Terceira guerra púnica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Terceira Guerra Púnica»)

A terceira guerra púnica foi un conflito militar entre as repúblicas romana e cartaxinesa, entre os anos 149 e 146 antes de Xesucristo, que finalizou coa vitoria de Roma, permitindo a súa expansión case sen oposición polo Mediterráneo e a súa hexemonía inmediata no Mediterráneo occidental (aínda que daquela Cartago xa non era unha potencia suficientemente forte como para desafiar a Roma).

No tratado que acabara coa segunda guerra púnica, Cartago comprometíase a desfacer a súa frota e a non poder guerrear con ningún país a menos que Roma llo permitise. Como consecuencia, Cartago converteuse entón nun inmenso verxel onde fora cultivado o deserto. O comercio era cada vez máis próspero, e co aumento do comercio, aumentou o esplendor de Cartago.

Catón visitou a cidade no ano 152 antes de Cristo, e puido comprobar que Cartago seguía sendo poderosa e aínda constituía unha ameaza, polo que ó volver a Roma non volveu el só, senón tamén a consigna delenda est Carthago (Cartago debe ser destruída), que saía da súa boca por moi pouco que tivera que ver co que estivera falando.

Houbo unha profunda división entre os romanos sobre que deber facer con Cartago. Mentres Catón argumentaba a favor da súa destrución, os Escipións (familia romana da que procedía Publio Cornelio Escipión o Africano, vencedor de Aníbal) crían que a destrución de Cartago traería a decadencia de Roma ao non contar cun inimigo real, polo que non querían a guerra.

Mentres os romanos discutían sobre que facer con Cartago, este país rivalizaba con Roma no comercio no Mediterráneo, sobre todo canto a produtos agrícolas, afundindo aos latifundistas romanos, polo que Catón tivo novos apoios e só faltaba un pretexto para iniciar a guerra con Cartago.

Massinisa, rei de Numidia, veciño de Cartago, atacábao con frecuencia, aproveitándose de que os cartaxineses precisaban do permiso romano para se defender. Tras moitos ataques, o pobo cartaxinés depuxo do poder ao partido prorromano e formou un exército co cal derrotar ós númidas. Os romanos encontraron aquí o pretexto que tanto buscaban e pronto armaron un exército que levantou áncora cara Cartago, vendo Catón o seu soño cumprido e tendo unha morte feliz, pois dise que morreu neste momento.

Os cartaxineses decidiron renderse, e entregaron 300 mozos por petición romana, mais os romanos desembarcaron en Uttica e obrigaron á entrega de tódolos aveños militares, o cal foi obedecido pola cidade. Inconformes con isto, transmitiron á cidadanía cartaxinesa o desexo romano de destruír a cidade, pero dándolle a liberdade de construír unha cidade a 80 estadios (15'5 km) do mar, para afastar a cidade de toda actividade comercial e relegala a actividades agrícolas. Os cartaxineses non aceptaron tal proposta, así que os romanos dispuxéronse a atacar a cidade. Non obstante, non a atacaron inmediatamente, co que lles deu tempo aos cartaxineses a preparar armas e trebellos de guerra co fin de se defender, mentres unha delegación cartaxinesa discutía en Roma un armisticio co propósito de gañar tempo.

Cando os romanos decidiron atacar, atopáronse cunha cidade con excelentes medidas defensivas, a cal freou o ataque durante dous anos, durante os cales os romanos limitáronse a asediar Cartago mentres que os cartaxineses lograban evitar o asedio, comerciando mesmo maritimamente.

Isto cambiou ao serlle entregado o mando da tropa a Escipión Emiliano, neto de forma adoptiva de Escipión o africano. Escipión Emiliano chegou a Cartago, remodelou o exército, intentou rodear completamente Cartago e, ao toparse cun enorme exército cartaxinés, venceuno esmagadoramente, asediando completamente a cidade no inverno do 147 antes de Cristo.

Cartago estaba enormemente debilitada cando, na primavera do 146 antes de Cristo, os romanos asaltaron a cidade. A poboación cartaxinesa recibiu ós romanos usando como arma calquera cousa que servise para danar a unha persoa, pero nada puideron facer fronte ás poderosas lexións de Roma. Os cartaxineses refuxiáronse no templo de Esculapio, onde, tras ser vencidos polos romanos, suicidáronse. Os escasos superviventes foron vendidos como escravos.

No canto de repoboar a cidade, os romanos demoleron os edificios e sementaron de sal os campos. O territorio Cartaxinés converteuse na provincia romana de África. O final de Cartago foi, quizais, indigna para o maior inimigo co que se enfrontou a República de Roma, pero permitiulle á República a súa hexemonía total en todo o Mediterráneo.