O intento de golpe de Estado en Turquía en 2016 refírese a unha mobilización armada realizada o 15 de xullo de 2016 por algunhas faccións dentro das Forzas Armadas de Turquía co fin de derrocar o goberno do presidente Recep Tayyip Erdoğan.[1][2] A mobilización realizouse principalmente na capital Ankara e na cidade de Istanbul, a meirande do país.
Aínda que nun comezo os sublevados acadaron o control de lugares estratéxicos, a situación evolucionou axiña nas horas seguintes despois dun masivo rexeitamento tanto da cidadanía, que saíu a protestar nas principais cidades, como de tódolos partidos políticos (incluíndo os da oposición) e a comunidade internacional. Logo de varios enfrontamentos nas rúas entre civís e militares e o bombardeo de edificios gobernamentais como a Asemblea Nacional e o Complexo Presidencial, o intento de golpe fracasou.