo naturalista estadounidense William Bartram desde Filadelfia, Pennsylvania.[3] Cando o naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin revisou e ampliou a obra de Carl Linné Systema Naturae en 1789 incluíu o ticotico de papo branco. Situouno xunto cos pimpíns no xénero Fringilla e acuñou para el o nome binomial Fringilla albicollis.[4] Hoxe, este paxaro é unha das cinco especies situadas no xénero Zonotrichia, que foi introducido por William Swainson en 1832.[5] O nome do xénero vén do grego antigo ζωνη (zōnē), que significa 'banda', e θριξ (thrix), τριχος (trikhos), que significa 'pelo'. O epíteto da especie albicollis combina as palabras latinas albus, 'branco' e -collis 'pescozo'.[6] A especie é monotípica, xa que non se recoñecen subespecies.[5]
Descrición
[editar | editar a fonte]É un paseriforme que pertence á familia Passerellidae (os pardais no Novo Mundo). Mide de 15 a 19 cm de lonxitude cunha envergadura alar de 23 cm. O seu peso típico é de 22 a 32 g, cunha media de 26 g.[7][8] Entre as súas medidas estándar, a corda máxima alar é de 6,3-7,9 cm, a cola é de 6,8-7,7 cm, o bico é de 1-1,2 cm e o tarso é de 2,2-2,4 cm.[9] Son de aspecto similar ao Zonotrichia leucophrys, pero coas marcas brancas na gorxa e os loros (zona entre o ollo e o bico) amarelos.
Hai dúas variacións de plumaxe adultas coñecidas como forma de raia marrón clara e de raia branca. Na forma de raia branca o píleo é negro cunha raia central branca. A lista supraciliar é tamén branca. As auriculares son grises co bordo superior formando unha liña ocular negra.[7]
Na forma de raia marrón clara, o píleo é marrón escuro cunha raia central marrón máis clara. A liña supraciliar é tamén marrón clara. As auriculares son cincentas/marróns claras co bordo superior formando unha liña ocular marrón. Ambas as variedades presentan ollos escuros, papo branco, loros amarelos e bico cincento.[7] Hai variacións nalgúns individuos que poden mostrar raias laterais escuras a cada lado da gorxa.
Case sempre se emparellan co morfo de cor oposta para reproducirse. Os morfos das dúas cores aparecen en cantidades aproximadamente iguais. Tanto o macho coma a femia de raia branca son máis agresivos que os de raia marrón clara durante a tempada reprodutora.[10][11] A agresión está ligada a un incremento da taxa de expresión do receptor de estróxenos alfa nos exemplares de raia branca.[12]
O peito ten manchas grises/marróns e ditas manchas continúan polos flancos, pero o ventre xeralmente é gris claro. As ás son marróns avermelladas con dúas barras alares brancas ben visibles. Os sexos son morfoloxicamente similares.[7]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Reprodúcese no centro do Canadá e Nova Inglaterra. O niño fano no chan baixo arbustos ou na parte baixa de árbores en bosques caducos ou mixtos e poñen de 3 a 5 ovos azuis con marcas marróns ou brancas verdosas.
Os morfos marrón claro e branco usan diferentes estratexias reprodutivas. Os machos marróns claros investen en coidados parentais e vixían as súas parellas por se outros individuos buscan copulacións fóra da parella. Os machos brancos investen en asegurarse parellas adicionais e copulacións fóra da parella por medio de cancións de anuncio e introducíndose en territorios dos veciños. Os morfos femininos teñen diferenzas similares, e as femias marróns claras investen en coidados parentais e as brancas solicitan copulacións fóra da parella e realizan parasitismo de posta, deixando os seus ovos nos niños alleos para que sexan outros os que críen e alimenten os pitos. Aparearse cos morfos opostos e usar estratexias reproducitvas alternativas axuda a manter o equilibrio competitivo.[13] Este comportamento foi descrito xeneticamente como producido por unha inversión cromosómica que afecta un superxene que actúa como un par extra de xenes para a determinación do sexo, resultando catro fenotipos que se reproducen seguindo un padrón de heterogamia ou apareamento desagrupado (disassortative mating).[14][15][16]
Invernada e migración
[editar | editar a fonte]En inverno esta especie migra ao sur e leste dos Estados Unidos. Son migrantes diferenciais nos que as femias migran máis lonxe, incrementando a proporción de femias en latitudes máis baixas na ruta aérea atlántica. As femias son máis pequenas así que non estarían tan optimamente en latitudes máis altas e frías, e as femias evitan a competición cos machos dominantes das xerarquías de inverno ao migraren máis lonxe. Tampouco sería beneficioso para as femias seren dos primeiros en regresar despois do inverno, así que migraren máis lonxe permite que os machos tornen e establezan o territorio unhas poucas semanas antes da chegada delas.[17] Permanece todo o ano nas provincias atlánticas do Canadá. Esta ave é un ave vagante rara en Europa occidental. Xunto con outras especies como o Cardinalis cardinalis, Junco hyemalis, Melospiza melodia e as do xénero Poecile, esta especie está entre as especies máis abundantes nativas do leste de América do Norte en inverno.[18]
Malia o alto nivel de rivalidade conespecífica entre os ticoticos de papo branco, esta especie adoita estar dominada por outras especies residentes de inverno comedoras de sementes, incluso dos que non son máis grandes ca el, como o Melospiza melodia, e por iso pode soportar altos niveis de predación mentres busca comida, xa que ás veces queda restrinxido a buscar comida a sitios subóptimos pola competición.[19] Numerosos mamíferos carnívoros e polo menos dez aves predadoras a miúdo cazan os ticoticos de papo branco e están entre as presas máis comúns dalgunhas pequenas rapaces, como Accipiter striatus e Megascops asio.[20][21]
Dieta
[editar | editar a fonte]Estes paxaros comen no chan baixo ou preto de matorrais ou en vexetación baixa pateando cara a atrás con ambos os pés simultaneamente. Come principalmente sementes, insectos e bagas, e son atraídos polos comedeiros de aves. Algunhas das froitas que come son amoras, uvas e froitos de Rosa. Unha das súas sementes favoritas é o millo miúdo, pero tamén se alimenta de pipas de xirasol negras e diferentes sementes.[22] Durante o verán, os insectos e outros pequenos vertebrados constitúen unha gran porción da súa dieta.[23]
Vocalizacións
[editar | editar a fonte]Canta unha canción polo lado esquerdo da sirinxe, e no control da súa sirinxe interveñen os sistemas nerviosos central e periférico. Despois dunha lesión no control motor do lado esquerdo da sirinxe, aínda poden producir son pero o padrón da súa canción está distorsionado, o que indica que o lado esquerdo é o que controla principalmente a produción do son.[24] Hai polo menos dúas cancións que canta esta especie. Unha consiste nunha nota inicial, seguida dunhas tres notas repetidas a un intervalo dun terzo maior. A segunda canción consiste nunha nota inicial, unha segunda un paso enteiro máis baixo, e unha terceira nota, repetida dúas ou tres veces, aproximadamente un terzo menor por debaixo desa. O ritmo é moi regular e o timbre podería describirse como comprimido. Estes intervalos musicais son só aproximados; para un oído humano a canción a miúdo soa desafinada. A nota repetida cambia a miúdo en ton moi lixeiramente, contribuíndo a este efecto.
Tal como se informou en National Geographic en 2020, descubriuse unha nova canción do ticotico de papo branco. Empeza da mesma maneira que a canción típica, pero cunha diferenza sutil: os tripletes repetidos convértense en dobretes, acabando cun só ton final. Esta nova canción empezou a aparecer na Columbia Británica do Canadá, e espallouse cara ao leste.[25]
Ademais da canción, o ticotico de papo branco ten polo menos dúas chamadas.
Ameazas
[editar | editar a fonte]Nun estudo de 2019 baseado en monitorizacións feitas no período 1978–2016, atopouse que o ticotico de papo branco era unha das aves máis susceptibles a choques contra edificios, e mesmo foron cualificados como "superchocadores". Mentres que dalgunhas aves comúns da zona de Chicago, como os Vireo gilvus (dos cales só se atoparon dúas vítimas) ou os Empidonax minimus, só se rexistraron unhas ducias de mortes, no caso dos ticoticos de papo branco atopáronse 10.000 vítimas no mesmo período. Isto podería ser causado pola súa atracción polas luces artificiais e polo uso que estas aves fan de chamadas de voo nocturnas, que orixinan un bucle de retroalimentación positiva polo que estas aves son constantemente atraídas pola luz e o son cara a súa morte.[26][27]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2020). "Zonotrichia albicollis" 2021: e.T22721085A138469176. doi:10.2305/IUCN.UK.2021-3.RLTS.T22721085A138469176.en.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Edwards, George (1760). Gleanings of Natural History, Exhibiting Figures of Quadrupeds, Birds, Insects, Plants &c 2. Londres: Publicado polo autor. p. 198, placa 304.
- ↑ Gmelin, Johann Friedrich (1788). Systema naturae per regna tria naturae : secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín). 1, Part 2 (13ª ed.). Lipsiae [Leipzig]: Georg. Emanuel. Beer. pp. 921–922.
- ↑ 5,0 5,1 Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (xullo de 2023). "New World Sparrows, Bush Tanagers". IOC World Bird List Version 13.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 14 de novembro de 2023.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 414, 38. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Sibley, David A. (2000). National Audubon Society The Sibley Field Guide to Birds. Nova York: Alfred A. Knopf. p. 494. ISBN 0-679-45122-6.
- ↑ Wolfson, Albert (1954). "Body Weight and Fat Deposition in Captive White-Throated Sparrows in Relation to the Mechanics of Migration". The Wilson Bulletin 66 (2): 112–118. JSTOR 4158288.
- ↑ Byers, Clive; Olsson, Urban (1995). Sparrows and Buntings: A Guide to the Sparrows and Buntings of North America and the World. Houghton Mifflin. ISBN 978-0-395-73873-3.
- ↑ GrrlScientist (26 de maio de 2011). "Sparrows show us a new way to have sexes". The Guardian. Consultado o 2015-06-29.
- ↑ Arnold, Carrie (24 de novembro de 2016). "The sparrow with four sexes". Nature 539 (7630): 482–484. PMID 27882995. doi:10.1038/539482a.
- ↑ "Study shows how a single gene drives aggression in wild songbird". phys.org (en inglés). Consultado o 2020-08-30.
- ↑ Tuttle, Elaina (1 de maio de 2003). "Alternative reproductive strategies in the white-throated sparrow: behavioral and genetic evidence". Behavioral Ecology 14 (3): 425–432. doi:10.1093/beheco/14.3.425.
- ↑ Tuttle, Elaina M.; Bergland, Alan O.; Korody, Marisa L.; Brewer, Michael S.; Newhouse, Daniel J.; Minx, Patrick; Stager, Maria; Betuel, Adam; Cheviron, Zachary A.; Warren, Wesley C.; Gonser, Rusty A.; Balakrishnan, Christopher N. (febreiro de 2016). "Divergence and Functional Degradation of a Sex Chromosome-like Supergene". Current Biology 26 (3): 344–350. PMC 4747794. PMID 26804558. doi:10.1016/j.cub.2015.11.069.
- ↑ Campagna, Leonardo (8 de febreiro de 2016). "Supergenes: The Genomic Architecture of a Bird with Four Sexes". Current Biology (en inglés) 26 (3): R105–R107. PMID 26859263. doi:10.1016/j.cub.2015.12.005.
- ↑ Arnold, Carrie (24 de novembro de 2016). "The sparrow with four sexes". Nature (en inglés) 539 (7630): 482–484. ISSN 0028-0836. PMID 27882995. doi:10.1038/539482a.
- ↑ Jenkins, Kendell; Cristol, Daniel (1 de abril de 2002). "Evidence of Differential Migration by Sex in White-Throated Sparrows (Zonotrichia Albicollis)". The Auk 119 (2): 539–543. doi:10.1093/auk/119.2.539.
- ↑ Bock, C. E.; Prickles, R. E. (1983). "Range size and local abundance of some North American songbirds: a positive correlation". The American Naturalist 122 (2): 295–299. JSTOR 2461236. doi:10.1086/284136.
- ↑ Piper, W. H. (1990). "Exposure to predators and access to food in wintering white-throated sparrows Zonotrichia albicollis". Behaviour 112 (3/4): 284–298. JSTOR 4534842. doi:10.1163/156853990x00248.
- ↑ Roth, T. C. II; Lima, S. L. (2007). "The predatory behavior of wintering Accipiter hawks: temporal patterns in activity of predators and prey". Oecologia 152 (1): 169–178. Bibcode:2007Oecol.152..169R. PMID 17216210. doi:10.1007/s00442-006-0638-2.
- ↑ VanCamp, L. F.; Henry, C. J. (1975). "The screech owl: its life history and population ecology in northern Ohio". North American Fauna 71 (75): 1–65. doi:10.3996/nafa.71.0001. hdl:2027/uc1.aa0006758312. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2017.
- ↑ https://abcbirds.org/bird/white-throated-sparrow/. White-throated-Sparrow. American Bird Conservancy
- ↑ https://mdc.mo.gov/discover-nature/field-guide/white-throated-sparrow. Missouri Department of Conservation. White-throated Sparrow.
- ↑ Lemon, Robert (setembro de 1973). "Nervous control of the syrinx in White‐throated sparrows (Zonotrichia albicollis)". Journal of Zoology 171 (1): 131–140. doi:10.1111/j.1469-7998.1973.tb07520.x.
- ↑ Sparrows are singing a new song, in a rapid, unprecedented shift. Wetzel, Corryn.National Geographic, 2 de xullo de 2020. Consultdo o 5 de xullo de 2020.
- ↑ Winger, Benjamin M.; Weeks, Brian C.; Farnsworth, Andrew; Jones, Andrew W.; Hennen, Mary; Willard, David E. (2019-04-10). "Nocturnal flight-calling behaviour predicts vulnerability to artificial light in migratory birds". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences (en inglés) 286 (1900): 20190364. ISSN 0962-8452. PMC 6501673. PMID 30940055. doi:10.1098/rspb.2019.0364.
- ↑ "LIGHTS OUT: A MOVEMENT TO HELP MIGRATING BIRDS: A KidLit Bird Book Review". 10,000 Birds (en inglés). 2024-09-10. Consultado o 2024-09-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ticotico de papo branco |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ticotico de papo branco |
- White-throated sparrow Arquivado 13 de maio de 2016 en Wayback Machine. – Smithsonian Migratory Bird Center
- White-throated sparrow species account – Cornell Lab of Ornithology
- White-throated sparrow – Zonotrichia albicollis – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- Vídeos, fotos, e sons de White-throated sparrow na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de White-throated sparrow en VIREO (Universidade de Drexel)