Saltar ao contido

Telescopio espacial CHEOPS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CHaracterising ExOPlanets Satellite / CHEOPS
TipoObservatorio espacial
OrganizaciónESA
Contratistas principaisAirbus Defence and Space - España[1]
BusAS-250[1]
Satélite deTerra
Data de lanzamento18 de decembro de 2019[2]
Foguete portadorSoiuz-ST-A Fregat-M[3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Kourou
Obxectivo da misiónCaracterización de exoplanetas.
NSSDC ID2019-092B
Masa273 kg[4]
DimensiónsAproximadamente hexagonal, 1,5 m de alto e 1,6 m de extremo a extremo.
Datos orbitais
Semieixo maior7081 km[2]
Inclinación98,2 graos[2]
Apoapse717,3 km[2]
Periapse704,1 km[2]

CHaracterising ExOPlanets Satellite (Satélite para a Caracterización de Exoplanetas, CHEOPS) é a primeira misión exoplanetaria que afronta a ESA e que será completada polas misións PLATO (Tránsitos Planetarios e Oscilacións de Estrelas) e ARIEL (Estudo de Grandes Exoplanetas por Detección Atmosférica Remota no Infravermello) a finais dos 2020. CHEOPS foi lanzado o 18 de decembro de 2019 mediante un foguete Soiuz-ST-A Fregat-M desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.[5][6][3].

Características

[editar | editar a fonte]

CHEOPS está deseñado para estudar planetas de tamaño entre a Terra e Neptuno arredor de estrelas brilantes próximas.[7], aproveitando os tránsitos. Os datos obtidos, xunto coa masa, contribuirán a caracterizalo como terroso ou gasoso, entre outras posibilidades e distincións máis finas, como paso clave para comprender a súa formación, orixe e evolución. A misión axudará a definir obxectivos máis interesantes para misións máis grandes e caras e para os observatorios terrestres, con tempo de observación limitado.[3][4]

O satélite e a misión foron froito da colaboración entre a ESA e Suíza. Está estabilizado nos tres eixos, usa o bus AS-250 e está dotado dun único instrumento, un telescopio Ritchey-Chrétien de 32 cm de diámetro cun fotómetro ultrapreciso formado por un único CCD funcionando en lonxitudes de onda do rango visible e o infravermello próximo. Tódalas especificacións do satélites fixéronse en base a dotar da maior estabilidade posible ao fotómetro. A estabilidade do apuntado é mellor de 8 segundos de arco cun nivel de confianza do 95% nun período de 48 horas de observación. CHEOPS foi inxectado nunha órbita heliosincrónica a unha altitude duns 700 km na que estará permanentemente iluminado polo Sol. Foi deseñado cunha vida útil de 3,5 anos.[3][4][1]

A planificación das observacións faise desde o Centro de Operacións Espaciais, situado na Universidade de Xenebra, que se comunica co Centro de Operacións da Misión (baixo a responsabilidade do INTA) para enviar os comandos necesarios ao satélite e facer as observacións requiridas. Para a comunicación co satélite úsanse as antenas de Torrejón de Ardoz e Villafranca del Castillo. As transmisións fanse en banda S e espérase un tráfico de datos de 1,2 Gb por día.[8]

Obxectivos da misión

[editar | editar a fonte]

O obxectivo principal é estudar a estrutura dos exoplanetas máis pequenos que Saturno en órbita arredor de estrelas brilantes e períodos inferiores a 50 días. As observacións axudarán, entre outras cousas a:[9]

  • Determinar a relación masa-radio no intervalo de masas planetarias de entre 1 e 20 masas terrestres. Para iso CHEOPS será capaz de medir radios planetarios cunha precisión do 10%.
  • Identificar planetas con atmosfera.
  • Determinar ligaduras relativas a migración planetaria: cunha mostra de planetas suficientemente grande será posible estudar as maneiras en que os planetas migran dunha órbita a outra dentro dun sistema solar.
  • Estudar o transporte de enerxía nas atmosferas dos Xupíteres quentes: detectando a curva de fase dos Xupíteres quentes poderase determinar o albedo, o que permitirá determinar algunhas propiedades das atmosferas deste tipo de planetas.

Instrumento

[editar | editar a fonte]

O fotómetro de CHEOPS foi construído para ter unha precisión fotométrica mínima de 20 ppm (partes por millón) e, idealmente, de ata 10 ppm, con seis horas de tempo de integración, equivalente á duración do tránsito dun planeta cun período de revolución de 50 días.[10]

O fotómetro está formado por un CCD de 1024x1024 píxels cunha distancia entre píxels de 13 μm. Arrefríase de forma pasiva ata 233 K, cunha estabilidade térmica de 10 mK.[10]

Resultados

[editar | editar a fonte]

No 2023, CHEOPS descubriu catro novos Mini-Neptuno:

- Arredor de HD 15906, de período orbital 21 días e temperatura 257 °C

- Arredor de HD 22946. de período 46 días e temp. 247 °C

- Arredor de HIP 9618, de período 52 días e temp. 217 °C.

Asemade, descubriu un planeta máis semellante a Neptuno arredor de TOI 5678, cun período 46 días e temp. 273 °C

  1. 1,0 1,1 1,2 ESA, ed. (1 de setembro de 2019). "Spacecraft" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 N2YO (2019). Real Time Satellite Tracking, ed. "CHEOPS" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "CHEOPS" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 ESA, ed. (18 de decembro de 2019). "CHEOPS" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  5. esa. "Cheops, la primera misión exoplanetaria de la ESA". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-02-06. 
  6. esa. "El satélite de los exoplanetas, listo para volar". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-03-29. 
  7. esa. "¿Qué tipo de planetas estudiará Cheops?". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-02-06. 
  8. ESA, ed. (18 de decembro de 2019). "Operations" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  9. ESA, ed. (1 de setembro de 2019). "Objectives" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  10. 10,0 10,1 ESA, ed. (1 de setembro de 2019). "Instrument" (en inglés). Consultado o 23 de decembro de 2019. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]