Tetrao urogallus cantabricus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Tetrao urogallus cantabricus
Pita do monte do Cantábrico, pita do monte cantábrica
Macho, cantando na época de celo
Macho, cantando na época de celo
Estado de conservación
Crítico
Crítico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Galloanserae
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Tetraoninae
Xénero: Tetrao
Especie: Tetrao urogallus
Subespecie: Tetrao urogallus cantabricus
Castroviejo, 1967
Área de distribución de T. u. cantabricus

Área de distribución de T. u. cantabricus

A pita do monte do Cantábrico ou pita do monte cantábrica, Tetrao urogallus cantabricus, é unha subespecie de Tetrao urogallus, ave da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos, subfamilia dos tetraoninos.

É un endemismo da cordilleira Cantábrica. Actualmente as súas poboacións están restrinxidas ás zonas montañosas de Asturias, algunhas zonas do norte de Castela e León (especialmente na provincia de León) e a áreas de montaña do occidente de Cantabria. En Galicia, até o ano 1940 encontrábase nos Ancares, nas serras de San Mamede e do Invernadeiro e Pena Trevinca,[1] pero deuse por extinguida a poboación dos Ancares, a poboación máis occidental da especie,[2] e a última zona na que superviviu, xa que os últimos cantadeiros ocupados observáronse en 2005.[3][4], pero aínda se atopa esporadicamente debido ao movemento de exemplares de poboacións limítrofes.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

A subespecie foi definida en 1967 polo biólogo galego Javier Castroviejo Bolívar,[5][6] e diferénciase das outras subespecies por diversos caracteres morfolóxicos, como unha coloración máis clara e o pico máis débil, e ecolóxicos, como a alimentación baseada na vexetación propia da zona onde vive.[7]

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dunha ave forestal de hábitos terrestres, inconfundíbel pola súa corpulencia e o seu marcado dimorfismo sexual. Os s adultos miden de 62 a 90 cm de lonxitude (as femias son algo menores),[8][9] aínda que algún autores afirman que os machos miden de 80 a 115 cm, e teñen un peso de 3,9 a 4,3 kg, sendo as femias moito máis pequenas, e pesan de 1,7 a 2,0 kg.[10] O macho ten a plumaxe de cor negra cincenta, con reflexos verdosos ou azulados no peito, ás acastañadas e cola negra cunha lista branca no centro (visíbel durante o cortexo nupcial, cando a abre en abano), ventre negro con manchas brancas e, na cabeza, unha cella vermella e barbas negras debaixo do pico, que é de cor branca marfil. A femia ten as partes superiores de cor castaña clara, densamente apencadas, a cola e o peito de cor arrubiada, e as partes inferiores abrancazadas con moitas pencas de cor crema e parda. Os inmaturos, no primeiro ano de vida, son semellantes ás femias; despois, son iguais aos adultos do respectivo sexo.[8][9]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Tetrao urogallus é unha especie ligada á taiga boreal de coníferas de toda Eurasia, onde aínda é abundante, e que presenta con pequenos enclaves nas montañas de zonas temperadas como a cornixa Cantábrica, os Pireneos, os Alpes e o Xura. Nestas zonas temperadas considérase unha reliquia da era glaciar, pois tras a última (a glaciación de Würm) as súas poboacións fóronse desprazando cara ás rexións máis frías de Europa e á alta montaña.

Na península Ibérica mantéñense apenas dúas subespecies singulares, unha, a aquí tratada, na cordilleira Cantábrica (a outra, T. u. aquitanicus, nos Pireneos). Ocupa unha área de 1 700 km2, a alturas que van dos 800 aos 1 800 m, e está separada da subespecie veciña por unha distancia de más de 300 km.[11]

Menos de 1 500 exemplares sobreviven en España, onde experimentou un dos máis acusados declives de entre todas as aves ibéricas, sobre todo na área cantábrica, onde se considera que a poboación está no limiar dun proceso regresivo que podería abocarla en poucos anos á extinción.[9]

Poboación[editar | editar a fonte]

Nos últimos censos realizados rexístranse 293 machos en Asturias, 243 en León, 23 en Cantabria, 22 en Lugo e 3 en Palencia[Cómpre referencia]. Divesos autores estudaron o descenso da súa densidade de poboación na segunda metade do século XX. O status da subespecie pasou de considerarse vulnerábel a en estado crítico, especialmente nos extremos da súa área de distribución.[7][12][13]

A subespecie cantábrica está sufrindo un progresivo declive, e é a única seriamente ameazada. O "Catálogo Español de Especies Ameazadas" redactado en cumprimento do Real Decreto 139/2001, de 4 de febreiro, inclúe á pita do monte do Canatábrico entre as especies "en perigo de extinción".[6][14]

O primeiro censo completo realizouse en 2019 e revelou que quedan cando menos 292 exemplares, un 80% en León e o 20% en Asturias [15].

Bioloxia[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

A pita do monte cantábrica é unha ave típica das fragas caducifolias, formadas en Galicia por bidueiros, capudres, carballose acivros.[1] A súa dieta componse da vexetación propia desde medio (Sphangum, Gallium, Luzulla, Blechnium, Pteridium aquilinum) e outros, ademais de amoras, landras, follas e bagas de acivro,[7] e de arando, aasí como froitos de bidueiro, de capudre e de framboeseiro, segundo as estacións.[16] Iglesias, en 1952, mencionaba tamén Polypodium.[17] En Galicia, de modo especial, o arandoe o acibro son esenciasis para a súa supervivencia.[1]

Costumes[editar | editar a fonte]

É moi coñecida a conduta do macho nos cantadeiros, na época de celo, entre os 1 300 e os 1 400 msnm.[1] Segundo José María Castroviejo,

...parece que en esta época llega a cometer incereibles locuras. Wildungen nos habla de un tetrao que se precipitó de repente sobre unos leñadores que estaban aserrrando madera y empezó a golperales con las alas y a picarles de tal modo, que con dificultad lograron ahuyentarle. Otro, según el mismo narrador, bajó al camo, parándose delante de los caballos de un aldeano a los que asustó, y un tercero acometía a todo el que se cercaba a su residencia, atreviéndose también con los caballos de un guardabosque.

Lo cierto es que, encarcelado siervo del amor, comete la divina locura de cantar en la primavera, haciendo desiare al mundo, hasta que el arma alcahueta lo tira muerto como un montón de hojas. Quebrado por siempre ya el último canto
.[18]

Reprodución[editar | editar a fonte]

A época de celo é na primavera.[18] Constrúe os niños no solo. Seguno Iglesias, a niñada está composta de 6 a 10, ás veces até 14 ovos, mentres que outros autores sinalan que é de 6 a 8 ovos, dos que saen de 3 a 4 pitos.[1]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Numerosos factores limitantes inflúen na dinámica poboacional da pita de monte cantábrica en toda a súa área de distribución, incluídas a degradación, perda e fragmentación do seu hábitat.[19] A estrutura do bosque xoga un papel importante na determinación da aptitude e ocupación do hábitat. Quevedo el al. encontraron que a estrutura de bosque aberto con arbustos de arando ben distribuídos era o tipo de hábitat preferido da pita de monte cantábrica.[11] O uso dos recursos forestais para a produción de madeira causou, e continúa causando, cambios significativos na estrutura do bosque, tales como a composición das especies, a densidade e altura das árbores, o tamaño da zona forestal e a vexetación do sotobosque.[20]

A área de dispesión histórica ocupada por esta subespecie, de 3 500 km2 diminuíu máis do 50 %. A área de ocupación actual está moi fragmentada, e cunha cobertura de hábitats de bosque baixo (22 % da paisaxe) e a maior parte do hábitat adecuado permanece en zonas pequenas, de menos de 10 ha. Os lugares de hábitat de boa calidade son escasos e descontinuos, particularmente nas partes centrais da área de dispersión, e as leiras nas zonas de bosques máis pequenas foron abandonadas durante as últimas décadas. E os anacos das "zonas de exhibición" (leks) dos machos que compiten, para convenceren ás femias visitantes de que están en busca de posíbeis parellas para a copulación, que permanecen ocupados agora encóntranse máis afastados dos bordos do bosque que os ocupados na década de 1980.[11]

Outros factores que incidiron no declive da subespecie en Galicia foron a caza á que se someteu durante tantos anos (tanto a legal como o furtiva) realizada ao comezo da época de reprodución, antes de que os machos galeasen ás femias; as alteracións na vexetación (cortas masivas nos anos 1917 e 1945-1950); os actuais incendios forestais; as cortas de ramas nos acivrais para vendelos como adorno en Nadal; os aterrazamentos e repoboacións con coníferas; a apertura de pistas forestais que permite o acceso dos turistas aos lugares máis apartados, visitas que aumentaron grandemente nos últimos anos, e unha administración pública débil, que mesmo permitiu a celebración de travesías automobilísticas con vehículos todo terreo, ou manobras militares.[1]

Status[editar | editar a fonte]

Na actualidade, o status da subespecie é de en estado crítico.[Cómpre referencia]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Segundo J. M. Castroviejo

...la carne de la pita montesa, como se le llama en Galicia al urogallo, es fuertemente exquisital Los arándanos del bosque (Vaccinium uliginosum)), de los que es especialmente golosa, contribullen a otorgarle un perfume especial, que Álvaro Cunqueiro traducirá en inolvidables recetas.[18]

Pola súa parte, Cunqueiro, n mesma obra, deixou dito, entre outras cousas:

El Grand coq de bruyère. ¡El gran gallo de los brezase! Iba muy devota para Roma una señora infante de Ingleterra, y por no ser conocida hasta hablaba en francés en el viaje, y hospedóse en una abadía cercana a Grenoble, y preguntandole los señores monjes qué quería de desayuno, dijo que quería molleja de urogallo y queso frito, y un lego que etaba en un rincón con la cabeza rapada y las manos perdidas en las mangas, oyendo la demanda, gritó: «¡Esta es princesa de Inglaterra, que desayuna a la moda de Truro». Para colorear ls mejillas, dicen que no hay como las mollejas de urogallo salteads. Comían urogallo asado en compota de manzana los señores imperantes, la víspera de la coronación. Y aquel señor minesänger tan sonoro, Walter von Wogelweide, donde llegaba pedía su pechuga empanada con mucho perejil: «era muy mirado , en comer y en el beber, en perfumes y blando lecho».[21]

E despois de falar de como comían o urogallo nobres, abades e arcebispos de Francia, e doutros lugares, don Álvaro dá a receita:

Se despluma el urogallo en dos tiempos, como hacían en Nancy los duques de Lorena. Se moja en agua con vinagre, y se le deja a la nocturna rosada. A la mañana siguient se limpia. Se hace un picadillo con buena carne de ternera, jamón fresco y tocino, y aceitunas deshuesadas; se sala el picadillo, se le pone la pimienta con generosidad y se rellena el urogallo, al que se ha cubierto de manteca de cerdo y se ha salado. ¡Al horno con todo! Cuando se ha dorado, se le añade un caldillo donde cocieron las patas y menudos del urogallo y al que se bautizó con una copilla de vino, y se deja cocinar hasta que esté tan tierno como ls doncellas de Nancy y las princesas de Inglaterra, que iban a Roma de peregrinas por las primaveras de mil y pico de ave. Y cuando viene a la mesa, se aprieta sobre el ave un limón.[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Penas Patiño, X. M. 1995, p. 392.
  2. Penas Patiño, X. M. 1995, p. 391.
  3. "A extinción sen remedio da pita do monte en Galicia". GCiencia. Consultado o 2 de decembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 "Población". Life+ Urogallo Cantábrico (en castelán). Consultado o 2 de decembro de 2018. 
  5. Tetrao urogallus cantabricus Castroviejo, 1967 no ITIS.
  6. 6,0 6,1 Purroy, Javier e Felipe Gonzárez, SEO/BirdLife: El urogallo cantábrico. Manual de conservación
  7. 7,0 7,1 7,2 Castroviejo, J. 1975.
  8. 8,0 8,1 Penas Patiño et al. 1991, p. 98.
  9. 9,0 9,1 9,2 Urogallo común SEO/Birdlife.
  10. World Association of Zoos and Aquaria (WAZA). WAZA’s virtual zoo. (2009): Western Capercaillie Arquivado 05 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés). Consulato o 4 de xaneiro de 2019.
  11. 11,0 11,1 11,2 Quevedo, M.; J. M. Bañuelos; O. Sáez & J. R. Obeso (2006): "Habitat selection by Cantabrian capercaillie Tetroa urogallus cantabrius at the edge of the species' distribution". Wildlife Biology 12 (3): 267–276.
  12. Castroviejo, J. & Castroviejo, J. M. (1972): "Ancares, serra dos". En: Gran Enciclopedia Gallega. Tomo 2, pp. 78-81. Oviedo: Ed. Naranco.
  13. Castroviejo, J.; Delibes, J.; García-Dory, M. A., Garzón, J. & Junco, E. (1974): "Census of the Cantabrian Capercaillie", Population Ecology of Game Species: 203-224.
  14. Plataforma SINC (2008): Disappearance Of Pine Trees In Spain's Cantabrian Mountains Threatens Cantabrian Capercaillie Bird ScienceDaily (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2019.
  15. "Este es el número exacto de urogallos que (aún) quedan en Asturias". La Voz de Asturias, 25 de xaneiro de 2019
  16. Campo, J. C. & García-Gaona, J. F. (1983): "Censo de urogallos en la Cordillera cantábrica". Naturalia Hispanica, 25. Madrid: ICONA.
  17. Iglesias, L. (1952): Fauna de Galicia. Aves de Galicia III. Santiago de Compostela: Publicaciones de la Universidad de Santiago.
  18. 18,0 18,1 18,2 Castroviejo, J. M. & Cunqueiro, A. 1962, p. 59.
  19. Storch, I. (2000): Grouse: Status Survey and conservation Action Plan 2000-2004. Gland, Suíza: UICN / Reading, UK: World Pheasant Association. ISBN 2-8317-0519-3.
  20. Pollo, C. J.; L. Robles; J. M. Seijas; Á. García-Miranda & R. Otero (2005): "Trends in the abundance of Cantabrian Capercaillie Tetrao urogallus cantabricus at leks on the southern slope of the Cantabrian Mountains, north-west Spain". Bird Conservation International 15 :397–409.
  21. Castroviejo, J. M. & Cunqueiro, A. 1962, p. 156.
  22. Castroviejo, J. M. & Cunqueiro, A. 1962, p. 157.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]