Tesouro de Villanueva de la Serena
| Tesouro de Villanueva de la Serena | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata |
O tesouro de Villanueva de la Serena é un conxunto de 149 moedas españolas de ouro de finais do século XVIII e principios do XIX achado en 1987 no municipio estremeño de Villanueva de la Serena.
O tesouro foi obxecto dun roubo en 2026 no Museo Arqueolóxico Provincial de Badaxoz, onde formaba parte dunha exposición.
O achado
[editar | editar a fonte]O conxunto foi descuberto casualmente o 11 de novembro de 1987 por Sebastián Fernández Iglesia, un albanel de Acedera, cando este picaba terra no marco dunhas obras de derruba e cimentación no lugar que naquel momento ocupaba o cine Rialto, na rúa Carrera de Villanueva,[1] para converter o predio na nova Casa da Cultura da vila.[2]
Logo da súa taxación oficial, fixada daquela en 15 millóns de pesetas, o descubridor foi recompensado polo Estado con 650.000 pesetas, conforme o que estipula a lei española.[1][2]
Estímase que o depósito se produciu durante o século XIX, por unha familia que quixo asegurar a súa fortuna nunha época dunha grande inestabilidade política e social en España. A propiedade na que se produciu o achado fora, antes de albergar o cine Rialto, unha gran casa señorial que se sabe que pertenceu a Manuel Godoy ata polo menos 1807, antes de que se lle expropiase a súa gran fortuna, aínda que se descoñece a que lle pertenceu desde a data en que se cuñou a derradeira moeda e a fin do século XIX, co que non é posible inferir cal era a rica familia que agochou o tesouro.[1]
Contido
[editar | editar a fonte]As moedas estaban esparexidas, e non no interior dun recipiente, como ocorreu noutras ocasións. Todas elas eran de ouro e o seu peso total era próximo aos catro quilogramos.[1] Toda presentan un grao de conservación elevado.[2]
A totalidade das pezas son onzas de oito escudos, excepto unha, con valor facial de 320 reais, de peso e valor nominal equivalente, emitidas a nome de Carlos III, Carlos IV e Fernando VII entre os anos 1772 e 1822. Consonte as marcas de ceca que amosan, algunhas foron cuñadas nas casas de moeda de Sevilla e Madrid, e o resto na América española, nas casas da moeda de Popayán, México, Santiago de Chile, Santa Fe de Bogotá, Lima e Potosí.[1][2]
Exposición e roubo
[editar | editar a fonte]
O tesouro pasou a formar parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Badaxoz e foi obxecto dunha exposición temporal programada inicialmente entre decembro de 2025 e marzo de 2026, baixo o título de "El tesoro de Villanueva. Las monedas del Rialto".[1]
O 25 de abril de 2026, o tesouro foi roubado do museo na súa integridade, por uns ladróns que entraron nas súas instalacións á noite forzando unha fiestra.[3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 Flórez, A. M. (2025). "El tesoro de Villanueva. Las monedas del Salón Trajano". Semanariovegasaltas.es. 26 de decembro.
- 1 2 3 4 Murillo, A. (2025). "El Tesoro de Villanueva: cuatro kilos de oro en 149 monedas acuñadas por tres reyes". En Hoy. 3 de decembro.
- ↑ Agúndez, T.; López-Lago, J. /2026). "Quintana confirma que se llevaron todas la monedas del Tesoro de Villanueva: «No hay imágenes de los ladrones»". En Hoy. 26 de abril.
- ↑ Barrena, J. E. (2026). "Roban 149 monedas de oro del Tesoro de Villanueva que custodia el Museo Arqueológico de Badajoz". En El País. 25 de abril.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tesouro de Villanueva de la Serena |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Santos Gener, S. de los (1928). "El tesoro celtíbero-romano de los Almadenes en Pozoblanco Arquivado 21 de xuño de 2012 en Wayback Machine.". En Boletín de la Real Academia de Córdoba de Ciencias, Bellas Letras y Nobles Artes. Vol. 7. Nº 21. Páxinas 29-60.
- Madrid, A. M. (2006). "Consideraciones sobre el lugar del hallazgo del llamado "tesoro Celtíbero-Romano de los Almadenes de Pozoblanco" y otros lugares de hallazgos arqueológicos en los Pedroches". En Arte, arqueología e historia. Nº 13. Páxinas 111-115.
- Peralbo Redondo, J. F. (2019). El tesoro íbero-romano de los Almadenes de Alcaracejos. ISBN 9788409116027