The Nation of Ulysses foi unha banda estadounidense de punk rock de Washington, D.C. formada como un cuarteto na primavera de 1988. Orixinalmente era coñecida só como "Ulysses" e a súa primeira encarnación estaba composta por Ian Svenonius nas voces e na trompeta, Steve Kroner na guitarra, Steve Gamboa no baixo, e James Canty na batería. Tim Green uniuse ao grupo a finais de 1989 como guitarrista e o grupo converteuse en The Nation of Ulysses. A banda separouse no outono de 1992, sen ser capaz de completar o seu terceiro álbum. Tras a disolución, Svenonius, Canty, e Gamboa formarían a banda de curta vida Cupid Car Club e The Make-Up. Tim Green axudaría a crear The Fucking Champs, un trío principalmente instrumental de San Francisco, e despois Concentrick, un proxecto en solitario centrado na música ambient.
The Nation of Ulysses foi coñecida pola súa política de extrema esquerda, as súas presentacións ao vivo extremadamente físicas, e a súa visión única da cultura e a moda punk. A banda publicou tres álbums de estudio e dous EPs a través do selo Dischord Records,[1] e apareceu en varios álbums recompilatorios de distintos selos discográficos.[2]