Tengen Toppa Gurren Lagann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gurren Lagann, coñecida en Xapón como Tengen Toppa Gurren Lagann (天元突破グレンラガン, Tengen Toppa Guren Ragan, lit. "perfore os Ceos, Gurren Lagann"), é un serie televisiva xaponesa de anime mecha  animada por Gainax e co-producida por Aniplex e Konami. Retransmitíronse 27 episodios na TV Tokyo de Xapón, entre o 1 de abril do 2007 e o 30 de setembro de 2007. Foi dirixida por Hiroyuki Imaishi e escrita polo dramaturgo veterano Kazuki Nakashima. Estivera en desenvolvemento desde a participación do afamado animador nos episodios de estilo mecha de Abenobashi, polo mesmo estudio. Gurren Lagann está situado nun futuro ficticio onde a terra é gobernada polo Rei Espiral, Lord Genome, quen forza á  humanidade a vivir en aldeas subterráneas isoladas. A trama céntrase en dous adolescentes, habitantes dunha aldea subterránea, Simon e Kamina, que desexan ir á superficie. Utilizando un mecha coñecido coma Lagann, Simon e Kamina chegan á superficie e comezan a loitar xunto con outros humanos contra as forzas de Lord Genome.

En Norteamérica, aínda que inicialmente se anunciou que sería licenciado por ADV Films en 2007, transferiuse a licencia a Bandai Entertainment en 2008 e máis tarde a Aniplex of America en 2013. No Reino Unido, foi licenciado por Manga Entertainment en 2007, e transferido logo a Anime Limited en 2013. O Sci Fi Channel adquiriu os dereitos de retransmisión de Gurren Lagann e comezou a difundilo o 28 de xullo de 2008, como parte do bloque anime Ani-Monday de Sci Fi. O anime gañou diversos premios na Feria Internacional de Anime de Tokyo, Animation Kobe e os Festivais de Artes Mediáticas Xaponesas.