Tenpō tsūhō

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tenpō tsūhō (100 mon) [1][2][3]
A/: 天保通寳 (Tenpō tsūhō) R/: Arriba, 當百 (Tō Hyaku, "igual a 100"). Abaixo, sinatura estilizada de Gotō San'emon.

O Tenpō tsūhō (en xaponés: 天保通宝) foi unha moeda xaponesa de bronce do sistema monetario Tokugawa, correspondente ao período Edo, cun valor facial de 100 mon, creada no sexto ano da era Tenpō (1835) e producida por fundición ata 1870 en diferentes cecas.[4]

No anverso da moeda lese a inscrición Tenpō (天保) na súa parte superior da perforación central, en referencia á era en que se instituíu a moeda, e tsūhō (通寳) na parte inferior, co significado de "moeda circulante".[5]

Pola súa banda, na parte superior do reverso alúdese ao valor de 100 mon coa expresión Tō Hyaku (當百).[2][3] Por baixo da perforación cadrada áchase a sinatura estilizada de Gotō San'emon, como responsable da produción, membro da familia Gotō (後藤家), descendente de Gotō Shozaburo Mitsutsugu, un medallista e gravador de Quioto nomeado polo shōgun Tokugawa Ieyasu en 1600 para supervisar as cuñaxes da ceca de Edo.[6][7][8]

De xeito oficial, todas as moedas foron producidas nas cecas de Edo e de Osaca, aínda que o seu éxito e os beneficios acadados pola súa produción fixeron que se fabricase tamén, de xeito extraoficial, en diversas cecas provinciais.

Historia[editar | editar a fonte]

Creación e consecuencias[editar | editar a fonte]

O Tenpō tsūhō chegou aproximadamente un século despois da introdución do Hōei tsūhō (宝永通宝), durante o quinto ano da era Hōei (1708), que tiña un valor de 10 mon —aínda que só contiña tres veces máis cobre que unha moeda Kan'ei Tsūhō, que valía 1 mon—. Aquela moeda abandonouse pouco despois, xa que a poboación non a admitía pola discordancia entre o seu valor intrínseco e o seu valor nominal.[9][10]

O Goberno do shogunato Tokugawa comezou a emitir a moeda de 100 mon en 1835, como forma de combater o seu déficit fiscal, mais ao ter unha cantidade de cobre moi reducida —só tiña 5½ veces que a Kan'ei Tsūhō, dun mon—, a súa posta en circulación provocou unha inflación crónica nos prezos dos produtos básicos,[11] algo que os historiadores económicos poñen en paralelo coa moeda de 100 wén emitida na China en 1853 pola dinastía Qing, ou coa de 100 mun emitida en Corea en 1866, no Reino de Joseon, ambas tamén fundidas e emitidas para combater o déficit gobernamental. Mais, en tanto que a produción da chinesa finalizou nun ano,[12] e a da coreana durou só 172 días,[13][14] o Tenpō tsūhō xaponés continuou fabricándose durante todo o tempo do período Edo. Malia isto, o valor real de mercado do Tenpō tsūhō era significativamente inferior ao seu valor nominal e estímase que roldaría os 80 mon durante o final do Bakumatsu en 1869, cando a moeda chegou a se converter na máis común na circulación, cunha cota do 65 % de todas as que circulaban co seu valor en mon.[15]

Ryūkyū Tsūhō, de aspecto moi semellante ao do Tenpō Tsūhō e co mesmo valor de 100 mon.

En 1862-1863 xurdiu outra moeda tamén con valor de 100 mon, o Ryūkyū Tsūhō, baseada no Tenpō tsūhō e cunha aparencia moi similar, que foi emitida polo dominio de Satsuma baixo o goberno do señor feudal Shimazu Nariakira, co pretexto de crear unha moeda para o Reino de Ryukyu, aínda que en realidade se fixo para combater o déficit no seu propio dominio. A creación desta moeda en Satsuma resultou exitosa e de camiño comezou a utilizarse en todo o Xapón, conxuntamente co Tenpō tsūhō.[16][17][18]

Produción[editar | editar a fonte]

Desde a súa creación en 1835 ata a súa cancelación en 1870, produciuse un total de 484.804.054 exemplares do Tenpō tsūhō. Trátase de moedas fundidas en molde, non cuñadas. O primeiro lote, composto por 29.710.700 pezas, fundiuse durante un período de 15 meses entre 1835 e 1836. A produción retomouse a mediados de 1837, e ata 1842 fundíronse outras 10.024.500 moedas, co que o Goberno acadou un beneficio de 180.800 koban (ryō) en concepto de señoriaxe —a diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—. A terceira quenda de produción foi entre 1847 e 1865, nunha nova ceca establecida en Osaca, e logo continuou mesmo despois da Restauración Meiji, cunha derradeira tiraxe de 63.913.752 exemplares entre 1868 e 1870.[3]

"Árbore de moedas" con exemplares de Tenpō tsūhō segundo saen do molde de fusión e antes de recortalos.[19]

De xeito oficial, todos os Tenpō tsūhō foron elaborados nas cecas de Edo e de Osaka mais, ao resultar tan rendible a súa produción, fundíronse tamén de maneira irregular en máis dunha decena de cecas provinciais e locais, entre elas as de Kurume, Satsuma, Fukuoka, Kochi, Yamaguchi, Aizu, Sendai, Akita e Morioka. O dominio de Mito recibiu, ademais, un permiso oficial do Goberno de Edo para as producir.[3]

As moedas oficiais fundíronse con area moi fina, polo que teñen un campo moi liso, en tanto que para as non oficiais se utilizaron areas moito máis grosas, polo que os seus campos ofrecen un aspecto máis granuloso.[3]

Desaparición[editar | editar a fonte]

Xa na era Meiji, o Tenpō tsūhō deixou de emitirse ao se implantar o novo sistema do ien xaponés, de carácter decimal e inspirado nos sistemas occidentais.[20] Neste novo período retiráronse da circulación máis de 586 millóns de pezas, unha cifra que supera as emisións oficiais en máis de cen millóns de moedas, o que dá conta da gran cantidade de exemplares en circulación procedentes da fabricación irregular.[3]

Logo do establecemento do novo sistema, o Tenpō tsūhō de 100 mon pasou a valorarse só en 8 rin, unha das unidades divisionarias do ien, equivalente á súa milésima parte. Posteriormente, o Goberno desmonetizouno o 31 de decembro de 1891 e púidose trocar pola nova moeda ata a fin de 1896.[3]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

O Tenpō tsūhō e unha moeda apreciada pola comunidade do coleccionismo numismático. Aínda que o seu tipo é único e non é posible coleccionala por datas, ao non aparecer expreso na moeda o ano de emisión, os criterios para a súa colección son as diversas marcas de ceca e a existencia de máis dunha ducia de variantes coñecidas,[21] producidas ao longo dos 35 anos de existencia da moeda. Ao se tratar de tiraxes tan elevadas, os seus prezos no mercado numismático son moi accesibles e, aínda que varíen en función do estado de conservación do exemplar, non adoitan superar os 25 euros, sen prexuízo de que poida aparecer algún espécime cunhas condicións especiais de rareza que poida acadar un prezo superior.[1][3][22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Krause, C. (1995). Páxinas 136-137.
  2. 2,0 2,1 "Japanese One Hundred Mon coin". Museum of Applied Arts & Sciences (Powerhouse Collection).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "100 Mon "Tenpōtsūhō"". Numista.com
  4. "Tenpo tsuho". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 168.
  5. Gartzer, H. "Guide for attribution of Tenpo Tsuho (1835–1871)". Chinese Coinage Web Site (Charm.ru).
  6. "Japan - Ninkō - 100 Mon". Coin-brothers.com
  7. Screech, T. (2008). "An Iconography of Nihon-bashi". En Theories and Methods in Japanese Studies: Current State and Future Developments. Bonn University Press. Páxina 330. ISBN 978-3899713558
  8. Todd, H. (1998). "The British Library’s Sado Mining Scrolls". En British Library Journal. Vol. 24. Nº 1. Páxinas 130-143.
  9. Takizawa, T. (1996). Nihon no Kahei no Rekishi. Toquio. Páxina 242. ISBN 978-4642066525
  10. "10 Mon "Hōeitsūhō"". Numista.com
  11. "The History of Japanese Currency: First half of the 19th century / Bunsei and Tenpo recoinages". Bank of Japan Currency Museum.
  12. Peng Xin-Wei (1994). A Monetary History of China / Zhongguo Huobi Shi. Western Washington University. ISBN 978-0914584810.
  13. "100 Mun Ho". Numista.com
  14. Lee Seok-Ryun (1984). Hanguk Hwapye Geumyungsa Yeongu ("Estudo da historia monetaria e financeira de Corea). Pakyoungsa, Seúl. Páxina 23.
  15. Kuroda, A, (2006). “Too Commercialised to Synchronise Currencies: Monetary Peasant Economy in Late Imperial China in Comparison with Contemporary Japan”. En Proceedings of the XIV International Economic History Congress. Helsinki 2006.
  16. "100 Mon "Ryūkyūtsūhō"". Numista.com
  17. Roberts, L. (2003). "Ryuukyuuan coins". University of California, Santa Barbara.
  18. Hellyer, R. I. (2009). Páxina 192.
  19. "Coin Trees". University of California Santa Barbara.
  20. "Yen". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 183.
  21. Estudo das variantes do Tenpō Tsūhō (en xaponés). Kosenmaru.sub.jp/tenpo1.html
  22. "World Coin Price Guide: Japan 100 Mon C# 7 (1835-70)". Numismatic Guaranty Company.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]