Teresa Rebull
![]() (2012, Céret) ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (ca) Teresa Soler i Pi ![]() 24 de setembro de 1919 ![]() Sabadell, España ![]() |
Morte | 15 de abril de 2015 ![]() Banyuls-sur-Mer, Francia ![]() |
Residencia | Banyuls-sur-Mer (1971–) Sabadell ![]() |
Ideoloxía política | Republicanismo e antifascismo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | cantante, funcionaria, obreira, enfermeira ![]() |
Partido político | Partido Obrero de Unificación Marxista Partit dels Socialistes de Catalunya ![]() |
Movemento | Nova Cançó e Resistencia francesa ![]() |
Carreira militar | |
Lealdade | Segunda República Española ![]() |
Instrumento | Voz ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Josep Rebull Cabré ![]() |
Pais | Gonçal Soler i Bernabeu ![]() ![]() |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Diccionari biogràfic del moviment obrer als Països Catalans (pt) ![]() ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Teresa Soler i Pi, máis coñecida polo nome artístico de Teresa Rebull (apelido do seu compañeiro, Pep Rebull),[1] nada en Sabadell o 21 de setembro de 1919[2] e finada en Banyuls-sur-Mer o 15 de abril de 2015,[3] foi unha activista política, cantautora e pintora catalá. Filla de Balbina Pi e Gonçal Soler, revolucionarios anarquistas,[4] foi unha das integrantes da coñecida como Nova Cançó.[5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]Teresa Rebull naceu no barrio de Gràcia en Sabadell o 21 de setembro de 1919, aínda que o Rexistro Civil indica erroneamente que naceu o 24 de setembro.[2] Cando tiña 3 anos, a familia foi vivir a Sant Boi de Llobregat, onde naceu a súa irmá, Llibertat, en 1922. En 1924 instaláronse en Alcoi, onde naceu a segunda irmá, Assutzena. Foron vivir a Barcelona ao barrio de La Bordeta, pouco despois de novo a Sant Boi e volveron a Barcelona, á rúa da Diputació, onde viu pasar moitos dos líderes sindicais da época.
Os frecuentes cambios de domicilio tiñan como obxectivo evitar posíbeis detencións do pai ou da nai debido ao seu activismo.[6] De 1930 a 1936 volveron a Sabadell, onde viviron en diferentes casas. Ela foi á escola do Sr. Estruch, na rúa do Sol, e no colexio do matrimonio formado por Carme Simó e Enric Casassas. En 1931, cando tiña 12 anos, Rebull comezou a traballar na fábrica téxtil, polo que tiña que estudar polas tardes, primeiro no Círcol Republicà Federal e despois no Centre de Dependents.
O período republicano
[editar | editar a fonte]A súa nai era amiga do presidente Lluís Companys[1][7] e en 1936 Teresa Rebull conseguiu un traballo como secretaria no departamento de traballo da Generalitat de Cataluña. Con este novo traballo instalouse nun piso compartido na rúa Sant Pau de Barcelona. Alí entrou en contacto con Manolo Maurín, Josep Rebull e outros militantes do Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), onde comezou a militar en 1936.[8]
O 19 de xullo de 1936 instalouse en Sabadell para traballar como enfermeira, mais pouco despois regresou a Barcelona e continuou traballando na Consellería de Traballo. Durante os Sucesos de maio de 1937 abandonou a casa dos pais —quen se instalaran había pouco en Barcelona— debido a diferenzas políticas co pai, que era comunista. Como consecuencia dos Sucesos pasou 8 días na checa da Vía Laietana, da que escapou grazas a Rafael Vidiella e á axuda do seu pai, que era comunista. Porén, o pai tivo que agocharse por axudar á súa filla, polo que os pais e as irmás se estabeleceron en Palafolls. O enfrontamento fratricida entre o POUM e o PSUC significou practicamente o fin do partido «marxista revolucionario» e tocouna de preto.[7] Morreron Andreu Nin e o seu amigo Manolo Maurín, quen non sobreviviu ao tratamento na checa e a quen Teresa viu morrer nunha cama do Hospital de Sant Pau de Barcelona.[8]
A ocupación franquista e o exilio
[editar | editar a fonte]Disolto o POUM e despois de ver morrer compañeiros seus, a comezos de 1939 fuxiu a Vic —onde se atopou co seu compañeiro, Pep Rebull—, Olot, Molló, o coll d'Ares, Prats de Molló e Perpiñán, camiño de París e Bezons, onde viviu con Pep Rebull. En 1940 tornou uns nove ou dez meses a Barcelona. Alí foi bailaora nunha compañía de flamenco e traballou tamén nun posto no mercado de Gràcia. En 1941 atravesou a fronteira a pé para reunirse en París con Pep Rebull, quen non podía tornar a Cataluña por estar condenado. Teresa volveu a Barcelona para apoiar a seu pai, que estaba preso. Uns días despois, ela volve atravesar a fronteira de noite con dous pasadores. Foi de Figueres a Argelès e estabelecéronse en Marsella, de onde puideron exiliarse aos EUA grazas ao Comitè Americà d'Ajuda als Intel·lectuals Immigrants. Pero ela estaba embarazada e quedaron en Marsella, onde vivían moitos intelectuais franceses. Fixeron amizade, entre outros, con André Breton e Jean Malaquais. O 10 de abril de 1942 naceu o seu primeiro fillo, Daniel, a Regussa, onde ela colaboraba co maquis que se agochaba no bosque de Pelenc.[8] Alí viviron até o final da guerra. O 29 de xullo de 1945 naceu o seu segundo fillo, Germinal, en Marsella, onde viviron até 1948.
A familia instalouse en París, no distrito 11º. Alí Teresa fixo amizade con Jean-Paul Sartre, Albert Camus e Georges Brassens, descubriu Juliette Gréco, Boris Vian, Mario Vargas Llosa e Jorge Luis Borges.[8] Participou en actos do Casal de Catalunya de París, onde cantaba no orfeón e facía teatro e danza. En 1950 traballou de secretaria do goberno español no exilio e tivo diferentes traballos para sobrevivir, entre outros, bailarina do ballet La Bella de Cadix e do cantante Luis Mariano, froiteira e intérprete de melodías de folclore ibérico.[8] En 1952 a súa irmá Assutzena vai a París e forman un dúo, Les Seurs Soler. Durante a década cantaron cancións de diferentes culturas da Península e traballaron con Georges Brassens, Yves Montand, Leny Escudero e Patachou, entre outros. De 1961 a 1967 traballou como administrativa para as revistas Preuves e Cuadernos —especializada en cuestións de América Latina—[8] e entrou en contacto con moitos intelectuais franceses e de América do Sur. Naquel tempo comezou a recibir clases de pintura na casa de André Michael, actividade que xa non deixaría de practicar até a súa morte. En 1967 comezou a traballar na fábrica de Renault, pero non durou moito tempo.
La Cançó
[editar | editar a fonte]En 1968 coñeceu Raimon en París e Rebull conseguiu que fose entrevistado polas revistas onde traballaba. Na festa do libro organizada polo Casal de Catalunya en París participan, amais de Raimon, Maria Aurèlia Capmany e Guillermina Motta, e Rebull atrévese a cantar dúas pezas. Porén, o primeiro concerto público que deu foi na Place de la Contrescarpe, no bohemio barrio de Moufetard de París, de xeito espontáneo porque uns mozos llo pediron. Dende entón comezou a dar concertos en defensa da lingua e a cultura catalás até 1980.[1]
Desde 1955 a familia Rebull veraneaba en Banyuls-sur-Mer para estar preto da fronteira. En 1969 tivo lugar o Febrer d'Art en La Guingueta d'Ix, onde cantou xunto con Lluís Llach, Quico Pi de la Serra, Ovidi Montllor, Maria del Mar Bonet e Miquel Cors, entre outros. Foi o seu primeiro contacto co movemento da Nova Cançó e, como xa tiña 50 anos e os seus compañeiros eran moi novos, gañou o alcume cariñoso de A avoa da Nova Cançó.[8] Cantou durante un tempo na Cova del Drac de Barcelona, onde entrou en contacto con Guillem d'Efak. En Francia entrou no circuíto da Maison de la Jeunesse et la Culture e actuou en practicamente todos os departamentos.[1] En 1980 deixou de cantar, e facíao só de xeito esporádico. Con todo, o 6 de xullo de 2006 Òmnium Cultural organizoulle un concerto homenaxe no Palau de la Música Catalana, onde nunca actuara.[1] O CD Visca l'amor é proba diso. Estivo acompañada por un grupo de amigos, entre eles Lluís Llach, Maria del Mar Bonet, Joan Isaac, Blues de Picolat, Gisela Bellsolà, Josep Tero, Mariona Segarra e Gerard Jacquet.[8]
Os últimos anos
[editar | editar a fonte]De 1969 a 1985 participou todos os anos na Universitat Catalana d'Estiu en Prades. Foi unha das fundadoras do Partit dels Socialistes de Catalunya e militou nel até 2006.[7] Estabelecida en Banyuls dende 1971 —cando se xubilou Pep Rebull— pasou os seus últimos anos pintando na casa e asistindo aos eventos aos que a convidaban. Finou o 15 de abril de 2015 aos 95 anos.
Obra
[editar | editar a fonte]
Musicou poemas de Joan Salvat-Papasseit (Mester d'amor, 1977), Josep Sebastià Pons (Camí de l'argilada, 1986) e Maria Mercè Marçal, entre outros. En 1999 publicou Tot cantant, a súa autobiografía. O ano 2000 publicou o álbum Tot cantant e en 2006 Visca l'amor, que toma o nome do poema homónimo de Joan Salvat-Papasseit, incluído no álbum.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Teresa Rebull (EP, Concèntric, 1969)
- Teresa Rebull canta les seves cançons (Als 4 Vents, 1973)
- Mester d'amor / Joan Salvat Papasseit (LP, Drums, 1977), no que musica poemes de Joan Salvat-Papasseit
- Papallones... i més (LP, Picap, 1984)
- Camí de l'argilada (1986)[9]
- Cançons populars catalanes (Terra nostra, 2002)
- Teresa Rebull. Cançons, 1969-1992 (Nord-Sud Music, 2004): álbum recompilatorio de 44 cancións. Inclúe poemas musicados de Josep Gual i Lloberes, Enric Brufau, Maria Mercè Marçal, Josep Marimon, Gérard Salgas, Joan Salvat-Papasseit, Francesc Català i Duran, Jordi Pere Cerdà, Rosa Leveroni, Joan Morer, Simona Gay, Miquel Martí i Pol i Josep Sebastià Pons, amais das súas propias cancións.
- Visca l'amor. Festa homenatge a Teresa Rebull (Picap, 2006) - CD en que canta soa ou en dueto e DVD do concerto.
- Papallones i més... (Picap, 2008)
- Teresa Rebull canta les seves cançons (Picap, 2012)

Antoloxía
[editar | editar a fonte]- Dones, flors i violas. La dona en la cançó catalana, comisariada por Maria Aurèlia Capmany. As súas cancións están cantadas por Teresa Rebull, Maria Aurèlia Capmany, La Bella Dorita, Maria del Mar Bonet, Núria Feliu, Maria Cinta, Guillermina Motta, Carme Sansa e Rosa Maria Sardà.
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1977: Premio Charles-Cros polo seu álbum Mester d'amor.[9]
- 1992: Creu de Sant Jordi
- 2006: Òmnium Cultural organizou unha homenaxe na súa honra o 6 de xullo no Palau de la Música Catalana, onde puido actuar por primeira vez[8]
- 2007: Premio Memorial Francesc Macià pola súa defensa da lingua e da cultura catalás[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Prat Fernàndez, Cesc (Tardor-hivern 2015/2016). "Una tarda amb Teresa Rebull". Vallesos (en catalán): 152-153.
- ↑ 2,0 2,1 Gamell, Josep (13 de xullo de 2013). "Una tarda amb Teresa Rebull". Diari de Sabadell (en catalán). Sabadellencs: 23-26.
- ↑ Palmer, Jordi (15 de abril de 2015). "Mor la cantautora sabadellenca Teresa Rebull". Nació Digital (en catalán). Consultado o 8 de maio de 2025.
- ↑ "Ha mort Teresa Rebull: una lluitadora pels país i per les conviccions". Llibertat.cat (en catalán). 15 de abril de 2015. Consultado o 8 de maio de 2025.
- ↑ "Teresa Rebull". enciclopèdia.cat (en catalán).
- ↑ Segura Soriano, Isabel (2024). Balbina Pi i Sanllehy: una dona lliure (PDF) (en catalán). Barcelona: Generalitat de Catalunya. Institut Català de les Dones. p. 49. ISBN 9788419326256.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Prat, Cesc (16 de abril de 2015). "Teresa Rebull: “Aquests nanos de la CUP parlen com la gent del POUM”". Núvol (en catalán). Consultado o 9 de maio de 2025.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Torres, Núria (maio de 2007). "Teresa Rebull, l'àvia de la Nova Cançó". Sàpiens (en catalán) (Barcelona) (55). ISSN 1695-2014.
- ↑ 9,0 9,1 "Teresa Rebull". Enciclopèdia.cat (en catalán).
- ↑ Renyé, Aleix (15 de abril de 2015). "Ha mort Teresa Rebull". El Punt Avui (en catalán). Consultado o 13 de maio de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Creus, Jordi (2007). Dones contra Franco (en catalán). Barcelona: Ara Llibres. ISBN 9788496767003.
- Rebull, Teresa (1999). Tot cantant (en catalán). Barcelona: Columna. ISBN 84-8300-761-4.