Saltar ao contido

Tesouro da Porta do Bispo Odoario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro da Porta do Bispo Odoario
 Instancia de
 Cultura
 Material
 Composto por
600 moeda romana(s) Editar o valor en Wikidata
Datas
 Descuberta / invención
abril de 1935 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Lugar de descuberta
 País
Wikidata

O tesouro da porta do Bispo Odoario é un conxunto de varios centos de moedas romanas de bronce do Baixo Imperio aparecido en 1935 nas proximidades desta porta da Muralla de Lugo.

Descuberta

[editar | editar a fonte]

O tesouro foi descuberto en abril de 1935, ao pé da porta do Bispo Odoario —aberta esta en 1921 e acabada en 1928— na esquina Noroeste da Muralla de Lugo, a un metro de profundidade, no marco das obras de construción do edificio que albergaría a Escola Profesional de Traballo.[1][2][3]

As moedas estaban contidas nun recipiente de barro que foi esnaquizado polos traballadores.[2][3] O diámetro da base da vasilla era de 15,5 centímetros e, segundo os comentarios dos obreiros, tería unha altura, antes da súa destrución, duns 40 centímetros.[4]

Planos das portas da Muralla de Lugo. A número 9 é a do Bispo Odoario, onde apareceu o tesouro.

Documéntase a entrega das moedas en dous lotes ao Museo Provincial de Lugo, ambos o 2 de novembro de 1935. O primeiro deles, refernciado co número 783, consiste nunha doazón dunha cantidade indeterminada de pequenos bronces romanos entregados por José P. Vázquez Pimentel; o segundo, co número 791, é unha doazón conxunta de varias persoas, consistente en arredor de 600 exemplares, a maioría deles moi deteriorados pola oxidación.[1][3]

Dos máis de 600 exemplares que o historiador Vázquez Seijas estudou durante o primeiro ano de coñecemento do achado, os máis antigos pertencían á época do emperador Constancio I (305-306),[5] e os máis numerosos eran do reinado de Constancio II (337-361).[6] Na súa análise deu conta tamén dun exemplar de moeda hispano-cartaxinesa.[7]

Non todas as moedas que contiña o recipiente foron parar ao Museo Provincial de Lugo, xa que se coñece que unha cantidade indeterminada foi dispersada polos obreiros logo do seu achado. En 1974, apareceron publicadas moedas romanas dunha colección particular pertencentes a este tesouro.[3][8]

  1. 1,0 1,1 "A.1. Puerta del Obispo Odoario". En Balseiro García, A. et al. (2021-a-). Páxinas 768-769
  2. 2,0 2,1 Vázquez Seijas, M. (1936). Páxina 225.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Balseiro García, A. (coord.) (2001). Páxina 45.
  4. Vázquez Seijas, M. (1936). Páxina 232.
  5. Vázquez Seijas, M. (1936). Páxina 226.
  6. Vázquez Seijas, M. (1936). Páxina 229.
  7. Vázquez Seijas, M. (1936). Páxina 231.
  8. Arias, F.; Fariña, F. (1974).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]