The Waylanders

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Waylanders
Desenvolvedor(es)Gato Studio
Director(es)Sergio Prieto[1]
Produtor(es)Fernando Prieto
Compositor(es)Inon Zur
Lanzamento"Early Access" de Steam: 16 de xuño de 2020[2][3] "Completo": 2 de febreiro de 2022[4][5]
XéneroRol e fantasía
Modos de xogoUn xogador
Plataforma(s)Microsoft Windows
Na rede
http://thewaylanders.com/
editar datos en Wikidata ]

The Waylanders é un videoxogo de rol desenvolvido pola empresa coruñesa Gato Studio e estreado para Microsoft Windows en 2020. Baseado nas lendas galegas e na mitoloxía celta, a acción do xogo está ambientada en dous momentos temporais: o período celta e a Idade Media, nos inicios do Camiño de Santiago, sendo posible que o personaxe principal viaxe no tempo entre os dous períodos.[6] O xogador poderá tomar o rol dun guerreiro, un gardián, un pícaro, un explorador, un feiticeiro ou un sanador, podendo escoller entre catro formas ou razas, humano, moure, semi-fomore e licántropo.[7] Ademais de escoller a clase e a raza do personaxe, os xogadores poden marcar a súa orixe, elixindo entre: soldado celta, druída celta, exipcio, diplomático moure, protector moure, mercenario sabuxo de Ares, lobo alfa e escravo.[7] Ó longo do xogo, o xogador encontrará varios compañeiros, que terán un papel importante no argumento e no modo de xogo.

O xogo está inspirado en Baldur's Gate e Dragon Age: Origins,[8][9] e estará dispoñible en varias linguas, entre elas o inglés, o galego[10][11] o castelán, o alemán,[12] o ruso, o francés e o chinés simplificado.[13]

O xogo estreouse en "acceso anticipado" de Steam o 16 de xuño de 2020,[2][9] e foi lanzado definitivamente o 2 de febreiro de 2022.[4][5]

Modo de xogo[editar | editar a fonte]

The Waylanders é un xogo de rol con dúas perspectivas de cámara diferentes, en terceira persoa e isométrica.[12] É un xogo de combate en tempo real con opción de pausa táctica.[8] O modo de batalla conta con 12 formacións de combate distintas.[8]

Sinopse[editar | editar a fonte]

O título do xogo provén do Camiño de Santiago, unha ruta de peregrinación na que os xogadores son os protectores do espírito do Camiño e das lendas.[8] A historia e o seu desenvolvemento dependerá da raza e a clase de personaxe escollidas polo xogador. O personaxe principal deberá completar unha serie de misións en dúas liñas temporais diferentes, a época celta e a Idade Media, e só o personaxe principal poderá viaxar dunha época a outra a través da reencarnación.[14] Para conseguir completar as misións contará coa axuda de compañeiros, e as accións e eleccións realizadas nun dos períodos afectarán á historia e ós compañeiros no outro período. Os compañeiros poden ser persoas completamente diferentes, aínda que dende o momento en que o xogador os esperte, lembrarán o que fixeron no período celta. Deste xeito, podería ser un guerreiro importante no período celta, e unha ama de chaves na Idade Media.[10]

Ambientación[editar | editar a fonte]

Torre de Hércules, lugar de inspiración dun escenario do xogo.

O xogo está ambientado nunha Galicia mítica e lendaria en dúas épocas diferentes (Kaltia na era celta e Gallaecia na Idade Media), e segundo Juan Nieto de Gato Studio está inspirado en localizacións reais como Santiago de Compostela, O Ézaro, As Médulas ou a Torre de Hércules (coñecida no xogo como Torre de Brigantia).[15]

Kaltia (nome que se corresponde cunha inscrición que contén a máis antiga cita a Galicia)[16][17] é un reino celta, outrora pacífico, dividido en varias faccións que loitan polo trono e está poboado por criaturas e personaxes fantásticos, con diversas relixións, culturas, razas humanas mortais e inmortais, lobishomes, druídas e monstros.[15] A capital de Kaltia é Brigantia[12] (inspirada en Brigantium, nome romano de orixe celta para A Coruña),[18] unha cidade costeira e densamente poboada gobernada polo rei Ith.

Gallaecia (nome da antiga provincia romana) é un reino medieval cuxa costa está pragada de incursores bárbaros, e onde se atopa a gran catedral de Santiago de Compostela,[19] destino de peregrinos de todo o mundo. A construción da catedral marcou o fin da era da maxia e o comezo dunha nova era onde o cristianismo substituíu a historia celta.[8][12]

Personaxes[editar | editar a fonte]

O principal protagonista de The Waylanders é o personaxe controlado polo xogador, cuxa biografía e especialización de combate están determinados pola raza e clase escollidas ó comezo do xogo. O xogador encarna a un aventureiro que, logo dun encontro cos deuses adquire a capacidade de viaxar a través do tempo.[15] Moitos dos personaxes non xogables do xogo (NPCs) son personaxes compañeiros, que aparecen ó longo da historia. Os compañeiros inclúen a Amergin, o druída da corte do rei Ith; Berath, un profesor moure inmortal que ataca cun arco, gran coñecedor da construción, a cociña e as plantas; Delba, unha fomore que quere qua a súa especie e os humanos cheguen a convivir en paz; Heraklios, un mercenario grego que quere convertese nun heroe que mereza ser coñecido como tal; Khaldun, unha nigromante criada e educada nas mellores academias de Exipto; Mal, unha asasina sen un ollo que é quen de ver o xeito en que morreron persoas ou monstros se se lle coloca calquera ollo na cunca; Rea, unha muller loba cunha grande intelixencia pero que non é quen de falar; Brigg, que non se identifica con ningún xénero e participou en moitas batallas e Trasté, un trasno ó que lle gustan as bromas e a música.[9]

Vídeos externos
"The Waylanders - Cinematic teaser". YouTube (en inglés). Gato Studio. 
"The Waylanders - Official Official Gameplay Trailer". YouTube (en inglés). IGN. 

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Segundo o director do videoxogo, Sergio Prieto, a idea inicial da creación de The Waylanders xurdiu no ano 2011, cadrando co lanzamento de The Elder Scrolls V: Skyrim. Mentres Prieto e outros compañeiros de Gato Studio estaban a dar unha volta preto das Fragas do Eume comentouse o moito que lles gustaría un xogo RPG ambientado nas paisaxes galegas.[10] A produción de The Waylanders por parte de Gato Studio comezou oficialmente en setembro de 2017.[20] O primeiro vídeo promocional da fase pre-Alpha estreouse un ano máis tarde, en setembro de 2018.[21] O mes seguinte, Gato Studio lanzou cunha campaña de micromecenado a través da plataforma Kickstarter, cuxo obxectivo era mellorar o xogo dende o punto de vista narrativo, engadindo máis personaxes, localizacións e elementos, sen adiar a data de lanzamento. A campaña de Kickstarter comezou o 16 de outubro de 2018 e rematou logo de 31 días, o 16 de novembro, recadando 168 999 dólares,[12] e completando con éxito os seus obxectivos iniciais.[22] O tráiler cinemático foi estreado o 23 de agosto de 2019.[22] Despois do crecemento do proxecto dende a súa fase inicial o equipo de produción medrou de 8 a 40 persoas.[6]

Para mellorar a animación e os movementos de loita empregáronse técnicas de captura de movemento co mestre de armas Ton Puey.[23]

A historia conta co asesoramento de Mike Ladlaw,[8] como guionista asociado e consultor creativo,[20] e a participación de Josué Monchán, Chris Avellone e Emily Grace Buck.[24][9] Malia que a fase de desenvolvemento do xogo coincidiu coa pandemia de COVID-19, os traballos de produción non se detiveron e o equipo de Gato Studio continuou traballando dende os seus fogares.[15]

The Waylanders conta cun Creador de Personaxes, un conxunto de ferramentas que permiten unha ampla personalización e modificación do personaxe do xogador.[25] Outra característica do xogo é que a clase explorador pode escoller entre doce clases de animais mascotas: un can, un lobo, un xabaril, un cervo, un coello, un oso, un corvo, unha pega, unha pantera, unha araña, un dragón e un dragón sen ás.[26] Malia que as outras clases de personaxes non contarán con mascotas permanentes, estas poderán ser invocadas como compañeiros temporais para realizar certas accións.[27]

Son[editar | editar a fonte]

Inon Zur, compositor do tema principal do videoxogo.

O autor da música do tema principal é Inon Zur, autor de temas para sagas como Prince of Persia, Dragon Age: Origins ou Fallout.[28][29]

The Waylanders conta cun gran número de actores de voz na súa versión de dobraxe inglesa, incluíndo a Ralph Ineson (no papel de Ith de Kaltia), Amber Rose Revah (no papel de Nazhedja), Ash Sroka (no papel de Tiana), Simon Templeman (no papel de Amergin), Rosalind Eleazar (no papel de Khaldun), Colin Salmon (como Berath), Lisa Jacobs (no papel de Delba), Sara Kestelman (no papel de como Brigg) e Fred Tatasciore (no papel de Heraklios).[30][31]

Xogo de mesa[editar | editar a fonte]

The Waylanders: The Board Game é un xogo de mesa lanzado no ano 2018 e deseñado por Jaime González García[32] a partir dunha idea orixinal de Fernando Prieto, Sergio Prieto e Javier Vara, que está baseado no mesmo mundo que o do videoxogo. É un xogo para dous a catro xogadores publicado por Eclipse Editorial e Gato Studio.[33] O xogo está dispoñible en inglés e castelán e foi financiado cunha campaña de micromecenado a través da plataforma Kickstarter, a cal comezou o 12 de setembro de 2018 e rematou o 4 de outubro. Durante os 22 días que estivo activa a campaña de recadación, o proxecto conseguiu 77 240 dólares, superando o obxectivo inicial de 59 000 dólares.[34]

Críticas e controversias[editar | editar a fonte]

Recepción
Puntuacións agregadas
AgregadorPuntuación
MetacriticPC: 53/100[35]
Puntuacións
PublicaciónPuntuación
Vandal7/10[36]
MeriStation4,5/10[37]

A páxina web especializada PCgamer calificou o lanzamento de prematuro[38] facendo referencia a diferentes valoracións e críticas en Steam nas que se reportan problemas de funcionamento e caídas do xogo. Por outra parte, dende a data de lanzamento os rexistros de uso amosan unha media de menos de 10 xogadores diarios na plataforma Steam.[39]

Dende a data da súa publicación no 2 de febreiro de 2022, The Waylanders recibiu maioritariamente críticas "mediocres" ou "negativas" por parte de medios especializados, de acordo co portal agregador de críticas Metacritic que amosa unha valoración do xogo cunha media de 53%.[40] A publicación norteamericana Rock, Paper, Shotgun definiu The Waylanders "tan encantador como chapuceiro" agardando que unha futura publicación de "parches poidan eliminar tódolos bugs que interrompen o normal desenvolvemento do xogo".[41]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bishop, Sam (9 de setembro de 2019). gamereactor.eu, ed. "The Waylanders hopes to be unique with its combat system" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  2. 2,0 2,1 "RPG The Waylanders comes to Steam Early Access on June 16" (en inglés). 10 de xuño de 2020. Consultado o 13 de xuño de 2020. 
  3. Praza Pública, ed. (23 de agosto de 2018). "O videoxogo galego 'The Waylanders', protagonista na principal revista anglosaxoa do sector". Consultado o 27 de agosto de 2018. 
  4. 4,0 4,1 "O videoxogo de mitoloxía celta 'The Waylanders' convértese na maior aposta galega da historia no sector". Praza Pública. 2022-02-03. Consultado o 2022-02-04. 
  5. 5,0 5,1 Pereiro, Carlos (3 de febreiro de 2022). "The Waylanders xa está a venda en Steam e GOG". Revista Morcego. Consultado o 21 de abril de 2023. 
  6. 6,0 6,1 Roberts, Samuel (20 de agosto de 2018). "First look at The Waylanders, a time travel RPG inspired by Dragon Age: Origins" (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2018. 
  7. 7,0 7,1 "The Waylanders, el juego de rol fantástico gallego, muestra su editor de personajes". Vandal (en castelán). 13 de maio de 2020. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Roberts, Samuel (20 de agosto de 2018). "First look at The Waylanders, a time travel RPG inspired by Dragon Age: Origins". pcgamer.com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "The Waylanders, el rol español inspirado por Baldur's Gate, llega al Early Access en 2020". vandal (en castelán). 1 de abril de 2020. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Vilariño, Mario (6 de maio de 2020). "Sergio Prieto: “Nunca unha medida do goberno fixo tanto polo galego como Son Goku”". Balea Cultural. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  11. La Voz de Galicia, ed. (14 de marzo de 2018). "El videojuego «The Waylanders» llevará Galicia a 162 países". Consultado o 27 de agosto de 2018. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "The Waylanders RPG en Kickstarter". kickstarter.com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  13. "Prensa de The Waylanders". thewaylanders.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  14. Roberts, Samuel (23 de outubro de 2018). pcgamer.com, ed. "Dragon Age-ish RPG The Waylanders has hit Kickstarter" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 "The Waylanders, el juego donde Galicia se convierte en un mundo de fantasía". Vandal (en castelán). 24 de abril de 2020. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  16. "La tumba del primer nerio". adiantegalicia.es (en castelán). 11 de xullo de 2015. Consultado o 4 de xuño de 2020. 
  17. Pena Graña, André. "A cultura castrexa inexistente. Constitução política celta das galaicas trebas e toudos. Etno-arqueología institucional" (PDF). Revista eumesa de estudios: 5. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de xullo de 2021. Consultado o 07 de xuño de 2020. 
  18. Nieto Ballester, Emilio (1997). Breve diccionario de topónimos españoles. Alianza Editorial. ISBN 9788420694870. 
  19. "Así é ‘The Waylanders’, o videoxogo inspirado na Galicia celta". Balea Cultural. 26 de abril de 2020. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  20. 20,0 20,1 "Gato Studio inicia su campaña de Kickstarter para The Waylanders". Vandal (en castelán). 10 de outubro de 2018. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  21. "The Waylanders Pre-Alpha Gameplay Sneak Peek Trailer". YouTube. 5 de setembro de 2018. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  22. 22,0 22,1 Morton, Lauren (23 de agosto de 2019). "Celtic RPG The Waylanders shows off cinematic trailer and gameplay". pcgamer-com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  23. "The Waylanders - Motion capture with Swordmaster Ton Puey". YouTube. 16 de outubro de 2018. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  24. "The Walking Dead: The Final Season designer joins Waylanders development team". pcgamer.com (en inglés). 7 de novembro de 2018. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  25. Chalk, Andy (maio de 2020). pcgamer.com, ed. "The Waylanders trailer showcases narrative interludes and your magic sailing ship". Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  26. Wilde, Tyler (3 de xuño de 2020). "RPG The Waylanders features many pets, and they are cute" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  27. Khalid, Umair (5 de xuño de 2020). "The Waylanders Comes with a Large Choice of Pets". gameshedge.com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  28. "The Waylanders Main Theme by Inon Zur". Youtube. Consultado o 16 de novembro de 2019. 
  29. "About". Inon Zur. Consultado o 16 de novembro de 2019. 
  30. "The Waylanders desvela os actores de voz para a súa historia". Balea Cultural. 1 de maio de 2020. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  31. "The Waylanders presenta a los actores de doblaje que darán vida a su Galicia particular". Vandal (en castelán). 1 de maio de 2020. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  32. boardgamegeek.com (ed.). "The Waylanders (2018)". Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  33. "The Waylanders: The BoardGame". thewaylanders.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  34. "The Waylanders, the board game". kickstarter.com. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  35. "The Waylanders for PC Reviews". Metacritic. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  36. Varela, Ramón (11 de agosto de 2022). "Análisis The Waylanders, un RPG clásico desarrollado en España (PC)". Vandal (en castelán) (publicado o 3 de febreiro de 2022). Consultado o 21 de abril de 2023. 
  37. Vázquez, Rubén (13 de marzo de 2022). "The Waylanders, análisis. Los celtas se quedaron cortos". MeriStation (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2023. 
  38. "The Waylanders could be the next Dragon Age, but it’s off to a rough start" (en inglés). pcgamer.com. Consultado o 19 de xuño de 2020. 
  39. "The Waylanders". steamdb.info (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2018. Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  40. "The Waylanders for PC Reviews". Metacritic (en inglés). Metacritic. Consultado o 27 de maio de 2022. 
  41. Costello, Jay (1 de febreiro de 2022). "The Waylanders review: a classic RPG that's as endearing as it is janky". Rock, Paper, Shotgun. Consultado o 18 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]