Saltar ao contido

Tesouro de Quintá da Grade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Quintá da Grade
 Instancia de
 Cultura
 Material
 Composto por
3.465 moeda romana(s) Editar o valor en Wikidata
Datas
 Fundación / creación
século IV Editar o valor en Wikidata
 Descuberta / invención
1991
1992 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Lugar de descuberta
 Colección
 País
Wikidata

O tesouro de Quintá da Grade é un conxunto de 3.465 moedas romanas de bronce do século IV achado entre 1991 e 1992 na parroquia da Grade, en Chantada.

Descuberta

[editar | editar a fonte]

O primeiro grupo deste amplo depósito apareceu en 1991, ao abrir unha gabia no transcurso dunhas obras de instalación da condución de auga na zona coñecida como O Pedregal, no núcleo de Quintá, na parroquia chantadina da Grade. Estímase en máis de 10 000 os exemplares que compuñan inicialmente o tesouro, e moitos deles foron esparexidos entre a veciñanza,[1] aínda que as autoridades arqueolóxicas puideron recuperar 2.426 moedas,[2] que foron depositadas no Museo Provincial de Lugo.[3][4]

A descuberta propiciou a realización dunha intervención de urxencia, con oito sondaxes, que sacou á luz a existencia dun asentamento romano tardío, do século IV, a raíz dos muros e dos obxectos atopados.[2] Nesta intervención achouse en febreiro de 1992 unha ola de cerámica que contiña un segundo lote de 1 031 moedas, nun estado de conservación bo, así como outros 59 fragmentos grandes e outros 60 de pequeno tamaño.[5] Finalmente, os escavadores recibiron outras oito moedas dos propietarios dos terreos, completándose así o total de 3.465 que foron depositadas no Museo Provincial de Lugo.[3][4]

A partir dun estudo preliminar do conxunto de moedas, publicado en 2006 sobre a base dunha análise dunhas decenas de exemplares, púidose establecer o marco cronolóxico do depósito. O exemplar máis antigo corresponde ao ano 324 d.C., en tanto que o máis moderno se sitúa en 402 d.C., polo que hai unha boa representación da moeda constantiniana e, en xeral, da emitida por practicamente todos os emperadores romanos do século IV d.C.:[4] Constantino I (306-337), Constantino II (337-340), Constante (337-350), Constancio II (337-361), Graciano (375-383), Valente (364-378), Valentiniano I (364-375), Teodosio (379-395) e Arcadio (395-408).[6] Unha acumulación monetal tan ampla e tan prolongada no tempo é un claro indicio da inseguridade e da decadencia do Imperio, rematada finalmente, no que a Hispania se refire, coas invasións bárbaras de 409.[3]

Canto ás cecas da Antiga Roma de procedencia destas moedas, identificáronse exemplares cuñados en Arelate, Cízico, Heraclea, Nicomedia, Roma e Siscia.[6]

  1. Cavada Nieto, M. (2005). Páxina 53.
  2. 2,0 2,1 Álvarez, Y. et al. (2008). Páxina 99.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Tesouriño de Quintá da Grade (Chantada, Lugo)". En Balseiro García, A. (coord.) (2001). Páxina 52.
  4. 4,0 4,1 4,2 "B.4.- Quintá de A Grade (Chantada)". En Balseiro García, A. et al. (2021-a-). Páxina 772.
  5. Álvarez, Y. et al. (2008). Páxina 100.
  6. 6,0 6,1 Álvarez, Y. et al. (2008). Páxinas 100-101.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]