Thalasseus acuflavidus
| Thalasseus acuflavidus | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
En plumaxe reprodutora, Belize | |||||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Sinonimia | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
O Thalasseus acuflavidus é unha especie de carrán da subfamilia Sterninae da familia Laridae (gaivotas, carráns e bicos de tesoira).[1] Atópase no leste dos Estados Unidos, México, Centroamérica, o Caribe, Trinidad e Tobago e en todos os países de Suramérica agás Bolivia e Paraguai.[1][2]
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]
Esta especie estivo durante longo tempo dentro do xénero Sterna, pero desde os inicios da década de 2000 foi situado no seu actual xénero Thalasseus.[3] A súa taxonomía como especie non está de todo establecida. O Comité Ornotolóxico Internacional (IOC) segue en parte a Efe et al.[4] e trátao como unha especie con dúas subespecies: a nomeada T. a. acuflavidus (Cabot, S, 1847) e T. a. eurygnathus (Saunders, 1876).[1] A Sociedade Ornitolóxica Americana e a taxonomía de Clements non aceptan Efe et al. e tratan estes dous taxons como subespecies do carrán cristado (T. sandvicensis).[5][6][7] O Handbook of the Birds of the World (HBW) de BirdLife International seguen unha conclusión diferente sobre Efe et al. que a do IOC, incluíndo eurygnathus en acuflavidus, pero trata o taxon fusionado como unha das dúas subespecies do carrán cristado.[8] Porén, un posterior estudo de 2017 confirmou os resultados de Efe et al (así como propuxo ademais que se separase o carrán real africano do carrán real americano),[9] como tamén fixo outro estudo de 2022, que confirmou as mencionadas divisións de Thalasseus.[10]

Algúns autores tratan a subespecie T. a. eurygnathus como unha especie separada, pero isto non é xeralmente aceptado.[6]
O nome do xénero Thalasseus é en grego antigo 'pescador', derivado de thalassa, 'mar'. O epíteto específico acuflavidus vén do latín acus, 'agulla', e flavidus, 'amarelado'.[11]
Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie é un membro do grupo dos carráns con crista. Ten unha lonxitude de 34 a 45 cm cunha envergadura alar de aproximadamente 1,0 m. A subespecie nomeada T. a. acuflavidus pesa de 175 a 202 g. A poboación do Caribe de T. a. eurygnathus pesa de 170 a 210 g e a poboación de máis ao sur, de 250 a 300 g. Os sexos teñen a mesma plumaxe e hai pouca diferenza en plumaxe entre as subespecies. Os adultos en plumaxe reprodutora teñen un píleo negro e un corpo principalmente branco cun dorso gris claro e ás veces un ton rosa na parte ventral. A cola é forcada e branca. O lado superior das ás é principalmente gris claro con rémixes primarias máis escuras. As patas e pés son totalmente negros ou negros con solas amarelas e o iris é de marrón escuro a negro. Os adultos non reprodutores teñen unha fronte branca e coroa media; a súa crista é negra. As subespecies diferéncianse principalmente na cor do bico: o da nomeada é negro con punta amarela en extensión algo variable; o de T. a. eurygnathus é maiormente ou totalmente amarelo.[12]
Esta especie é moi similar ao carrán cristado, e ambos os dous teñen bico negro con punta amarela, pero difire en que o bico é claramente máis robusto, e tamén se diferencia no momento da muda, perdendo a súa fronte negra a principios do verán. Os seus inmaturos tamén carecen do debuxo "escamoso" dos carráns cristados inmaturos, que son dun gris máis puro (aínda que poden confundirse coa plumaxe do primeiro inverno do carrán cristado).[13]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]A subespecie nomeda de T. acuflavidus reprodúcese nas costas dos Estados Unidos desde a baía de Chesapeake cara ao sur e arredor do Golfo de México ata Belize, e nas Bahamas, as Grandes Antillas e outras illas do Caribe. Pasa o inverno no sur da Florida e en todo o Golfo e costas do Caribe, as Antillas e en América do Sur comunmente en Colombia, Ecuador e o Perú, aínda que poucos exemplares chegan máis ao sur ata Chile ou polo leste ao norte do Brasil. A subespecie T. a. eurygnathus é principalmente un residente durante todo o ano desde a costa norte de América do Sur e as illas próximas cara ao sur ao longo da costa do Brasil ata o norte da Arxentina; unhas poucas reprodúcense tan ao norte como Puerto Rico.[12]
T. acuflavidus é unha especie totalmente costeira e prefire as augas cálidas. Durante a estación reprodutora habita en illas barreiras, illas de material de dragado, e nos caios de coral ou de area de baixa altura do Caribe. Xeralmente usa o chan espido para facer o niño , pero pode facelo en vexetación baixa ou matogueiras de Sporobolus virginianus. Pasa a invernada en praias areosas e barras de area, illas barreira e arrecifes ao longo das costas e tamén ao longo do Canal de Panamá e río arriba a curta distancia da desembocadura no mar.[12]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Migración
[editar | editar a fonte]É unha ave parcialmente migratoria, retirándose da parte máis ao norte da súa área de reprodución para invernar. As súas rutas migratorias non se coñecen con detalle pero crese que segue a costa. A migración outonal é prolongada no tempo, pero a de primavera é máis rápida. As aves que pasan o inverno na costa do Pacífico de América do Sur cruzan desde o Caribe aparentemente no istmo de Panamá. Unhas poucas bandadas de individuos da subespecie T. a. acuflavidus chegaron vagantes aos Países Baixos e o Reino Unido.[12]
Alimentación
[editar | editar a fonte]É un potente voador e aliméntase case exclusivamente mergullándose desde uns 7 m de altura. Ás veces mergúllase completamente na auga. A miúdo busca alimento en pequenas bandadas e xeralmente a uns 2 km da costa, aínda que aparentemente voa máis lonxe nas costas de Texas. A súa dieta consta principalmente de peixe, especialmente de membros das familias Ammodytidae, Atherinopsidae, Clupeidae, Engraulidae e Sciaenidae. Come cantidades menores de luras, camaróns e insectos.[12]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Fan o cortexo e forman parellas durante a migración de primavera antes de chegaren aos seus sitios de nidificación. Os machos fan voos de exhibición ou posturas no chan. A especie nidifica en áreas con escasa ou ningunha vexetación. O niño é unha escavación simple feita por ambos os sexos; pode engadirlle cachos de cunchas ou algas. O tamaño típico da posta é dun ovo aínda que non son raros dous. O período de incubación é duns 24 días no norte e como media duns 29 días no sur distante. Ambos os sexos incuban, e aparentemente comparten o traballo equitativamente despois dos primeiros días. Os polos son semiprecoces e poden termorregularse uns cinco días despois de faceren eclosión. Dependen dos pais para a comida; ambos os pais proporciónana ata emplumar e despois diso adoita facelo a femia soa. A defensa do niño fana ambos tamén. Empluman uns 27 a 29 días despois da eclosión.[12]
Vocalizacións
[editar | editar a fonte]En 2024 xeno-canto tiña 53 gravacións desta especie de América,[14] e outras tres de exemplares que se supón eran desta especie mal clasificadas entre os moitos carráns cristados.[15] A Biblioteca Maculay do Cornell Lab of Ornithology ten gravacións adicionais. A principal chamada da especie foi descrita como kerr-ick, kjerr-it, keerik e kreejik.[12][16][17] Ten outras diversas chamadas tamén.[12]
Status
[editar | editar a fonte]A IUCN segue a taxonomía HBW e por iso non avaliou esta especie separadamente do carrán cristado sensu lato. As molestias ás colonias nidificantes realizados polo ser humano parecen ser a maior ameaza para a especie no seu conxunto.[18]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Parella en Fort de Soto, Florida
-
Pescando preto de Baía de Tampa, Florida
-
En voo, Sanibel, Florida
-
Ao sur de Puerto Quetzal, Guatemala
-
Imaxe da Crossley ID Guide Eastern Birds
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Gill, F.; Donsker, D.; Rasmussen, P., eds. (xaneiro de 2023). "Noddies, skimmers, gulls, terns, skuas, auks". IOC World Bird List. v 13.1. Consultado o 16 de febreiro de 2023.
- ↑ Remsen, J. V., Jr., J. I. Areta, E. Bonaccorso, S. Claramunt, A. Jaramillo, D. F. Lane, J. F. Pacheco, M. B. Robbins, F. G. Stiles, and K. J. Zimmer. 30 de xaneiro de 2023. Species Lists of Birds for South American Countries and Territories. https://www.museum.lsu.edu/~Remsen/SACCCountryLists.htm consultwdo o 30 de xaneiro de 2023
- ↑ Bridge, Eli S.; Jones, Andrew W.; Baker, Allan J. (2005). "A phylogenetic framework for the terns (Sternini) inferred from mtDNA sequences: implications for taxonomy and plumage evolution". Molecular Phylogenetics and Evolution 35 (2): 459–469. PMID 15804415. doi:10.1016/j.ympev.2004.12.010.
- ↑ Efe, M.A.; Tavares, E.S.; Baker, A.J.; Bonatto, S.L. (2009). "Multigene phylogeny and DNA barcoding indicate that the Sandwich Tern complex (Thalasseus sandvicensis, Laridae, Sternini) comprises two species". Molecular Phylogenetics and Evolution 52 (1): 263–267. PMID 19348954. doi:10.1016/j.ympev.2009.03.030.
- ↑ Chesser, R. T., S. M. Billerman, K. J. Burns, C. Cicero, J. L. Dunn, B. E. Hernández-Baños, R. A. Jiménez, A. W. Kratter, N. A. Mason, P. C. Rasmussen, J. V. Remsen, Jr., D. F. Stotz, and K. Winker. 2022. Check-list of North American Birds (online). American Ornithological Society. https://checklist.aou.org/taxa Arquivado 2020-02-20 en Wayback Machine.
- ↑ 6,0 6,1 Remsen, J. V., Jr., J. I. Areta, E. Bonaccorso, S. Claramunt, A. Jaramillo, D. F. Lane, J. F. Pacheco, M. B. Robbins, F. G. Stiles, and K. J. Zimmer. Version do 30 de xaneiro de 2023. A classification of the bird species of South America. American Ornithological Society. https://www.museum.lsu.edu/~Remsen/SACCBaseline.htm consultado o 30 de xaneiro de 2023
- ↑ Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, T. A. Fredericks, J. A. Gerbracht, D. Lepage, S. M. Billerman, B. L. Sullivan, and C. L. Wood. 2022. The eBird/Clements checklist of birds of the world: v2022. Descargado de https://www.birds.cornell.edu/clementschecklist/download/ consultadoo 10 de novembro de 2022
- ↑ HBW and BirdLife International (2022) Handbook of the Birds of the World and BirdLife International digital checklist of the birds of the world. Version 7. Available at: http://datazone.birdlife.org/userfiles/file/Species/Taxonomy/HBW-BirdLife_Checklist_v7_Dec22.zip consultado o 13 de decembro de 2022
- ↑ Collinson, J.M.; Dufour, P.; Hamza, A.A.; Lawrie, Y.; Elliott, M.; Barlow, C.; Crochet, P.-A. (2017). "When morphology is not reflected by molecular phylogeny: the case of three 'orange-billed terns' Thalasseus maximus, Thalasseus bergii and Thalasseus bengalensis (Charadriiformes: Laridae)". Biological Journal of the Linnean Society 121 (2): 439–445. doi:10.1093/biolinnean/blw049. hdl:2164/10159.
- ↑ Černý, David; Natale, Rossy (2022). "Comprehensive taxon sampling and vetted fossils help clarify the time tree of shorebirds (Aves, Charadriiformes)" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 177: 107620. doi:10.1016/j.ympev.2022.107620. Consultado o 2024-12-22.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 31, 383. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Shealer, D., J. S. Liechty, A. R. Pierce, P. Pyle, and M. A. Patten (2020). Sandwich Tern (Thalasseus sandvicensis), version 1.0. In Birds of the World (S. M. Billerman, Editor). Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, NY, USA. https://doi.org/10.2173/bow.santer1.01 consultado o 16 de febreiro de 2023
- ↑ Garner, Martin; Lewington, Ian; Crook, Jason (2007). "Identification of American Sandwich Tern" (PDF). Dutch Birding 29: 273–287. Archived from the original on 23 de outubro de 2014. Consultado o 01 de xaneiro de 2025.
- ↑ Xeno-canto: Cabot's Tern Thalasseus acuflavidus
- ↑ Xeno-canto: Sandwich Tern Thalasseus sandvicensis
- ↑ Sibley, David Allen (2003). Field Guide to the Birds of Eastern North America (en inglés). Nova York: Chanticleer Press. pp. 193. ISBN 0-679-45120-X.
- ↑ van Perlo, Ber (2009). A Field Guide to the Birds of Brazil. Nova York: Oxford University Press. pp. 110. ISBN 978-0-19-530155-7.
- ↑ BirdLife International (2019). "Sandwich Tern Thalasseus sandvicensis" 2019: e.T22694591A154517364. doi:10.2305/IUCN.UK.2019-3.RLTS.T22694591A154517364.en.