O terrorismo de ultradereita durante a Transición española estivo protagonizado por unha serie de organizacións que practicaron a violencia política, en forma de terrorismo de extrema dereita neofascista e de Estado, e que actuaron no Estado español entre a morte do ditador Francisco Franco (1975) e 1982. Operaron con diversos nomes, como Batallón Vasco Español (BVE), Alianza Apostólica Anticomunista, Grupos Armados Españois (GAE) ou Guerrilleiros de Cristo Rei, sendo os seus obxectivos, fundamentalmente, persoas de ideas contrarias. Axentes do servizo secreto SECED (Servizo Central de Documentación), con cartos e mans libres para actuar á marxe da lei, participaron na coordinación dos atentados. Os crimes serviron, ao mesmo tempo, para exercer presión sobre o goberno francés, xa que este se negaba, naqueles anos, a extraditar a activistas vascos.[1][2]
Os atentados deixaron un saldo de 66 persoas mortas, entre os que se contaron, entre outros, militantes de ETA, avogados laboralistas (Matanza de Atocha), sindicalistas da CNT (Caso Scala) ou simpatizantes do Partido Carlista (sucesos de Montejurra), ademais de cidadáns sen ningunha relación coa política.
Constituídos por civís, policías e militares, os grupos terroristas ultradereitistas mantiveron vencellos con organizacións fascistas europeas e americanas, así como coa formación política legal de extrema dereita Fuerza Nueva. Tras o golpe de Estado do 23-F, e a consecuente consolidación da democracia, cuxa desestabilización tiñan por obxectivo, foron debilitándose, podendo considerarse extintos en 1982.
Lorenzo Rubio, César (2013). Cárceles en llamas: el movimiento de presos sociales en la Transición(en castelán). Barcelona: Virus Editorial. ISBN978-84-92559-47-3.